Por Galicia Confidencial | A Coruña | 06/09/2015 | Actualizada ás 23:16
Unha nova vítima do tráxico accidente no Rally da Coruña. A nena de 12 anos de Carral que permanecía ingresada en estado crítico na UCI do Materno Infantil morreu a última hora do domingo. Con este falecemento, son xa sete as vítimas causadas pola saída de estrada dun vehículo participante na proba deportiva.
Cinco feridos máis permanecen aínda ingresados, catro no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), un deles en estado moi grave na UCI, e un neno no Materno Infantil Teresa Herrera. Outros dez recibiron a alta médica durante a xornada do domingo.
As seis primeiras vítimas mortais do accidente serán enterradas este luns nos municipios de Cambre e Carral, onde residían. Trátase dunha muller nova embarazada e a súa parella, Ana Cayazzo e Miguel Caridad, que serán enterrados en Cambre, ao igual que Laura Dubra. En Carral recibirán sepultura Sandra Ares e a súa filla Aroa Manteiga e tamén Marcos Prego.
Tanto Cambre como Carral renderon este domingo senllas homenaxes en memoria das vítimas. Un Peugeot 206 XS que pilotaba Sergio Tabeayo, veciño do mesmo Carral, atropelou pouco antes das oito da tarde a unha vintena de espectadores no derradeiro tramo do Rally da Coruña preto da igrexa vella de Paleo. Segundo o alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño, o piloto esta “destrozado”.
O xulgado número 8 da Coruña segue coa investigación do suceso, pero polo momento aínda non fixou unha data para tomar declaracións aos implicados.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.