Os 'skinfluencers' levan aos máis novos a usar cremas que non precisan e que poden ser contraproducentes

O doutor Alexandre Docampo, dermatólogo pertencente á Academia Española de Dermatoloxía e Venereoloxía (AEDV), asegura que "sen lugar a dúbidas" están vendo na consulta cada vez máis nenos e adolescentes que usan cremas. Para os mozos, "usar protección solar e lavarse a cara mañá e noite sería suficiente, non moito máis", e "un exceso de cosméticos nalgúns casos pode dar problemas".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 17/03/2024 | Actualizada ás 20:35

Comparte esta noticia

Cada vez son máis os mozos e, sobre todo, as mozas, que se introducen no mundo da cosmética a idades moi temperás. A maquillaxe xa é un produto indispensable para moitas adolescentes galegas e mesmo preadolescentes, pero moitas outras inclúen na súa rutina de beleza diaria tamén todo tipo de cremas que, tal e como alertan os dermatólogos, mesmo poden chegar a ser contraproducentes para unha pel delicada. E é que os fabricantes destes cosméticos na maioría das ocasións non os fan pensando en que vaian ser consumidos por rapazas tan novas, polo que poden incluír ingredientes agresivos para peles sensibles e menos curtidas que as adultas. Dende Galicia Confidencial falamos co doutor Alexandre Docampo, dermatólogo pertencente á Academia Española de Dermatoloxía e Venereoloxía (AEDV), para abordar o asunto e coñecer ata que punto esta sensación se está a trasladar ás consultas.

Crema hidratante
Crema hidratante | Fonte: iStock

O doutor Docampo asegura que "sen lugar a dúbidas" se está vendo na consulta que os adolescentes e nenos cada vez usan máis cremas, de feito, conta que "hai moitos que veñen á consulta por acné ou outros problemas na pel e que xa teñen a súa propia rutina, máis ou menos acertada, pero xa están usando cremas na súa maioría". Isto pode ser algo así como o que sucede co automedicación, unha poboación que para unha dor de cabeza toma un ibuprofeno e para unha dor de moas un paracetamol, sen consultar ao médico. No caso dos rapaces acontece o mesmo, teñen acné e usan cremas que vén publicitadas para tratalo, sen consultar co dermatólogo. Nalgúns casos poden acertar, pero noutros moitos tamén poden fallar e obter resultados non desexados.

Por iso, este dermatólogo explicános que "as cremas poden ser beneficiosas para todos sempre e cando as usemos correctamente". No caso dos máis pequenos, con todo, ata a preadolescencia e mesmo durante ela, asegura que "usar protección solar e lavarse a cara mañá e noite sería suficiente, non moito máis". No caso da protección solar fai especial fincapé, xa que "é algo moi efectivo e que combate os efectos do sol na infancia, que se asocian con melanomas e queimaduras na infancia". Pola banda do lavado de cara, incide na "importancia de adquirir este hábito pensando no futuro". Con isto sería suficiente. "Probablemente na infancia non sexa preciso moito máis, a non ser que haxa unha patoloxía na pel do neno, como pode ser o acné, pero se a pel está nada non precisa nada máis", conclúe o doutor Docampo.

"UN EXCESO DE CREMAS HIDRATANTES PODE OCLUÍR OS POROS E XERAR ACNÉ"

Lonxe diso, en caso de usar moitas cremas cando estas non se precisan pode ser contraproducente: "Un exceso de cosméticos nalgúns casos pode dar problemas". Entre eles fálanos das cremas hidratantes, un dos cosméticos máis usados por todas as rapazas, a crema por excelencia 'para todo'. O dermatólogo alerta de que "as cremas hidratantes poden ocluír un pouco os poros e xerar acné entre a xente predisposta a padecelo". Tamén indica que "hai outros principios activos que non están feitos para peles sensibles, como poden ser os retinoides potentes en xente que non está acostumada a usalos, especialmente en nenos, así como outros principios activos que están feitos para peles moito máis maduras". En conclusión, se se ten acné coidar a pel non está mal, pero hai que saber cal é a rutina de coidados máis axeitada para cada caso.

Adolescente usando cremas
Adolescente usando cremas | Fonte: Getty Images

Os pais deben ter claro que moitas veces maquillaxe e cremas veñen da man, e que cando as súas fillas ou fillos (aínda que menos estes últimos) comecen a maquillarse, tamén comezarán a usar cremas desmaquillantes, hidratantes, purificantes... E tamén que o maquillaxe xa de por si debe ser o indicado para a súa pel para non ter efectos adversos, porque como advirte o doutor Docampo, "hai maquillaxes que poden ser moi oclusivos, polo que o recomendable é acudir á gama non graxa, que é un pouco mellor, pero en calquera caso introducir maquillaxe en peles con tendencia a desenvolver acné pode facilitar os brotes". Ademais, hai que ter en conta que non todas as peles son iguais, hai xente que a ten máis graxa e outra máis seca, e os adolescentes, "en xeral, adoitan ter unha maior produción de sebo, peles máis sebáceas, polo que teñen maiores problemas de acné, os adultos teñen o sebo máis fluído".

"NESAS IDADES NON SE PRECISA NINGUNHA CREMA ANTIENVELLECEMENTO"

Deste xeito reitera que para nenos e adolescentes "o ideal é que se use protección solar ao saír da casa e que se manteña unha correcta limpeza mañá e noite, porque no seu caso é peor o abuso das cremas que o non usar certos ingredientes". Agora ben, ante algunha patoloxía determinada, como pode ser o acné, "o recomendable xa é consultar a un profesional para que nos axude con produtos específicos, como pode ser o retinol a nivel tópico". E advirte de que ningunha crema antienvellecemento é precisa nestas idades, polo que "nunha persoa máis maior si que nos podería interesar introducir retinoides e outros principios activos con máis capacidade de xerar coláxeno e elastina e, por tanto, con máis capacidade de previr enrrugas, pero nalguén tan xoven non sería preciso".

Tamén fai un chamamento a que non se deixen enganar polas publicidades nin polas 'influencers', detrás das cales hai interese comercial para que eses produtos se vendan. "Precísase concienciar aos adolescentes, porque realmente estamos a notar ese incremento de consumidores e vemos a moitos nenos e mozos que están usando cremas que non lles aportan nada e que as botan algo máis por moda que porque verdadeiramente lles faga falta, seguindo á publicidade e aos seus creadores de contido favoritos a través das redes", argumenta o doutor Docampo, que advirte tamén de que cada vez hai máis 'influencers' de pel, "coñecidos xa como 'skinfluencers', con moita poboación que lles segue e, sobre todo, con moita poboación moza".

"HAI NENOS QUE SOFREN ACNÉ E SÓ USEN REMEDIOS DAS REDES PARA TRATALO"

De feito, considera que o peor destes 'skinfluencers' é que inflúen "non só a nenos que teñen a pel sana e aos que usar as cremas non lles favorece en nada", senón tamén "a nenos que teñen algunha patoloxía na pel ou que sofren de acné aos cales eses remedios que vén polas redes son os únicos que usan para tratalo, e moitas veces elles perxudicial ou insuficiente". "Vemos moitos nenos que chegan á consulta despois de moito tempo no que non consultaron a un profesional porque estiveron confiando neses remedios que viron nas redes e, ou non obtiveron ningún resultado, ou obtiveron malos resultados", asegura o experto. E é que hoxe en día, como tamén ocorre noutras ramas da Medicina, semella que calquera consulta sanitaria se fai antes ao buscador de Google que a un profesional, coas consecuencias negativas que isto pode acarrear.

Sobre o uso de protección solar, o dermatólogo indica que "non se recomenda para bebés que son moi pequenos, por debaixo dos cinco ou seis meses, nos que por seguridade non está indicado usar ningún tipo de crema, pero tampouco expoñelos ao sol; pero a partir dos 6 ou 7 meses si que xa se lles pode poñer protección solar e sempre que se saquen ao exterior é beneficioso para protexer a súa pel da radiación". E sobre a limpeza da cara, "tampouco sería demasiado importante por debaixo dos 10 ou 11 anos, pero recoméndase que o fagan desde pequenos para que vaian adquirindo o hábito, pois a partir da preadoslescencia xa deberían facelo para evitar os brotes acneicos". 

"HAI PUBLICIDADE DIFÍCIL DE ENTENDER E QUE FAI PROMESAS QUE NON CUMPLE"

A día de hoxe, o doutor Docampo asegura que o que máis reciben en consulta en relación co uso de cremas en idades temperás é a rapazas que "usan en exceso cremas hidratantes". Que produce isto na súa pel? "Esas cremas hidratantes van producindo un caldo de cultivo na pel e unha proliferación de demodex, un ácaro que temos todos na pel que, cando se poñen moitas cremas deste estilo, xera un caldo de cultivo perfecto para que creza de máis, o que pode derivar en problemas de sensibilidade e cousas así", afirma, asegurando que "iso si que o vemos habitualmente". E é que moitas veces téndese a pensar que as cremas hidratantes son inocuas ou que os seus efectos só poden ser positivos, cando, como matiza o experto, "a unha pel sá non lle fai falta esa crema, non a precisa". 

Por se isto fose pouco, apunta a que "hai cremas hidratantes que son moi oclusivas, moi aceitosas e que poden contribuír a ocluír os poros e xerar brotes acneicos". E hai que ter tamén en conta que polo poder adquisitivo da xente nova, en moitas ocasións as cremas que se poden permitir tampouco son as de mellor calidade, o que pode influír na súa composición e nos seus efectos adversos. Por todo iso, o doutor Docampo amosaríase partidario de que aos mozos se lles dese unha educación dermatolóxica dende a escola, explicándolles o que deben e non deben usar, porque "hai moita publicidade que resulta difícil de entender e que mesmo promete cousas que realmente non se conseguen", o que chega a enganar á xente adulta, para canto máis aos adolescentes.

Alexandre Docampo
Alexandre Docampo | Fonte: ResearchGate
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta