Temas: FRASEOLOXíA

“Á minuta”, “no intre” ou “ó dereito”, equivalentes ó castelán “al punto” (=“inmediatamente despois, xusto a seguir”)

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 15/06/2025 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Gardando relación semántica co anterior artigo, e tal e como comentabamos a pasada semana, en castelán bótase man –entre outras posibles opcións– da locución preposicional al punto para transmitir o significado de “inmediatamente despois, xusto a seguir, sen dilación”.

Sala de espera do Sergas
Sala de espera do Sergas

En galego contamos tamén con locucións e voces que fornecen esa mesma significación, tales coma, por exemplo, as que imos referir agora mesmiño ó dereito:

Al punto

{= Inmediatamente despois, xusto a seguir, sen dilación.}

Á minuta

No intre

Ó dereito

Ex.: El general se marchó de la estancia, y al punto entró en la misma su esposa, que había estado escuchando la conversación desde la habitación de al lado.

O xeneral marchou da estancia, e á minuta e no intre e ó dereito entrou nela a súa esposa, que estivera escoitando a conversa desde o cuarto do lado.

● Tamén:

En el acto

No acto && No intre

● E tamén:

Al instante && Al momento && Al proviso

Ó instante && Ó momento

● E mais tamén:

Ipso facto

Ipso facto

Ex.: O xeneral marchou da estancia, e no acto e ó instante e ó momento e ipso facto entrou nela a súa esposa, que estivera escoitando a conversa desde o cuarto do lado.

● E inda tamén:

En seguida && Enseguida && De inmediato && Inmediatamente

Enseguida && De inmediato && Inmediatamente

● Tamén, en certos contextos, e máis ou menos axeitadas en función deles:

A continuación && Seguidamente && [E MAIS]: Acto seguido && Acto continuo

A continuación && A seguir && Deseguido && Seguidamente && [E MAIS]: Acto seguido && Acto continuo

● E mesmo tamén, mais só en certos contextos:

Rápidamente && Pronto

Rapidamente && Pronto && Decontado && Axiña && Logo

NOTAS:

1. Téñase en conta que moitas das locucións e voces léxicas relacionadas no presente artigo se poden usar precedidas dos adverbios xusto ou xustamente:

Ex.: O xeneral marchou da estancia, e xusto á minuta e xusto no intre e xusto ó dereito e xusto ó instante e xusto ó momento e xusto a seguir ... entrou nela súa esposa, que estivera escoitando a conversa desde o cuarto do lado.

2. En principio o latinismo ipso facto pódese grafar ou ben en cursiva, salientando precisamente o seu carácter de latinismo (“vocábulo ou modo de falar propio do latín empregado noutra lingua”), ou ben en redonda, na medida en que se trata dunha locución recollida xa deste xeito no Dicionario da Real Academia Galega (DRAG).

3. Lembremos que o adverbio logo, cando presenta o significado relacionado co que estamos a tratar neste artigo (ou sexa, o de –botando man do DRAG– “en pouco tempo, sen tardar”), provoca a anteposición do pronome átono ó verbo, fronte ó que acontecería nos casos en que presenta o significado de “despois, máis tarde no tempo”. Ex.:

Ex.: Un particular dio la voz de alarma, y al punto se mandó una ambulancia al lugar del siniestro.

Un particular deu a voz de alarma, e á minuta e no intre e ó dereito se mandou unha ambulancia ó lugar do sinistro.

Un particular deu a voz de alarma, e logo [=E AXIÑA, E DECONTADO] se mandou unha ambulancia ó lugar do sinistro.

VS.

Un particular deu a voz de alarma, e logo [=E MÁIS TARDE, E DESPOIS] mandouse unha ambulancia ó lugar do sinistro.

 

4. As expresións e solucións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- García, Constantino & González González, Manuel (dirs.): Dicionario castelán-galego da Real Academia Galega. Colección Galicia Viva / Real Academia Galega. Fundación Pedro Barrié de la Maza, ano 2004.

- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).

- Rivas, Paco: Fraseoloxía do mar na Mariña luguesa. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 1, 2000. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Santamarina, Antón (dir.) / Ernesto González Seoane / María Álvarez de la Granja: Tesouro informatizado da lingua galega (TILG). (Versión 4.1). Santiago de Compostela. Instituto da Lingua Galega.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta