Máis de 2.100 opositores nos exames do Sergas desta fin de semana

Entre as categorías a exame están Enfermaría Familiar e Comunitaria; Fisioterapeuta; Técnico Superior de sistemas e tecnoloxías da información e Técnico/a superior en Hixiene Bucodental.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/02/2024 | Actualizada ás 14:50

Comparte esta noticia

O Recinto Feiral Internacional de Galicia (Silleda) acolle esta fin de semana as probas selectivas para o acceso ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) en distintas categorías ás que se presentan un total de 2.138 opositores. Entre as categorías a exame están Enfermaría Familiar e Comunitaria; Fisioterapeuta; Técnico Superior de sistemas e tecnoloxías da información e Técnico/a superior en Hixiene Bucodental.

Na xornada do sábado, o Sergas ofrece un total de 134 prazas distribuídas en catro categorías profesionais. En concreto, 61 prazas de enfermeiro especialista en enfermaría de familia e comunitaria; 70 de fisioterapueta; un de técnico superior de sistemas e tecnoloxías da información; e dous de técnico superior en hixiene bucodental.

Miles de aspirantes vestíronse de negro como protesta mentres realizan as oposicións de Enfermaría do Sergas
Miles de aspirantes vestíronse de negro como protesta mentres realizan as oposicións de Enfermaría do Sergas | Fonte: Europa Press - Arquivo

Na páxina web do Sergas aparece recollida a información das distintas portas de acceso ao recinto e a relación de aspirantes comprendidos en cada unha delas. Durante todo o mes de febreiro, o Sergas oferta un total de 913 prazas distribuídas en 10 categorías. Así, ás 134 prazas deste sábado engádense as 779 ofertadas durante a pasada fin de semana, na que participaron máis de 13.500 opositores. O próximo 16 de marzo o Sergas continuará coa realización das probas selectivas para a cobertura de prazas en 37 categorías de persoal estatutario licenciado sanitario.

Durante a quenda de mañá, desenvolveranse os exames de Facultativo especialista en: alergoloxía; anatomía patolóxica; anxioloxía e cirurxía vascular; cirurxía cardiovascular; cirurxía oral e maxilofacial; cirurxía pediátrica; cirurxía plástica, estética e reparadora; dermatoloxía médico-cirúrxica e venereoloxía; endocrinoloxía e nutrición; medicina física e rehabilitación; medicina intensiva; microbioloxía e parasitoloxía; nefroloxía, neurociruxía, neuroloxía, oftalmoloxía, oncoloxía médica, otorrinolaringoloxía; pneumoloxía; psiquiatría; uroloxía; xeriatría; médico de admisión e documentación clínica; e médico asistencial do 061.

Xa pola tarde será a quenda de anestesioloxía e reanimación; aparello dixestivo; cardioloxía; cirurxía torácica; cirurxía xeral e aparello dixestivo; hematoloxía e hemoterapia; medicina interna, medicina preventiva e saúde pública; neuroloxía, pediatría e as súas áreas específicas; psicoloxía clínica, radiodiagnóstico, reumatoloxía; e médico coordinador do 061.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta