Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 07/03/2024 | Actualizada ás 21:14
Chegando case ao final da nosa serie sobre mulleres loitadoras que se fixeron un oco a base de esforzo en sectores monopolizados por homes, o Galicia Confidencial achégase á historia de María, unha mariscadora de a flote que cada día sae pola ría de Noia (ou saía ata que o marisco comezou a escasear) co seu barco para rastrexar. Antes facíao acompañada de seu pai e, agora, do seu marido, ao que mesmo lle tivo que ensinar o oficio. Un oficio que lle encanta, a pesares de que é consciente de que a situación no sector non está nada ben nestes momentos, pois levan dous anos de case non recoller nada.
Comezando polos seus inicios, María é educadora infantil, pero as cousas da vida levárona ata o mar. "Non atopaba traballo e, cando miña nai colleu cancro, meu pai, que foi toda a vida mariscador de a flote, entrou nunha depresión, e como non quería deixalo solo, saqueime os títulos e fun con el a rastrexar", conta, indicando que, "aínda que meu pai ía ao mar con outro rapaz, aos dous anos pedinlle que comprara o barco porque a min gustábame o oficio e quería adicarme a isto". Deste xeito, María traballaba como educadora polas tardes e ía ao marisco pola mañá. "Quince anos botei así", lembra, con nostalxia pero tamén con algo de esgotamento polo esforzo que combinar estas dúas profesións supoñía.
E en que consiste, para ser precisos, o seu traballo? "Nos imos ao mar ás 9 da mañá no barco e, cando nos indica a confraría, temos que empezar a tirar o rastro ao mar para ir collendo o marisco", indica María, que chancea (con toda a razón do mundo), ao dicir que "canto máis traballes, máis comes". Dende ameixa fina ou xapónica a ameixa babosa, pasando polo berberecho, todo iso colle, aínda que "o que máis collemos é berberecho". Por desgraza, como nos asegura, "este ano non puidemos traballar moito porque non había". "Levamos dous anos nos que nada de nada, o ano pasado só saímos a rastrexar dous meses, que non nos deu para nada, e este ano 15 días, e aquí estamos, á espera de axudas", lamenta, criticando que "ás eléctricas non lle importamos nada e cando chove moito liberan o encoro e mátannos a toda a cría".
"ESTE TRABALLO É MÁIS MAÑA QUE FORZA, SEMPRE O DIGO"
Para María o traballo sinxelo non é, pero "todo é acostumarse", de feito, afirma que "é máis maña que forza, sempre llo digo a todas as rapazas que empezan", pois, como ben di, "tamén tes que acostumarte a traballar baixo un xefe". Neste oficio, alo menos, es o teu propio xefe e "se un día te atopas mal non tes por que ir, se un día estás mal dunha man esfórzaste menos, fas o que ti podes e ninguén che vai poñer límite". De feito, confesa que "hai mariscadores de a flote que levan 30 anos neste oficio e que teñen moita máis forza ca min, pero eu vou ao meu ritmo e tamén vou facendo". "Sabes que o día que non vas polo que sexa, non vas gañar cartos, pero podes permitirte facelo sen que ninguén cho impida", admite María.
Cando ela comezou a saír no barco co seu pai, "algunha muller máis había, pero moi poucas" e, a día de hoxe, "seguimos sendo moi minoritarias". Non porque non vaian nos barcos, senón porque moi poucas rastrexan: "Hai moitas mulleres que saen cos seus maridos no barco, pero non levan o rastro, van escoller a calidade do marisco, a clasificalo", explica María. Sen embargo, "eu no, eu traballo co meu marido, os dous usamos o rastro e, cando rematamos a xornada de traballo, é cando clasificamos o produto que collemos". Iso é o que está máis acostumada a ver ela: mulleres que só se adican á clasificación mentres os maridos rastrexan.
"CADA VEZ MÁIS HOMES TAMÉN SE SUMAN AO MARISQUEO A PÉ"
Ao preguntarlle a que pode deberse isto, confésanos que non ten nin idea. E cando lle plantexamos se pode ser porque o traballo require forza, cre que non ten moito que ver, xa que "eu empecei con 19 anos no oficio e forza forza non tiña". E chancea con que nese momento "nin maña" tiña, pois "a primeira vez que collín o rastro caeume cos dentes para arriba; a segunda vez xa intentei que caese cos dentes para abaixo". Ademais, aínda que ao comezo "pódenche doer os brazos", "dóenche dous días, ao terceiro xa non, xa te acostumas".
O que máis se segue a ver a día de hoxe no sector do mar son mulleres mariscadoras de a pé. María dinos que, a pesares de que "aínda seguen a ser maioritarias a día de hoxe, cada vez tamén entran máis homes nesta modalidade". Por que? "Porque mercar un barco aquí é moi caro, e como levamos dous anos moi malos a cousa está moi mal, así que moitos prefiren sacar a titulación de terra e gañan case o mesmo ca nós, ou mesmo máis", asegura a mariscadora de a flote. De feito, no seu caso, todo parte de que sería como unha especie de negocio familiar, porque senón o tería tido moito máis complicado.
"TIVEN QUE ENSINAR A RASTREXAR AO MEU MARIDO"
Dentro do marisqueo a flote, indícanos que hai varias mulleres novas, pois "agora xubiláronse tres ou catro das que quedaban maiores e as que quedamos somos novas, a máis maior pode ter sobre 50 anos, pero a maioría andan todas nos 40 anos, eu, que teño 35, quizáis sexa a máis nova, xunto con outra rapaza que ten os mesmos ou algo menos de anos ca min". De feito, María, durante moitos anos, foi a máis nova no seu, polo que "sempre me axudaron moito en todo o que necesitei, sempre tiven a axuda de todos e nunca me sentín discriminada, por sorte". Así, e ao contrario do que puidera pensarse, nunca recibiu comentarios machistas por parte dos seus compañeiros de profesión e mesmo, cando tiña que cargar con moitos quilos de peso, se ofrecían a botarlle unha man.
A modo de anécdota divertida, María cóntanos un segredo: tivo que ensinar a rastrexar ao seu marido. "El traballaba no sector das ventás e empezou fai catro anos neste oficio, cando meu pai se ía xubilar e eu díxenlle que alguén tiña que vir comigo ao mar", lembra esta mariscadora, que explica que "pediu unhas horas no traballo e comezou a vir comigo, así que tívenlle que ensinar de cero". Agora xa ten práctica, así que "dáselle moi ben e combina os dous traballos". E é que como destaca María, "este non é un traballo complicado, todo é cuestión de concentrarse".
"LÉMBROME DUN CHUVASCO QUE NOS COLLEU QUE NUNCA SE ME OLVIDARÁ"
O máis duro da profesión, sen dúbida, é facer fronte ao tempo e ao mal clima que ten Galicia durante os invernos, que supón un verdadeiro desafío para a xente do mar. "Ao mal tempo hai que poñerlle boa cara, pero si que é certo que para min iso sería o máis complicado deste traballo, non o traballo en si", confesa María, que explica que, no caso da súa confraría, "nós traballamos todo o inverno, de setembro a abril, así que non collemos ningún mes con moi bo tempo, sempre nos toca no peor, ao contrario que na zona de Muros, por exemplo, onde si traballan durante o verán".
E ese mal tempo xa lle pegou algún que outro susto. "Lémbrome cando levaba seis ou sete anos no oficio e meu pai me dixo: 'colle a roupa de augas que veñen chuvascos'; e o chuvasco ese non se me olvida na vida", recorda a mariscadora, que conta que "tivemos que cortar os cabos, perdemos un rastro e, cando chegamos á terra, a xente tamén perdera rastros, cabos e mesmo cachos de barco que se soltarán estando atados". O que aconteceu foi "coma un tornado, comezou a poñerse o ceo negro e o mar a revolverse e revolverse e non dábamos saído del". De feito, lembra que "mesmo algunhas mariscadoras de a pé tiveron que salvar lanchas da confraría". Ademais, explica que o seu barco tampouco é nin dos máis grandes nin dos máis potentes da zona, así que "o primeiro era salvarse un mesmo e logo as ferramentas".
"SEMPRE DIGO QUE OS QUE TEÑEN UN FILLO SÓS NON SEI COMO FAN"
Agora mesmo María é nai dun rapaz de catro anos e medio e ten unha nena en camiño, polo que sabe ben o complicado que é conciliar. "Se tes gardaría e colexio está ben, pero cando están enfermos, ten que buscarte a vida", confesa, asegurando que "eu tiven a sorte de que tiña unha prima que vivía aquí ao lado, que faleceu fai un par de meses, e que me quedaba co pequeno porque estaba xubilada". Pero, de non ser así, "é moi complicado conciliar". Ademais, no seu caso, tivo o neno en tempo de pandemia, é dicir, "gardaría pechada, non había con quen deixalo e traballar tiñamos que ir traballar igual". E é que, como ocorre hoxe en día en todas as familias, "un salario non dá para nada, teñen que traballar os dous". "Eu sempre digo que os que teñen un fillo e o sacan adiante sós non sei como fan", conclúe, admirada por tantas mulleres e homes que teñen familias monoparentais, María.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.