Rueda dá luz verde a un dos seus anuncios electorais: primeiras matrículas universitarias gratis

Besteiro pídelle a ampliación aos cursos de máster da gratuidade da primeira matrícula.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/04/2024 | Actualizada ás 16:14

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, informou de que se deu luz verde ao procedemento que permitirá a gratuidade das primeiras matrículas universitarias a partir do próximo curso, 2024-2025. Esta foi unha das primeiras promesas electorais anunciadas por Rueda durante a campaña para as autonómicas.

Así o referenciou na rolda de prensa posterior á celebración do Consello da Xunta, o primeiro que tivo lugar en luns desde o Goberno de Albor. Para informar do mesmo estivo acompañado do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, que se encargou de achegar os detalles do proceso.

Así, detallou que a gratuidade non só afectará os graos universitarios, senón tamén aos ensinos artísticos superiores, "equivalentes e equiparables aos estudos universitarios". Concretamente, os conservatorios, a escola de restauración de Pontevedra, a ESAD de Vigo e as escolas de artes e oficios.

Para o primeiro curso, todos os alumnos que fixesen a ABAU e tamén os que entren a través dun grao superior de Formación Profesional beneficiaranse da medida. A partir de aí, entrarán en xogo os resultados académicos. Deberán ter aprobado entre un 65% e un 90% dependendo da rama académica que cursen. O aforro medio estimado para as familias é de entre 700 e 800 euros por ano, uns 3.000 euros durante toda a carreira. Para os ensinos artísticos, uns 300 euros por curso e 1.500 ao finalizar os estudos. Contan beneficiar a ao redor de 1.500 estudantes.

Grupo de estudantes universitarios
Grupo de estudantes universitarios | Fonte: EP

O PSDEG PIDE "MÁIS AMBICIÓN" PARA AMPLIAR A MATRÍCULA GRATUÍTA AOS MÁSTERES

Por outra banda, o portavoz do Grupo Socialista no Parlamento galego, José Ramón Gómez Besteiro, esixiu ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, "máis ambición" no apoio ao ensino universitario pública coa ampliación aos cursos de máster da gratuidade da primeira matrícula.

Reclamouno este luns nunha rolda de prensa celebrada na Cámara galega, na que instou ao presidente autonómico a fortalecer o financiamento do Sistema Universitario de Galicia. Todo iso, coincidindo coa aprobación esta mesma xornada no Consello da Xunta do procedemento que permitirá a gratuidade das primeiras matrículas universitarias a partir do próximo curso, 2024-2025.

Na súa intervención, apuntou que o pleno que arrincará este martes incluirá unha proposta socialista para reforzar o apoio aos estudantes universitarios. Así, lembrou que a súa formación leva propondo a primeira matrícula universitaria gratis desde o 2018, e que sempre se atopou co voto en contra do PP, mesmo no debate dos orzamentos da Xunta que están en vigor.

Dito isto, Besteiro apuntou que, despois dun "rexeitamento frontal", agora a Xunta anuncia esta mesma medida que analizará "en que termos" será impulsada. Tras iso, chamou a "ser máis ambiciosos" e ampliar as axudas á primeira matrícula de máster ao considerar que "permitiría salvar un problema importante" para "miles de galegos e galegas que non poden completar os seus estudos".

Por último, reclamou o fortalecemento do financiamento das universidades incrementando os recursos co horizonte de alcanzar o 1% do PIB para "aproveitar e refinanciar mellor e máis adecuadamente o SUG".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta