Lotes de ambulancias do 061 "desertos" no concurso da Xunta por "infradotación económica"

Así o denunciaron este luns centrais sindicais, que non descartan mobilizacións ante o que tachan de situación "inaguantable".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/02/2024 | Actualizada ás 14:37

Comparte esta noticia

Centrais sindicais denunciaron este luns a situación xerada tras quedar desertos cinco lotes dos 13 do concurso autonómico de transporte sanitario urxente do 061. Situación que achacan á "infradotación económica". Concretamente, estes lotes corresponden á provincia de Pontevedra e a comarca da Coruña, "as zonas de Galicia con maior poboación que agora mesmo están sen transporte sanitario no novo contrato" (prorrogouse o anterior), segundo apuntou Suso Pastoriza, de CIG.

A Pastoriza acompañárono na rolda de prensa o representante sindical de UGT, Marcial Rodríguez; o de USO, José Manuel Santalla; e o de CC.OO., Roberto Rodríguez. Apuntaron tamén que aínda que a Xunta de Galicia "prometeu sacar un gran concurso" do transporte non urxente a finais de ano, "aínda nada".

"É evidente que toda esa marabilla da Xunta non se concretou en ningunha realidade", lamentou Pastoriza que, vistos os tempos, deslizou que quizais no Goberno galego xa manexaban "previsións electorais". Censuran o "segredo" da Administración autonómica respecto diso e aseguran non saber "nada". "Todo son rumores", afean. Así mesmo, inciden na "infradotación" dos contratos, tanto en medios como economicamente, motivo ao que apuntan para que queden desertos.

E é que, sinalan, "seguen aparecendo ambulancias cun só técnico, o condutor". Esta "deficiencia" leva anos sendo denunciada polos sindicatos, que insisten na necesidade de levar dous técnicos, sobre todo para poder mover aos pacientes e evitar desprazamentos doutras unidades que, por tanto, non poden destinarse a outras emerxencias. Todo isto, insisten, solucionaríase cun técnico máis.

Nesta liña, explican que hai ambulancias nalgunhas cidades que teñen quendas de 12 horas e que están a facer entre 15 e 20 servizos; "máis dun servizo por hora". Táchano de "inhumano" e lembran que as baixas neste sector son moito máis numerosas que noutros, pese a que a idade media dos traballadores "non é moi alta".

"Os servizos aumentaron, a carga laboral aumentou moitísimo máis e os recursos son os mesmos, co que non é que esteamos igual, é que estamos peor", defenderon. Inciden en que "evidentemente non hai ambulancias suficientes" e que se están "tapando buracos abríndoos noutros", sen valorar o carácter de emerxencia "como algo extraordinario".

"Se tes x dotacións traballando a pleno rendemento de maneira ordinaria, digamos que omites o feito de que poida xurdir un evento extraordinario para o que ti non teñas recursos dispoñibles. Paréceme un pouco irresponsable por parte da Xunta cando as teñen ocupadas a pleno rendemento durante 365 días, as 24 horas", defenderon.

A conclusión para os representantes sindicais é que, "para garantir a calidade do servizo", sería necesario incrementar a dotación económica dos concursos por encima do 20 %, "fronte a incrementos como os contemplados nos pregos para áreas como a de Santiago, que foi do 1,8%, que é nin o IPC". Conclúen que non descartan empezar con mobilizacións a curto ou medio prazo "porque a situación é iniguantable".

Ambulancia do 061
Ambulancia do 061 | Fonte: Europa Press - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta