Máquinas de apostas deportivas nos bares abertas a menores de idade: "A lei segue sen contemplar restricións de acceso"

O director técnico da Asociación Galega de Xogadores Anónimos, Juan Lamas, asegura que mesmo a través dos videoxogos que contan co modelo 'free to play-pay to win' ou de 'lut boxes' "estase inculcando aos rapaces a mentalidade de que se tes diñeiro podes obter vantaxas a nivel social; nos videoxogos a vantaxa é a nivel do propio xogo, pero iso na mentalidade dun adolescente trasládase á vida real e a cartos reais".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 27/01/2024 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Algunha vez estiveches nun dos numerosos bares nos que hai unha máquina de apostas deportivas e viches entrar a algún rapaz que non semellaba ser menor de idade e poñerse a xogar nela? Parácheste a pensalo ou tomáchelo como algo normal? E é que a realidade é que cada vez hai máis rapaces menores de idade (a pesares de que estes xogos non deberían ser para menores de 18) que están enganchados ás apostas, ás deportivas, principalmente. O Plan Nacional sobre Drogas así o certifica: hai un 22 % de menores de entre 14 e 17 anos que practican o xogo de azar. Dende Galicia Confidencial falamos con Juan Lamas, director terapéutico da Asociación Galega de Xogadores Anónimos (Agaja), que nos alerta de que é hora de facer algo, pois a Lei de Prevención non o fixo a pesares de que se aprobou hai só seis meses.

Mozo apostando a deportes nun bar
Mozo apostando a deportes nun bar | Fonte: Elrecreativo.com

O principal problema que detectan é o da publicidade. "Desde a legalización do xogo online no 2012, a través dunha lei pola que tamén se permitiu a publicidade do xogo, os operadores de apostas buscan fidelizar aos seus clientes dende idades moi temperás", asegura Lamas, que evidencia que o están a conseguir, pois "a idade media de xogo baixou dos 20 anos ata os 14 e medio". Tamén inflúe nisto a irrupción das novas tecnoloxías e o seu abuso e a facilidade para recibir estímulos de xogo, tanto nas páxinas de compras, como de pornografía, de videoxogos ou nas propias redes sociais, e "a esa idade os rapaces teñen curiosidade, así que entran no xogo, practícano e sempre vai haber algún deles que acarree unha situación patolóxica".

Falando precisamente dos videoxogos, estes están estreitamente relacionados coas apostas. Cada vez son máis os xogos que seguen o modelo 'free to play-pay to win' (gratis para xogar-paga para gañar), é dicir, que se descargan e poden xogarse de xeito gratuíto, pero que para poder avanzar e ser mellor hai que desembolsar cartos, para obter mellores armas ou mellores personaxes. Tamén hai moitos que teñen 'lut boxes' (caixas botín), nas que o rapaz merca unha especie de sobre sorpresa ou unha tirada á ruleta coa esperanza de que lle toque algunha mellora que lle axude a avanzar no xogo. Non hai moita diferencia con facer unha aposta deportiva: en ambas está presente o azar. Para o director terapéutico de Agaja, "estase inculcando aos rapaces a mentalidade de que se tes diñeiro podes obter vantaxas a nivel social, xa que no caso dos videoxogos a vantaxa é a nivel do propio xogo, pero iso na mentalidade dun adolescente trasládase á vida real e a cartos reais". 

E unha vez viciados aos xogos con 'lut boxes' e o modelo 'free to play-pay to win', o paso ao mundo das apostas está servido. Pero como é posible que aposten sendo menores de idade se non está permitido? Como expón Lamas, é moi sinxelo, pois "nas máquinas dos bares non hai ningunha necesidade de poñer a idade que tes", por iso considera que "a regulación tería que poñelo antes, porque a máquina o único que ten é un carteliño que di que está prohibido que xoguen a ela menores de 18 anos, pero non pide comprobación de que teñas máis idade". Dende Agaja, "levamos máis de 30 anos esixindo un control de acceso a todo tipo de xogos, e aínda non o hai", de feito, denuncia que "acábase de aprobar fai seis meses a nova Lei do Xogo e segue sen contemplar as máquinas de apostas deportivas en establecementos de hostelería sen ningún tipo de control de acceso". 

"FALAMOS DE RAPACES QUE NON TEÑEN A PERSONALIDADE FORMADA E VÉN AOS SEUS ÍDOLOS, 'INFLUENCERS' E FUTBOLISTAS, PROMOCIONANDO AS APOSTAS"

Mozo apostando a deportes
Mozo apostando a deportes | Fonte: RTVE

Nas casas de apostas e nos salóns de xogo "si se fai un control de acceso teórico", pero "naqueles establecementos onde a entrada é libre, como nun bar, non hai ningún tipo de control de acceso". E hai que ter en contar que son lugares nos que poñen os partidos en televisión (hoxe en día para un usuario medio é prohibitivo o prezo de ver o fútbol na casa, porque as tarifas dos operadores están disparadas) e, polo tanto, a tentación de ter ao alcance unha máquina na que realizar unha aposta sobre o resultado final é moi grande. Ademais, no caso de salóns de apostas, "a Coca-Cola póñena máis barata, ou danche de almorzar gratis", como "estratexias dos operadores para fidelizar e atraer aos clientes".

A problemática da adicción ao xogo non só preocupa entre os menores, tamén entre os adultos, que cada vez teñen máis e máis lugares de xogo, pero "se falamos de idades por debaixo dos 18 anos, estamos a falar de rapaces que aínda non teñen a personalidade formada nin os mecanismos de afrontamento de toda esa serie de estímulos", advirte o director terapéutico. Así, "lóxicamente segue habendo un aumento de usuarios de xogo e, entre eses usuarios, sempre vai haber algunhas persoas que rematen por configurar unha situación de adicción", lamenta Lamas. Sobre todo cando a través das redes sociais vén aos seus ídolos ('influencers', 'tiktokers', 'instagramers' e 'youtubers') que patrocinan estes xogos (mesmo futbolistas e xente do propio mundo deportivo ou nos anuncios dos campos de fútbol).

"COMEZAN A GASTAR AFORROS, PEDIR PRÉSTAMOS, MICROCRÉDITOS E, NOS CASOS MÁIS ACUCIANTES, MESMO A ROUBAR CARTOS AOS PAIS"

Para o director terapéutico, este fenómeno non é nada extraño, pois "entra dentro da globalidade que fai a administración cos seus xogos públicos", é dicir, coa lotaría, un tipo de xogo de azar aceptado socialmente e que non por iso deixa de ser perigoso e adictivo. Precisamente por iso, porque é unha problemática derivada do devir da sociedade, Lamas aconsella aos pais que detecten que os seus fillos teñen problemas co xogo que "non os culpabilicen, nin tenten aplicar criterios morais para falar con eles". "Primeiro habería que ter unha campaña de prevención e información no ámbito escolar e para toda a poboación sobre os riscos que ten o xogo, e no caso concreto dos pais, en canto estes detectaran algún síntoma de anomalía, que sempre adoita vir pola vía económica, ou tamén por un baixo rendemento escolar ou un aillamento social, deben achegarse ao mozo e preguntarlle polo que lle está pasando sen ningún tipo de xuízo ou culpabilidade, ao igual que se exploraría o alcolismo ou o consumo doutro tipo de substancias", expón o psicólogo. 

Por outra banda, para moitos adultos que non teñen fillos hoxe en día é incomprensible pensar en como rapaces tan pequenos poden ter medios económicos como para apostar, pois á súa idade non gozaban de tal poder adquisitivo. Como é isto posible? Lamas explica que "comezan a gastar dos aforros, a mentir, a dicirlle aos seus pais que precisan cartos para apuntes ou otro tipo de cousas, empezan a realizarse micropréstamos pequenos entre os amigos e, a partires de aí, xa poden saltar aos microcréditos, que chos dan en 10 minutos por Internet e sen ningún tipo de requisito". Mesmo indica que, "nos casos máis acuciantes, pode chegarse ao furto dentro da contorna familiar, meténdolle man á carteira do pai ou da nai ou usando o seu cartón de crédito para realizar apostas por Internet, porque o que ten unha adicción vai conseguir diñeiro polo lado que sexa". É como o que busca a droga, precísaa.

"OU SE POÑEN MEDIDAS OU VAI SEGUIR BAIXANDO A IDADE DE ACCESO A ESTES XOGOS, COA GRAVIDADE QUE ISO TEN PARA O BENESTAR SOCIAL E EMOCIONAL"

Pero, especialmente, Lamas incide en que dende o plano social "non se pode descargar toda a responsabilidade no ámbito familiar, cando socialmente hai toda unha serie de cuestións que os están empuxando a xogar". "Non poden pretender que os pais sexamos Superman", lamenta. E pon como exemplo o que ocorre cos móbiles na actualidade: "Cando o agasallo estrela da Primeira Comuñón, aos nove anos, é un móbil con conexión a Internet, logo non podes queixarte de que aos 14 anos o neno ten problemas co uso do móbil", e "cando tentas arreglalo poñendo normativas no ámbito escolar sobre o uso do móbil e a súa prohibición, xa vas tarde". Pero o problema tamén está en que é malo regalarllo, pero tamén é malo non facelo, porque "se non llo regalas aos nove anos estás creando un excluído social e condenándoo a ser o único da clase que non teña móbil".

Ou se poñen medidas xa ou a cousa vai seguir aumentando, e, como detalla o director terapéutico, "sobre todo van a seguir baixando as variables de idade, coa gravidade que iso ten", pois a adicción ao xogo relaciónase con toda unha serie de consecuencias como "o baixo rendemento escolar, o absentismo escolar e mesmo laboral, os problemas de conciliación do sono, os problemas familiares, as agresións aos pais, o aillamento social...". Por iso, cando os pais chegan a Agaja están xa desesperados, e como asegura Lamas, chegan pedindo axuda dicindo "'que fago co meu fillo, porque eu xa non podo con el'".

Máquinas de xogo
Máquinas de xogo | Fonte: Getty Images
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta