Un axente ambiental avisou a Xunta das verteduras de plástico o día 13 de nadal, o mesmo día que o fixo un veciño

Este empregado público escribiu un informe sobre o achado e enviouno o 19 de decembro ao xefe provincial de Patrimonio Natural.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/01/2024 | Actualizada ás 18:46

Comparte esta noticia

Un axente ambiental da Xunta localizou o pasado 13 de decembro, en praias da contorna do complexo dunar de Corrubedo, entre Ribeira e Porto do Son, varias verteduras de pélets plásticos e sacos que contiñan este mesmo material. Así figura nun informe (avanzado por 'Nós Diario') que redactou este traballador público e remitiu seis días máis tarde, o 19 de decembro, ao xefe provincial de Patrimonio Natural, pertencente á xefatura da Coruña da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Segundo o relato do axente que redacta o documento, ás 12.21 horas do 13 de decembro (mesmo día que a Xunta recoñeceu ter constancia da presenza de pélets a través dun aviso dun particular ao 112) recibiu unha chamada do axente territorial do distrito para informarlle da presenza "duns sacos sobre a area da praia de Balieiros".

Ao chegar, na parte sur observou que había varios sacos de cor branca co texto 'BEDEKO EUROPE CODE: UV 9000 STABILIZATOR UV/UV STABILIZER' impreso, así como as boliñas de plástico que posteriormente se sabería que proviñan do buque 'Toconao', que perdera seis colectores o día 8 fronte ás costas de Portugal.

Este axente ambiental viu unha situación "semellante" na parte central de Balieiros e, no norte, nunha zona de rocas, os sacos e os pélets estaban dispersados xunto a "pequenas 'galletas' de chapapote e unha capa de cor agrisada e pastosa, quizáis orixinada polo bater das ondas co chapapote ou coas partículas plásticas contra as rochas".

Posteriormente, desprazouse ata as praias de Espiñeirido e das Furnas, onde observou as mesmas verteduras. O axente tamén avisou ao vixiante de Recursos Naturais do complexo dunar de Corrubedo para que percorrese todos os seus areais. Desta forma, localizáronse pélets tamén nas praias de Vilar e Ladeira. De feito, o mesmo informe recolle que o Concello de Ribeira comprometeuse a retirar os sacos e que, nos dous primeiros días, recolléronse un total de 52.

CHAMADA AO 112 ÁS POUCAS HORAS

Poucas horas despois dese mesmo 13 de decembro, pasadas as 16.00 da tarde, a central do 112 Galicia recibía unha primeira chamada relacionada coa aparición dos pélets que realizaba Rodrigo Fresco, un veciño de Corrubedo. Esta chamada e o coñecemento da presenza das bólas plásticas na zona foran recoñecidos pola Xunta, aínda que nese momento non o relacionaba directamente cunha vertedura no mar.

Houbo outra chamada ao 112 o 24 de decembro, nesta ocasión de Salvamento Marítimo, dependente do Estado, que informou de que tiñan "varias incidencias" por localización de plásticos na costa dos que analizaban se podían ter "relación cun buque" que "parece que perdeu colectores" no mar. Así o desvelou o venres da semana pasada na súa comparecencia no Parlamento galego a vicepresidenta segunda da Xunta, Ángeles Vázquez.

Non entanto, a primeira información que o Goberno autonómico considera como oficial sobre a procedencia da vertedura é un correo electrónico reenviado que recibe por parte de Salvamento Marítimo o 3 de xaneiro, despois de que o 20 de decembro a representación legal de Maersk (compañía danesa que alugou o 'Toconao') confirmáselles a perda de seis colectores, entre eles o que tiña pélets. Foi o 3 de xaneiro cando se activou o nivel 0 (meramente informativo) do seu plan anticontaminación mariña, coñecido como Camgal, e o día 5 activouse o nivel 1. O día 9 de xaneiro, a alerta elevouse ao nivel 2.

Un axente da Policía Local e unha gardacostas fan unha recollida de pellets de plástico da area, na Illa de Arousa
Un axente da Policía Local e unha gardacostas fan unha recollida de pellets de plástico da area, na Illa de Arousa | Fonte: Elena Fernández - Arquivo

O GOBERNO TEN CLARO QUE A XUNTA XA O SABÍA 

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, asegurou este xoves que está "absolutamente claro" que a Xunta coñecía a chegada de pélets ás costas galegas desde o mes de decembro: "Volver a iso é tentar xerar néboa", criticou. Así o dixo, en declaracións aos medios, apuntando que, ademais da chamada recibida polo 112 o 13 de decembro, na que un particular informaba da localización de residuos plásticos, hai "un informe interno de persoal de Medio Ambiente" con "coñecemento da existencia de pélets" datado ese mesmo día e redactado o 19 de novembro.

Segundo informou a Delegación do Goberno, este xoves continuarán as batidas por aire e mar con medios de Salvamento Marítimo para tratar de localizar sacos de pélets. En concreto, sairá o Avión AS 102 Rosalía de Castro, que buscará pola zona de Rías Baixas e na área Corrubedo-Cabo Silleiro. Pola súa banda, a Salvamar Mirach revisará a ría de Vigo e inmediacións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta