Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 17/03/2024 | Actualizada ás 12:00
Naquelas ocasións en que desexamos manifestar que unha persoa ou cousa non desentoa nun determinado contexto ou situación malia ou ben ser falsa ou ben simplemente non reunir todas as condicións que serían necesarias para que poida ser considerada como axeitada ou boa nese contexto ou situación, en castelán é fraseoloxismo recorrente o de dar el pego.
Case é escusado dicir que hoxe en día tamén unha gran parte dos galegofalantes botan man do calco desta expresión e falan de *dar o pego.
Non obstante, parece claro que se trata dun barbarismo de recente entrada que parte dunha voz castelá pego cuxo significado é o de (tirámolo ó dereito do DRAE) «Fullería que consiste en pegar disimuladamente dos naipes para que salgan como uno solo, cuando le convenga al tramposo».
De feito, e tal como se recolle no propio DRAE, o significado primixenio da secuencia fraseolóxica dar (ou tirar) el pego, e do cal deriva o emprego máis común hoxe en día, é o de «Engañar con ficciones o artificios».
Sexa como for (e sen prexuízo de que a Real Academia Galega, que é quen ten a competencia en cuestións de normativa oficial no noso idioma, poida incorporar ou non o dito castelanismo nun futuro), en galego contamos con, ó menos, unha secuencia fraseolóxica que basicamente nos vén a fornecer o mesmo significado: pasar por vez.
Dar el pego
{= Non desentoar unha persoa ou cousa nun determinado contexto ou situación malia ou ben ser falsa ou ben non reunir todas as condicións que serían necesarias para que poida ser considerada como axeitada ou boa nese contexto ou situación.}
Pasar por vez
Ex.: Llevaban puestas unas pelucas postizas que daban el pego.
Levaban postas unhas perrucas postizas que pasaban por vez.
Ex.: El tío se coló en la gala para actores y dio el pego de tal manera que nadie desconfió de él.
O tío coouse na gala para actores e pasou por vez de tal xeito que ninguén desconfiou del.
Ex.: La última remesa de billetes falsificados es de tan buena calidad que puede dar el pego incluso para cualquier policía no experto en el tema.
A última remesa de billetes falsificados é de tan boa calidade que pode pasar por vez mesmo para calquera policía non experto no tema.
NOTA:
A expresión galega está tirada da oralidade da nosa xente, recolleita en concreto na zona da comarca de Bergantiños.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.