Comeza o ciclo de conferencias da Real Academia Galega de Ciencias dedicado ao mar

A Real Academia Galega de Ciencias coordinará este ciclo, que se celebrará do 16 ao 19 de xuño no Castelo de Santa Cruz (Oleiros) e en Santiago de Compostela.

Por Galicia Confidencial | A CORUÑA | 16/06/2025 | Actualizada ás 14:13

Comparte esta noticia

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) promove unha serie de conferencias dedicadas á influencia do océano no clima, no marco do ciclo "Velando pola nosa relación co mar. Os mares dannos vida" que promove a mesma entidade, en colaboración coa Deputación da Coruña. Desde a RAGC mandan un convite para asistir a este ciclo, que se celebrará "do 16 ao 19 de xuño, das 16:30 ás 20:00 horas, e tamén poderá seguirse en directo a través da canle de Youtube da RAGC". A segunda xornada, afirman, desenvolverase mañá, martes, en Oleiros, no Castelo de Santa Cruz, presentada polos coordinadores do ciclo, Fiz Fernández e Miguel Gil, científicos do Instituto de Investigacións de Vigo. Nesta sesión afondarase no cambio climático como un dos procesos máis preocupantes que afectan aos océanos e, polo tanto, ao mar en Galicia. O programa completo deste ciclo pode consultarse nesta ligazón.

Folleto do ciclo “VELANDO POLA NOSA RELACIÓN CO MAR. OS MARES DANNOS VIDA”
Folleto do ciclo “VELANDO POLA NOSA RELACIÓN CO MAR. OS MARES DANNOS VIDA” | Fonte: Real Academia Galega de Ciencias

O científico galego Alberto Naveira, catedrático da Universidade de Southampton, dará comezo á xornada do martes falando do rápido quecemento que están a sufrir as augas oceánicas na Antártida. O investigador indica que “o abismo oceánico (o océano a profundidades superiores a 2-3 km) é un dos ambientes máis hostís e inaccesibles da Terra. A pesar do seu relativo illamento da atmosfera, xoga un papel crucial no noso clima".

Outra das investigadoras participantes no segundo día da xornada é Emma Huertas, do Instituto de Ciencias Marinas de Andalucía e coordinadora da plataforma Oceans+ do CSIC. Salienta que “los mares y océanos proporcionan la mitad del oxígeno que respiramos y desempeñan un papel central en la regulación del clima, por lo que son fundamentales para mitigar el calentamiento global”.

Por outra banda, Raquel Somavilla é científica do Instituto Español de Oceanografía, pertencente ao CSIC. Na segunda xornada do ciclo abordará como o oceáno xoga un papel esencial no clima e no tempo atmosférico, tanto a escala global como rexional. Nesta liña, manifesta que “reforzar las observaciones oceánicas es clave para mejorar el conocimiento de los impactos acumulativos del cambio climático no sólo en el entorno marino sino también para nuestra seguridad y bienestar”.

Estas e outras cuestións relacionadas abordaranse neste ciclo de conferencias. Os organizadores resaltan que “para poder medir a intensidade e posibles consecuencias que este proceso global ten na nosa comunidade, cómpre describir como interactúa coa formación de augas profundas e superficiais dos océanos e como se propaga desde a escala global ás rexionais ou ás locais”. Desde a RAGC resaltan que a participación neste ciclo, tanto presencial como en liña, é gratuita, pero é necesaria a inscrición.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta