Estes son os cinco obxectos de cociña deseñados para persoas con baixa visión

Irene Bazo centrouse nesta cuestión no seu traballo do fin de grao en Deseño de producto na Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo. Son productos domésticos adaptados sen recurrir a medios tecnolóxicos.

Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 18/03/2024 | Actualizada ás 21:10

Comparte esta noticia

Facer tarefas simples do día a día na cociña como cortar un filete, preparar un guiso nunha pota ou separar as espiñas do peixe nun prato branco, non é doado para persoas con baixa visión. Enfróntanse a un elevado risco de corte, é posible que non diferencien ben a evolución dese guiso na ola e que lles custe separar as espiñas dun peixe branco se o plato de fondo non axuda ao contraste. Sobre esta cuestión, Irene Bazo, deseñadora de producto, realizou o seu traballo final de grao na Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo. A colección titulouse "COCOTEX", formado por CO de cociña, CO de contrastes e TEX de texturas, os elementos nos que se basa a creación dos seus deseños. O seu obxectivo era deseñar obxectos de uso cotiá na cociña para xente con baixa visión, nos que a cor cobra especial importancia á hora de xerar contrastes. "Son coñecedora das discapacidades visuais por temas familiares e pareceume moi interesante abordar esta cuestión ao ter acceso a usuarios que poidesen contrastar os meus deseños", explica Irene. 

Logo de COCOTEX
Logo de COCOTEX | Fonte: Irene Bazo

Irene con este traballo quería "proporcionar solucións funcionais adaptadas e accesibles para mellorar a vida do día a día destas persoas". Fai fincapé en que non se confunda baixa visión con cegueira. "Intentei facer unha análise dos problemas principais de cara á visualización e saquei a conclusión de que con axuda de contrastes, de iluminación e con aumento, si que se poden facilitar as cousas". Contou coa axuda da asociación Retina de Asturias, onde ten familiares e estivo nun taller de cociña que lle permitiu facer preguntas aos distintos usuarios sobre as súas necesidades no ámbito da cociña. A partir diso, deseñou cinco prototipos de cinco obxectos: unha pinza-espátula, plato plano e fondo, un adaptador de luz para potas e unha táboa de picar. Importante destacar que evitou na medida do posible "as axudas tecnolóxicas" porque vendo o que hai agora no mercado, soe ser o habitual. "Algún tipo de son, unha pantalla ou iluminación é do que máis hai, pero eu quería facer pequenos cambios físicos, con contraste, forma e o uso de cores, que permitisen facer máis accesible o obxecto", expón e engade que isto sen prescindir da estética porque se pode realizar un deseño atractivo que sexa máis funcional. 

QUE MODIFICACIÓNS FIXO EN CADA OBXECTO? 

A táboa de picar. Presenta varios cambios cunha táboa común. A súa prioridade foi "evitar o maior risco posible de corte". Para iso, presenta un borde, un saínte, que frea o coitelo e fai que a man nunca moita chegar a tocar en si o coitelo e permitir suxeitar o alimento. "Sería apoiar o coitelo e que te guíe ese propio bloque que é o saínte. No taller aprendín que para realizar cortes a medida, contabilizaban poñendo as mans enriba dun filete, por exemplo. Sabendo que a metade da man, podería ser a metade do filete", explica Irene, que di que isto lle resultaba moi inseguro porque implica achegar o coitelo á man. Entón deseñou, a base de contrastes, dez liñas que serven para tomar medidas ao estar separadas por igual, así un pode contar cantas liñas mide un filete e determinar por onde cortar grazas ao relieve e sen risco. 

Os platos en dúas cores. No caso dos platos, un dos obxectos do máis cotiá, fixo moito fincapé no tema da cor. Apostou por unha división de dúas cores, o azul e o laranxa. "A maioría dos pratos soen ser brancos e, no caso de cortar peixe, non se distingue ben entre o peixe e as espiñas porque soen tender sempre a cores claras", comenta. Estes platos teñen unha metade azul e a outra laranxa, xa que se fixo unha análise de diferentes cores e a idea foi escoller os que máis contrastan dentro dos obxectos e utensilios de cociña. Realizou tanto un plato fondo como un plano, que teñen uns rebordes ou saíntes para facilitar ese campo de visión e que non se derramen as pezas. 

A pota iluminada de COCOTEX
A pota iluminada de COCOTEX | Fonte: Irene Bazo

O adaptador de luz. Neste caso máis que un redeseño de pezas cotiás, é un deseño que parte de cero. "Coas potas á hora de cociñar se son altas e a luz superior ou focal, o que xera é sombra no interior. Podes estar cociñando e non ver ben, non tes acceso a todo o que realmente se está cociñando", di Irene. Entón, plantexouse intentar iluminar de forma máis directa o centro interior da pota. Para is deseñou como unha especie de silicona, que se coloca, ten unhas asas bastante anchas como para poder colocarse en diferentes medidas de potas e unha tira LED, que vai dentro para facilitar o quitar e poñer e a limpeza. Esta colocaríase enriba do obxecto de silicona, da segunda altura que hai e iluminariase así o interior. 

A pinza-espátula. "No caso do taller de cociña fixéronme moito fincapé no feito de intentar ter obxectos que teñan bastante superficie para poder facilitar o agarre". Neste caso, son unhas pinzas que o único que teñen é que os cabezais, en canto de ser a cabeza máis pequena como tenden a ser as pizas normais de cociña, son como se foran mesturadas cunha espátula. Unha é laranxa e outra azul para facilitar coa cor que, dependendo do alimento que se estea fritindo, se escolla unha cor ou outra que sexa máis útil. 

O EXERCICIO DE POÑERSE NO LUGAR DOUTRO 

Son pequenos cambios pero do máis significativos nos que Irene destaca a importancia do contraste. Porén, o máis complicado tal e como confesa foi poñerse no lugar das persoas con baixa visión, aínda tendo xente próxima. "Para un deseñador é máis fácil empatizar cunha persoa coa que sexa máis afín. Empatizar cun obxectivo que non chegas a entender de todo, creo que foi unha das cousas que máis me aportou", afirma. Neste sentido, destaca que lle gustou ter a posibilidade de realizar algo que visibilice este tipo de discapacidades, que non están especialmente explotadas nos mercados. "Poder aportar o meu pequeno gran de area foi interesante e reconfortante". Tivo a oportunidade de probar tantos o platos como a táboa de picar e quedou con que resultaban de utilidade.  

O traballo recibiu un premio na categoría de deseño de producto no desfile Despunte, organizado pola Escola Mestre Mateo, outorgado pola Axencia de Innovación Galega . "Estou moi agradecida coa miña titora, Araceli Diaz Cabanas e coa escola pola oportunidade de participar no premio", confesa.

E claro logo de ver estes productos, a pregunta é se hai posibilidade de adquirilos e Irene ten a resposta: "Están plantexados para a maior viabilidade posible de cara a saír ao mercado, pero precisarían un estudo de materiais". Así que polo de agora non, pero nalgún momento podería ser unha posibilidade. 

Os platos de COCOTEX
Os platos de COCOTEX | Fonte: Irene Bazo
A pinza de COCOTEX
A pinza de COCOTEX | Fonte: Irene Bazo
A taboa de COCOTEX
A taboa de COCOTEX | Fonte: Irene Bazo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta