O BNG inicia a lexislatura cun "goberno alternativo" de Pontón para respostar a cada "crítica" de Rueda

O Bloque reivindica que, co "apoio de case medio millón de galegos", asume a "responsabilidade" que lle deron nas urnas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/04/2024 | Actualizada ás 16:45

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presentará este mércores en Santiago de Compostela un goberno alternativo do BNG que terá como obxectivo "facer un rigoroso control" do Executivo do PP e que, en paralelo, "achegará propostas para resolver os problemas dos galegos e para que Galicia afronte con éxito os grandes retos que ten por diante".

Apenas uns días despois de que Rueda, con maioría absoluta de 40 deputados, designase aos seus conselleiros, Pontón presentará --nun acto ás 11,30 horas no Palacio da Carmen--, a "estrutura, áreas e responsabilidades do Goberno alternativo", despois dunha reunión co grupo parlamentario, un "grupo reforzado", de 25 deputados, para "facer política de luces longas, lonxe da crispación que o PP está a instalar na política e onde a lexítima discrepancia é substituída pola descualificación ou o insulto ao adversario".

A portavoz nacional avanzou no debate de investidura que o grupo do BNG non limitaría o seu labor ao control do Executivo de Alfonso Rueda, senón que, como primeira forza da oposición "e alternativa de goberno, a cada crítica" presentará unha "solución", explicando que faría un executivo nacionalista.

O Bloque reivindica que, co "apoio de case medio millón de galegos", asume a "responsabilidade" que lle deron nas urnas e comprométese a traballar con "enerxía e ambición de país na defensa da sanidade pública, dun ensino de calidade, unha vellez tranquila para as persoas maiores ou para facilitar oportunidades á xente nova".

"A acción" do "goberno alternativo" do BNG tamén "traballará por unha Galicia produtiva, cunha clara aposta pola ciencia e coa idea de plantar cara cara á emerxencia climática" e pola "lingua e o autogoberno, dando voz ao feminismo e os dereitos LGTBI" e "sempre cunha visión modernizadora e avanzada", desde a "convicción de que Galicia é un gran país".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, durante unha rolda de prensa para valorar os resultados das eleccións galegas na Executiva Nacional do BNG
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, durante unha rolda de prensa para valorar os resultados das eleccións galegas na Executiva Nacional do BNG | Fonte: Álvaro Ballesteros - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta