O presidente da RAG e Besteiro analizan medidas para impulsar o galego nas institucións fronte a un PP que fai "puro teatro"

O secretario xeral do PSdeG ofrécelle á nova directiva a colaboración do PSdeG na defensa do idioma.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/06/2025 | Actualizada ás 18:46

Comparte esta noticia

A nova dirección da Real Academia Galega (RAG), encabezada polo presidente Henrique Monteagudo, e o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, analizaron este luns posibles medidas para o impulso do uso do galego nas institucións, así como as posibilidades de que se chegue a un pacto autonómico sobre a lingua. Segundo informaron tanto a institución académica como o PSdeG en senllos comunicados, a reunión tivo lugar no Parlamento de Galicia e nela participaron por parte da RAG o seu presidente, Henrique Monteagudo, así como os membros da executiva María Dolores Sánchez Palomino e Lorenzo Fernández Prieto. Por parte do Grupo Socialista, ademais de Besteiro, asistiu ao encontro a deputada Silvia Longueira.

A RAG destacou que a súa nova executiva analizou xunto ao máximo representante dos socialistas galegos as perspectivas do pacto pola lingua a nivel autonómico, así como as posibles medidas para impulsar a visibilidade e o uso o galego nas institucións estatais e europeas. Na reunión, indicou que Henrique Monteagudo e o seu equipo déronlle a coñecer a Gómez Besteiro os principais proxectos que prepara a institución neste novo mandato, no que volverá ocupar a súa sede da Rúa Tabernas da Coruña tras a súa rehabilitación integral.

Entre outras iniciativas, a RAG detallou que prevé a presentación de novas ferramentas para a lingua como 'Dicionario castelán-galego', a 'Gramática da lingua galega' ou o 'Dicionario de apelidos' e a continuidade doutros proxectos como Toponimízate. A RAG destacou tamén que a súa executiva traballará, así mesmo, pola constitución dunha fundación prol-Academia que reúna os apoios de distintos axentes sociais co fin de promover as súas actividades, máis aló de reivindicar un mellor financiamento dos gobernos galego e estatal co obxectivo de darlle cumprimento aos diversos servizos públicos que ten encomendados.

O PSDEG CRÍTICA A "HIPOCRISÍA POLÍTICA" DO PP

Pola súa banda, tal e como sinalou o PSdeG no seu comunicado, Besteiro criticou a "hipocrisía política" de Rueda e do PP co galego, xa que "falan de acordos mentres torpedean o uso da lingua no Senado e o Parlamento Europeo". O PSdeG destaca que o encontro se produce nun momento no que é máis necesario que nunca un pacto polo galego e recuperar o consenso en torno ao Plan de Normalización que acusan de romper ao PP e de "sentenciar" coa aprobación do decreto do plurilingüísmo en 2010, o que, segundo apuntan, provocou unha situación de emerxencia lingüística e a maior caída de falantes desde que hai datos.

Besteiro sostivo que "gran parte da responsabilidade" de que por primeira vez o galego non sexa a lingua máis falada de Galicia está nas políticas do goberno de Feijóo e Rueda. O responsable socialista ofreceu a colaboración do PSdeG na defensa da lingua e mostrouse "fondamente preocupado" pola xestión do PP e do Goberno galego, que "á hora da verdade sempre se sitúa en contra da lingua". "Os socialistas vemos na lingua un patrimonio de todas e todos os galegos, algo que nunca entenderá os que ven na lingua unha arma para rabuñar votos", dixo.

Nesta liña, criticou que o PP faga "puro teatro" coa lingua, xa que mentres que el mesmo foi o primeiro deputado en falar o galego nunha sesión oficial do Congreso, o PP "impide que o galego alcance o mesmo status no Senado e traballa na sombra en Bruxelas para impedir a súa oficialidade". "Ás veces o PP parece dar un paso adiante, pero despois acaba dando dous atrás" porque "en realidade queren dilatar no tempo e deixar as cousas tal e como están", apuntou. Besteiro resumiu a folla de ruta dos socialistas a favor do galego, que pasa por retomar o consenso "roto" polo PP e apostar por medidas que fagan posible recuperar falantes, concretamente entre os máis novos.

O presidente da RAG, Henrique Monteagudo, e o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, analizan posibles medidas para o impulso do uso do galego nas institucións
O presidente da RAG, Henrique Monteagudo, e o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, analizan posibles medidas para o impulso do uso do galego nas institucións | Fonte: PSDEG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta