A importancia da vista en Galicia... un 20% dos nenos de sete anos xa son miopes

Desde o Colexio de Ópticos e Optometristas de Galicia reivindican a necesidade de revisións visuais periódicas como prevención. A súa presidenta, Esther Amaro, apunta a que o "80% da información que chega ao noso cerebro, faino a través dos ollos".

Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 16/03/2024 | Actualizada ás 21:40

Comparte esta noticia

A día de hoxe non hai resposta a esta cuestión: Cando van entrar as gafas e as lentes de contacto pola Seguridade Social? Unha pregunta que se repite entre as persoas con problemas de vista, desde que a finais de xaneiro, a ministra de Sanidade, Mónica García, anunciara que o Goberno de España incluirá as gafas e lentillas nas prestacións. A día de hoxe, isto segue a ser unha posibilidade no aire e aínda teñen de marxe toda a lexislatura. "Sería algo moi positivo. O problema é que cando se deu a noticia, nos non tiñamos nin idea, xa que non se puxeron en contacto co Consello de Ópticos, que se supón que é o que ten os datos da poboación necesitaría estas axudas", establece Esther Amaro, presidenta do Colexio de Ópticos Optometristas de Galicia. Así, fai fincapé en que descoñecen como o Goberno quere implementar esta medida. "Non sabemos si será por renda, para todo o mundo ou só para grupos vulnerables ou de idade. Non se nos informou, a día de hoxe, de nada".

Prácticas Óptica e Optometría.
Prácticas Óptica e Optometría. | Fonte: COLEXIO DE ÓPTICOS OPTOMETRISTAS DE GALICIA

Os datos do Libro Blanco da Visión 2023 sinalan que en España sete de cada dez persoas utiliza gafas ou lentes de contacto no seu día a día. Isto supón que a medida de ser unha realidade, beneficiaría a máis de 30 millóns de persoas. "Nalgunhas comunidades xa se esta facendo para menores de 16 anos, en Madrid, por exemplo, apórtanse 55 euros por gafa. Non pode ser que o tema económico che condicione a non ter unha axuda visual que che fai falta para todo. Non sabemos si serán as farmacias as que poidan descontar unha porcentaxe dependendo do nivel de renda, sería case o máis xusto", comenta.  

A experta expón que hai unha oferta importante, tanto de gafas como de lentes de contacto e que "o mercado é libre". Segundo os datos cos que contan, máis ou menos, o gasto "en gafas ou lentes de contacto anda sobre 180 ou 190 euros ao ano". Deste xeito, Esther Amaro destaca a evolución da saúde visual da poboación, "que cada vez é máis miope", e que as gafas non son para empregar un ano e o que vén xa non usarse. "Posiblemente unha persoa que comece cunha miopía vai empregar gafas e lentes de contacto durante moitísimo tempo", expón.

A SAÚDE VISUAL EN GALICIA

Cal é o panorama agora mesmo no que atinxe a saúde visual en Galicia? Resalta o feito de que a poboación galega é "moi envellecida e hai moita xente con problemas de vista asociados á idade, como pode ser a presbicia ou vista cansada". Porén, a cuestión agrávase ao ver que nos máis pequenos aquí como no resto de España e do mundo, dáse cada vez máis a miopía, "que aparece antes e con valores moi alto". Desde o Colexio como ópticos optometristas recoñece que teñen que intentar que non sexa así: "Se aparece esa miopía intentar que aumente o menos posible porque a partir dunhas dioptrías determinadas xa se consideraría patolóxico. Segundo os datos da OMS, que podemos extrapolar a Galicia, aproximadamente un 20% dos nenos de sete anos xa son miopes. Ante isto, o que temos que facer, a parte das axudas visuais que están moi ben, sería facer programas de prevención, de hixiene ocular e de hixiene visual para que esas miopías non apareceran". 

A que se debe este aumento de miopía a idades temperás? A experta indica que está totalmente demostrado científicamente que polo estilo de vida actual existe tendencia a ese aumento. "Cando lle dis a un pai que o seu fillo é miope rápido di 'claro, o móbil'. Iso mesmo pasaría se non tivésemos os móbiles e táblets e estivesemos facendo actividades de cerca moito máis tempo que actividades ao aire libre, que cada vez facemos menos", expón e engade que o ocio mudou, fai uns anos era ir á praia, ao monte, a xogar e agora é un teléfono.

CONSELLOS PARA PREVIR 

Ante este panorama, preguntámoslle por consellos para coidar da vista. Diríxese aos nenos e adolescentes, en particular, e en xeral a todo o mundo: "Facer unha boa hixiene visual supón facer actividades ao aire libre todas as que se poidan, facer descansos cando temos que estudar ou traballar". Menciona a regra 20-20-20, que consiste en cada 20 minutos apartar a vista da pantalla do dispositivo electrónico, descansar durante 20 segundos e mirar puntos que estén a 20 pés, que serían uns seis metros para que o noso sistema se relaxe e non estar continuamente vendo a unha corta distancia.

Seguindo cos puntos a ter en conta, aconsella limitar o uso de dispositivos electrónicos, non estudar nin estar con dispositivos a escuras, non estudar ou ler cando un está cansado ou ver películas en móbil, o que provoca certo estrés no ollo, é preferible e resulta máis agradable na televisión. Para finalizar destaca a importancia de sentarse ben, "ter unha boa ergonomía, que é unha asinatura en Galicia que temos suspensa todos". Conclúe que son cousas que podemos ir facendo que mellorarían moito a nosa calidade visual. 

REVISIÓNS VISUAIS PERIÓDICAS

Desde o Colexio de Ópticos Optometristas de Galicia reivindican a importancia de que as revisións visuais foran periódicas. "Igual que todo o mundo está concienciado de que hai que ir ao dentista unha vez ao ano. Debería haber un plan desde as institucións para unhas revisións periódicas porque o ollo vai cambiando e en cada etapa temos que valorar que é o máis adecuado", establece a presidenta. Defende que os nenos antes de comezar a etapa escolar "deberían de pasar todos por unha revisión visual". Isto recobra especial importancia á hora de saber se o cativo ten problemas ou non de visión. "Non sabe que pode ver mellor ou non dirán que un dos seus ollos funciona ben e outro non. Salvo que sexan sintomas moi evidentes, como dor de cabeza, ollos vermellos, que cae, é difícil detectar que ten problemas de visión", comenta. Sendo así, recomenda que ata os 18 anos, as revisións deberían de ser anuais; entre os 18 e 45, cada 2 anos, salvo manifestación; e a partir dos 45 cada ano e medio ou como paute o profesional da visión". Este calendario de revisións visuais, segundo conta, sería "imprescindible" porque non se debe esquecer que o "80% da información que chega ao noso cerebro, faino a través dos ollos e a vista é o sentido que máis valora a poboación". 

Para finalizar, desde o Colexio tamén están intentando, con outras autonomías, "que o servizo de Optometría entre nos servizos do Sergas e os ópticos optometristas accedan á atención primaria". Esther Amaro explica que con isto evitarían saturar a especializada: "Un bo exame dun óptico optometrista, tanto en atención primaria como en establecementos de óptica privados, pode indicar si iso ten que acabar nun oculista ou non. A maioría dos problemas das primeiras consultas son por cuestións de gradación, entón se hai un profesional que está formado para iso é xusto que estemos para solucionar eses problemas sen necesidade de saturar as listas de espera e así os oculistas farían o traballo máis tranquilos, si se poden dedicar ao que é a súa profesión que son as patoloxías". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta