Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 06/02/2024 | Actualizada ás 22:15
Ana Pontón, a candidata nacionalista á Xunta de Galicia nos comicios deste 18 de febreiro, foi gañando popularidade dende que se situou á fronte do BNG aló por febreiro de 2016, en substitución de Francisco Jorquera (2012-2016). Anteriormente estaba dirixindo o partido Guillerme Vázquez (2009-2012) e Anxo Quintana (2003-2009). Pontón, por aquel entón, non chegaba aos 40 anos, a pesares de ter unha dilatada experiencia parlamentaria, e foi arroupada polos seus como un bálsamo para un partido que se enfrontaba nas eleccións de 2016 a un gran reto: a súa supervivencia.
E é que hai que lembrar que por aquel entón o partido non atravesaba por un bo momento: de acadar 12 escanos nas eleccións do 2009, baixar a 7 nas de 2012 e, finalmente, caer a só 6 nas de 2016 (aínda así foron máis dos que nun comezo lle auguraban as enquisas: o Centro de Investigacións Socialóxicas dicía que só sacaría 2 tras a posta á fronte de Ana Pontón), o medo á desaparición era notable. Pontón, a primeira muller á fronte do BNG e a primeira aspirante a muller presidenta de Galicia, debía evitar tal descalabro.
E o certo é que comezaba cunha valoración suspensa entre a poboación. Na enquisa do CIS de cara ás eleccións do 25 de setembro de 2016, con tan só medio ano á fronte da formación, os galegos poñíanlle un 4,47 (fronte ao 5,24 que sacaba Alberto Núñez Feijóo, á fronte do PP; ou ao 4,62 que tiña Luís Villares, á fronte de En Marea). Ademais, Pontón tan só era coñecida, segundo o mesmo estudo, polo 42,4 % da poboación, o que quere dicir que seis de cada dez galegos non sabían nin quen era.
Mais, tras lograr sacar mellores resultados dos esperados, superando por 4 escanos a previsión das enquisas para ese ano 2016, a percepción da sarriá por parte da xente foi a mellor. Tanto é así que de cara aos comicios de 2020 a súa nota valorativa por parte dos enquisados no CIS xa subira a un 5,1 (fronte ao 5,9 que acadara Feijóo). Ademais, xa era coñecida polo 75 % dos enquisados: por tres de cada catro galegos.
Que a súa popularidade estaba reforzando ao partido quedou patente cos resultados electorais dese ano. Nos comicios galegos do 12 de xullo de 2020 agardábase, segundo o CIS, que o BNG sacase entre 12 e 14 escanos. Cal foi a sorpresa cando chegaron á frioleira de 19, 'roubándolle' varios ao PSdeG e logrando superalo e situarse como segunda forza no Parlamento de Galicia. Pontón xa estaba consolidada como unha líder nata, en todo o senso da palabra.
E, AGORA QUE?
E agora, que acontecerá nas eleccións deste febreiro? Pois dende o Centro de Investigacións Sociolóxicas apuntan a que a subida dos nacionalistas seguirá o seu curso, chegando a entre 20 e 23 deputados, sacando tanto do PSdeG como do PP, que este ano haberá que ver se é quen de chegar á súa cuarta maioría absoluta ('a priori' semella que non será así). Ademais, Pontón chega a estes comicios de 2024 como a líder galega mellor valorada, cunha nota dun 5,77 (seguiríalle cun 5,39 Alfonso Rueda, á fronte de PP). E agora tamén é unha política moi coñecida por parte da poboación: o 92,5 % dos galegos saben quen é, é dicir, máis de nove de cada dez.
De feito, Pontón é a primeira dos líderes nacionalistas que logra aprobar o exame de valoración do CIS. Na enquisa de cara aos comicios do 2009, Anxo Quintana non superara o 4,60, aínda que ben é certo que era altamente coñecido: un 98,3 % dos galegos sabían quen era, incluso máis que Feijóo (coñecíao o 96 % da poboación); e na enquisa de cara ás eleccións de 2012, Francisco Jorquera quedárase nun tímido 3,24, sendo coñecido polo 79,2 % dos galegos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.