Riotorto, epicentro da artesanía do ferro de Galicia

Este domingo 21 de abril celebrará a XV Feira de Artesanía do Ferro de Riotorto cun programa máis amplo que noutras edicións e máis artesáns participantes.

Por X.M. Fernández | Riotorto | 19/04/2024 | Actualizada ás 10:58

Comparte esta noticia

A XV Feira de Artesanía do Ferro foi presentada o pasado 18 de abril coa presenza da secretaria territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Marta Barreiro, o alcalde de Riotorto, Clemente Iglesias, e os artífices do evento, os integrantes da Asociación para a Promoción Social dos Ferreiros de Riotorto, que organizan a feira xunto ao propio Concello.

Presentación da XV Feira da Artesanía do Ferro de Riotorto. Foto: Prensa Xunta de Galicia.
Presentación da XV Feira da Artesanía do Ferro de Riotorto. Foto: Prensa Xunta de Galicia.

A Asociación de Ferreiros de Riotorto foi quen no ano 2007 decidiron promocionar este traballo artesanal cun encontro que foi consolidándose ao longo dos anos, e incorporando novas actividades e actos a un amplo programa, no que destacan as demostracións en vivo deste oficio artesanal, que, ao igual que moitos manuais, require de precisión, paciencia e dun laborioso proceso. A Xunta, que ten colaborado con esta cita dende os seus comezos, apoia a edición deste ano con 12.000 euros a través de Artesanía de Galicia.

En Artesanía de Galicia hai 15 obradoiros rexistrados na actividade de forxa e ferrería, dos cales sete atópanse na provincia de Lugo: tres en Riotorto (MAF, JOMACA e Manuel Pol Veiga), un na Pontenova, un en Cervo, un na Fonsagrada e un en Guntín.

A secretaria territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Marta Barreiro, destacou “a importancia desta feira para poñer en valor o traballo artesanal, que contribúe a divulgar e promocionar este oficio tradicional e a manter a actividade económica dos ferreiros da comarca. Ademais, esta feira funciona como un espazo para que as novas xeracións atopen referentes do oficio, fomentando o relevo xeracional”.

A feira desta ano contará cunha maior representación de artesáns, con demostracións en vivo dos ferreiros de Riotorto, ferreiros doutros lugares de Galicia --Santiago, Culleredo--, e tamén profesionais de fóra. Haberá un de Alcalá de Henares, Thomas Mink, outro de Navarra, Forjas-Brun, e un ferreiro austríaco, Friedrich Brasmsteidl. Estas demostracións en vivo da artesanía do ferro terán lugar ás 12:30 e ás 17:00 h.

A secretaria territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Marta Barreiro, vendo de preto o funcionamento dunha forxa. Foto: Prensa Xunta de Galicia.
A secretaria territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Marta Barreiro, vendo de preto o funcionamento dunha forxa. Foto: Prensa Xunta de Galicia.

Continuando coas demostracións, terán presenza as realizadas por outros oficios artesanais como cristal tallado, alfarería, cestería, pirogravado, torneado de madeira; e un obradoiro do ferro infantil a cargo do ferreiro austríaco Friedrich Brasmsteidl.

Para completar o programa desta XV edición haberá dinamización musical e de rúa pola mañá e pola tarde a cargo da Charanga NBA e un grupo de animación que realizará un espectáculo de fogo. A partir das 19:00 h. o atrio da Igrexa acollerá un espectáculo infantil para a cativada.

Ademais do anterior, a feira, contará cunha exposición de produtos do campo.

O programa completo ao detalle está na web do Concello de Riotorto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta