O PP critica que o BNG de Mos presuma dunha "inexistente rebaixa" nas peaxes da AP-9 con pancartas

Algo que cualificou de "tomadura de pelo".

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 10/01/2024 | Actualizada ás 16:56

Comparte esta noticia

O PP da provincia de Pontevedra criticou este mércores que o BNG de Mos colocase unhas pancartas nas que presume dunha "inexistente rebaixa" nas peaxes da autoestrada AP-9, algo que cualificou de "tomadura de pelo". Así o trasladou o presidente provincial do partido, Luís López, nunha comparecencia ante os medios na que estivo acompañado, entre outros, pola alcaldesa de Mos, a 'popular' Nidia Arévalo.

Luís López sinalou que ninguén pode entender que o BNG presuma de conseguir en Madrid a rebaixa destas peaxes, "tal e como reflicten as pancartas" instaladas en Mos. "Soben as tarifas e o BNG di que grazas a eles conseguiron en Madrid a rebaixa das peaxes. Non se pode entender semellante despropósito, é unha auténtica tomadura de pelo", afirmou.

Respecto diso, sinalou a AP-9 e a AP-53 teñen as peaxes "máis caras de España" e agora experimentaron alzas do 7 e o 5 % respectivamente, o que supón "unha auténtica barbaridade" para os petos dos galegos. Por iso, expresou a súa "incredulidade" ante este "novo esperpento do BNG", ao que acusou de "mentir", mentres o Goberno central "ri na súa cara" e "rise de Galicia".

Tras lembrar que a Xunta avanzou a conxelación e bonificación de prezos nas súas autovías e que prorroga o desconto no transporte público, o presidente do PP da provincia de Pontevedra subliñou que os cidadáns necesitan "certezas e medidas efectivas". "O PP de Galicia ofrece responsabilidade, ofrece unidade e ofrece sentido de país. Ese é o noso proxecto político, que Galicia non pare", concluíu.

O presidente provincial do PP en Pontevedra, Luís López, xunto aos alcaldes do Porriño e Mos. PP
O presidente provincial do PP en Pontevedra, Luís López, xunto aos alcaldes do Porriño e Mos. PP | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta