Marta Brañas, militar e exboxeadora: "Aquí non hai homes ou mulleres, todos somos soldados"

O Galicia Confidencial segue coa serie de entrevistas con motivo do Día da Muller Traballadora. Foi a primera campioa de España de boxeo a nivel profesional, primera boxeadora profesional gallega e actualmente é tenente enfermeira no Exército en Melilla.

Por Amanda Fernández | Compostela | 08/03/2024 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Marta Brañas é coñecida polo seu éxito como boxeadora, a 'Potrilla de Arteixo', a primeira campioa de España de boxeo a nivel profesional no 2015 e tamén a primeira boxeadora profesional galega. Nesta nova peza con motivo do 8M, poñemos en valor tanto esta faceta de deportista, nun ámbito socialmente asociado aos homes, como a profesión actual de Marta  de tenente enfermeira no Exército en Melilla. 

Marta Brañas nun combate
Marta Brañas nun combate

Xa desde pequena recoñece que lle gustaron eses deportes "socialmente caracterizados para nenos". Era futboleira e practicaba artes marciais e isto era algo que a xente "non vía normal". Naquel momento, a esa Marta sendo unha nena, esta situación producíalle frustración e o sentimento de ser alguén raro e co paso dos anos, foi algo que normalizou. "Si que é certo que cando empecei a boxear, me dicían moito que non parecía boxeadora, e eu preguntaba: 'Por que? Como teño que ser para parecer boxeadora?' Afortunadamente pouco a pouco se están rompendo eses clichés e a situación está normalizándose". 

OS PASOS DE MARTA PARA SER A PRIMEIRA CAMPIOA DE ESPAÑA 

Marta comezou coas artes marciais aos 15 anos facendo Kung-Fu ata os 17, cando, explica, estaba xa algo cansada e quixo "probar outras disciplinas dos deportes de combate". No seu momento decidiu cambiar de ximnasio en Arteixo e probar co boxeo e Kick boxing. "Nese intre nunca pensei en competir nin tiña esa intención. Déuseme ben e o meu adestrador pensou que podía competir e buscoume un combate, que se deu en Madrid. Aí empezou a miña carreira como boxeadora".  

No 2009, entrou na Selección Española de Boxeo Olímpico, no que eran os inicios do "boxeo feminino a nivel España, en todos os sentidos". Marta recorda unha situación de discriminación vivida froito da incursión inicial das mulleres neste deporte. "Crearon o equipo feminino e o masculino estaba adestrando no Centro de Alto Rendemento de Madrid e ao equipo feminino trasladáronnos a Murcia, a un centro de tecnificación máis pequeno e con instalacións máis pobres", comenta e destaca que estiveron empregando material que tiñan na Federación Española "gardado en Madrid e que era o que desbotaran os homes porque xa non lles servía". Describe que eran "sacos duros e pesados" que lle propiciaron unha lesión no pulso que a deixou sen poder boxear durante un ano máis ou menos. 

Marta Brañas, primeira boxeadora profesional galega
Marta Brañas, primeira boxeadora profesional galega

Conta que lles demostrar constantemente que adestraban igual, que competian igual, que estaban ao nivel de Europa e dando o mesmo nivel que o equipo masculino. Entre os seus logros, conseguiron que as levasen a Madrid para adestrar e ter as mesmas bolsas deportivas ca eles. "É certo que esa diferenciación foi porque era o noso comezo, pero a base de estar loitando, queixándonos e desmostrando, ao final conseguímolo". Afirma que a súa familia sempre estivo para apoiala, pero que o boxeo non lles gustaba especialmente por medo aos riscos e a "un mal golpe". 

COLGAR OS GUANTES POLA SÚA VERDADEIRA VOCACIÓN 

En que momento decidiu colgar os guantes? Foi no 2017 nunha competición en Panamá que coincidía co seu último ano da carreira universitaria de Enfermería. "Tiña moitos exames, as prácticas finais, xa traballaba como soldado e quería presentarme á oposición do Corpo Militar de Sanidade para ser tenente enfermeira. Xuntóuseme todo e, tras 14 anos competindo, estaba en Panamá para disputar o título e experimentei distintos conflictos por temas de promoción. Finalmente, non se disputou ese título internacional e iso fixo que me desencantase un pouco e con todo o que tiña, decidín retirarme aí", expón. 

Actualmente, tras conseguir aprobar esa oposición, é tenente enfermeira do Exército en Melilla e o seu traballo consiste en "dar coidado aos militares en cuestións, principalmente, de enfermería de urxencias e emerxencias". Comenta que a súa vida cambiou por completo xa que pasou de vivir na Coruña como soldado e irse á "outra punta de España" para ser tenente enfermeira, "un traballo totalmente diferente". Fai fincapé en que no ámbito militar, está moi normalizada a presenza femenina: "Podemos optar aos mesmos postos de traballo, os soldos son iguais e non hai diferenza ninguna. Aquí, de feito, non hai homes e mulleres, aquí todos somos soldados". 

"ISO NON O FAN AS NENAS" 

Marta destaca que hai moito descoñecemento e que a xente a nivel xeral "descoñece o papel da muller neste tipo de ámbitos como as Forzas Armadas ou o boxeo". Para isto, pensa que é positivo que se saiba máis de como son de portas cara dentro estas actividades "socialmente recoñecidas como masculinas". O camiño non foi doado, pese a que sempre tivo claro que quería ser militar, era vocacional: "Naquel tempo era moito máis raro ver a unha nena así. Hai momentos nos que dubidas, te frustras porque che están diciendo 'iso é de nenos, marimacho, iso non o fan as nenas' e pregúntaste por que non o podo facer? 'Pois non quero ser unha nena porque non me gustan as cousas de nenas'. Agora mesmo quero pensar que non pasa ou pasa menos e está máis normalizado, xa hai máis nenas que xogan ao fútbol ou que boxean e no Exercito hai máis mulleres". 

Que consello lles darías a esas nenas de hoxe en día? "Que non fagan caso do que poida dicir a xente, que fagan caso do que lles guste, lles aporte e lles faga felices, e que non hai actividades nin de homes nin de mullleres, que todos podemos facer de todo e que poden conseguir o que se propoñan", conclúe.

Marta Brañas, tenente enfermeira
Marta Brañas, tenente enfermeira
Marta Brañas, primeira campioa de España a nivel profesional
Marta Brañas, primeira campioa de España a nivel profesional
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta