Estás realmente preocupado polo medio ambiente?... Entón, por que non fas nada por tentar cambiar as cousas?

Cando se lle pregunta á cidadanía sobre o medio ambiente a maioría das persoas está de acordo na necesidade de que se debe protexer, pero, non todas as persoas, de feito case ningunha, das que din que se debe protexer o medio ambiente o fan realmente. Por que? O investigador do Cretus, Sergio Vila, respostou a esta pregunta nunha das conferencias do festival de divulgación científica Pint of Science en Santiago.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 18/05/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Cando se lle pregunta á cidadanía sobre o medio ambiente a maioría das persoas está de acordo na necesidade de que se debe protexer, pero, non todas as persoas, de feito case ningunha, das que din que se debe protexer o medio ambiente o fan realmente. E por que? Fano de xeito malintencionado? Fano conscientemente? Inténtano sequera? Estas son preguntas ás que o investigador do Cretus da USC, Sergio Vila Tojo, respostou nunha das conferencias do festival de divulgación científica Pint of Science en Santiago: 'Resisteste a ser sostible, aínda que ti non o sepas', que se celebrou a comezos desta semana en 67 cidades españolas simultaneamente. Descubramos a que se refire con semellante título.

Investigadores da USC estudan en Groenlandia os cambios climáticos que se experimentan na zona
Investigadores da USC estudan en Groenlandia os cambios climáticos que se experimentan na zona | Fonte: USC - Arquivo

Como expón, "hai toda unha serie de mecanismos psicolóxicos que fan que nos autoboicoteemos á hora de realizas condutas ambientais" e hai un concepto transversal: a "disonancia cognitiva". Que é iso de disonancia cognitiva? "É a dor psicolóxica de sentirnos hipócritas", é dicir, é aquilo que sabemos que debemos facer pero que ao final non facemos e iso xéranos certo malestar. Vila Tojo asegura que "as persoas temos unha necesidade, unha pulsión interna por manter a consistencia nos nosos valores, aptitudes, intencións, conducta... e cando esa constancia se rompe é cando aparece a disonancia cognitiva". Esta "pode ser máis pequena ou máis grande dependendo de canto se estea quebrando a cadea de valor". 

Sexa como sexa, o certo é que a ninguén lle gusta experimentar esa disonancia cognitiva, polo que "tratamos de reducila por todos os medios". E iso pódese lograr, como apunta o investigador do Cretus, de dúas formas: ou ben cambiando a crenza, ou ben cambiando a conduta. Noutras palabras, ou cambiando aquilo que cremos que debemos facer por outra cousa, ou ben cambiando a nosa forma de actuar e poñéndonos en marcha. Por que sistematicamente, aínda considerando que hai que protexer o medio ambiente, non o facemos? Por que en cada estudo que se fai non necesariamente as actitudes proambientais se traducen en conduta? Por exemplo, pensamos en darnos unha ducha curta para aforrar auga e ao final remata sendo longa.

"REDUCIMOS A DISONANCIA COGNITIVA FALSEANDO UN POUCO OS DATOS"

Pois porque "hai unha fórmula para armonizar crenza e conduta", apunta Vila Tojo, que asegura que grazas a esa fórmula "xérasenos a sensación de que crenza e conduta son semellantes". E como se consegue? "Incorporando nova información a través de novos mecanismos psicolóxicos", ou o que é o mesmo, "reducimos a disonancia falseando un pouco os datos", chancea o investigador. Entre os mecanismos que axudan a esa armonización atópase "a distancia psicolóxica". Lembra que no último CIS, do pasado mes de abril, un 74 % dos cidadáns estaban bastante ou moi preocupados polo cambio climático, pero cando se lle pedía a eses mesmos cidadáns que ordenasen os problemas que consideraban máis relevantes para España, só o 0,8 % consideraba que o primeiro problema era o cambio climático, e sumando os que o tiñan no 'top 3' tampouco chegaba nin ao 7 %.

Isto evidencia ese distanciamento psicolóxico: "a distancia xeográfica", é dicir, "sabemos que o cambio climático existe e é un problema, pero que afecta a outros lugares do mundo". O segundo mecanismo é "a distancia social", co pensamento de que "existe, pero non me afecta a min directamente, nin aos meus familiares nin ás miñas amizades". E, o terceiro mecanismo, é "a distancia temporal", isto é, pensar que "ocurrirá, pero dentro de moitos anos, aínda non é un problema para preocuparse actualmente". Estes tres mecanismos, como explica Vila Tojo, "fan que nos sintamos invulnerables e que se desenvolva en nós o sesgo optimista, é dicir: considerar que os eventos negativos, se ben recoñecemos que existen, teñen unha inferior probabilidade de afectarnos a nós que ao resto de persoas". De aí ese pensamento que se di moitas veces que teñen os adolescentes ante o perigo de 'isto pasa, pero non a min'.

"SE A PREOCUPACIÓN MEDIOAMBIENTAL VAI ASOCIADA A ALTAS DOSES DE ESTRÉS A CONDUTA PROAMBIENTAL REDÚCESE"

Así as cousas, a preocupación mediambiental é importante para que se desenvolva a conduta medioambiental, pero non é suficiente. Ademais, o investigador puntualiza que "se a preocupación medioambiental vai asociada a altas doses de estrés xa non só é que non se incremente a conduta proambiental, senón que se reduce". Por que? "Porque ante unha situación de alto estrés, en moitos casos, paralizámonos e asumimos unha visión fatalista", expón. Esa visión fatalista ten que ver con afirmacións, xa sexan verbalizadas ou non, como "hai que aceptar o destino do planeta" ou "xa non se pode facer nada". Como advirte Tojo Vila, "este pensamento ten unha grave consecuencia: a minimización dos efectos do cambio climático".

Todas estas, en conclusión, son formas, estratexias mentais, para protexernos desa idea de deber que nos fai mal. Outra forma moi empregada para reducir a disonancia cognitiva é esa tan famosa de "botar balóns fóra", con pensamentos como "que reciclen as grandes empresas" ou "se non o fan outros que teñen máis facilidades, vouno facer eu?". Ademais, Tojo Vila apunta a unha idea moi importante: "para que a nosa preocupación ambiental se traduza en conduta ten que intervir un factor esencial: que vexamos que a nosa intervención é eficaz". Pero claro, isto é a 'pescadilla' que se morde a cola: como vamos saber se unha intervención é eficaz se non a poñemos en práctica? Por outra banda, hai condutas cuxo resultado non se ve de inmediato. Por exemplo, o feito de levar unha bolsa reciclable ao supermercado para non coller sempre as de plástico non podemos saber canto impacta.

"OS QUE CONSIDERAN QUE FAN UNHA CONTRIBUCIÓN SIGNIFICATIVA AO CAMBIO CLIMÁTICO CORREN O RISCO DE CAER NO AUTOENALTECEMENTO"

Por iso son moitas as persoas, que afirma o investigador do Cretus, que "consideran que a súa contribución ao cambio climático é insignificante". Pero hai outro risco: "Os que consideran que si fan unha contribución significativa ao cambio climático corren o risco de caer no sesgo do autoenaltecemento". Que é iso? Persoas que se cren mellores que os demais porque cren que fan as cousas mellor que o resto e que son máis proambientais que os demais. Tojo Vila chancea con que "isto pásanos a todos, polo que esa idea é unha paradoxa en si mesma: a maioría non pode comportarse mellor que a maioría". Ademais, corremos o risco de pensar que a xente que nos rodea son 'freeriders', é dicir, "persoas que se aproveitan dos nosos esforzos e eu, que son unha persoa claramente comprometida coa cuestión medioambiental e que fago esforzos, síntome coma un tonto, porque o resto aprovéitanse deles".

Estas dúas cuestións teñen unha consecuencia principal: "Asumir visións edónicas, é dicir, eu non vou facer o que o resto non fai, así que me deixo levar, e asumo que o importante non é realizar esforzos que costan, senón deixarme levar polas cuestións que ao final me fan feliz e desfrutar", expón Vila Tojo. Finalmente, o investigador apunta a un último sesgo: "o balance coste-recompensa". Indica que "moitas veces olvidamos que a xente busca evitar o coste do esforzo". Como exemplo, recorda a investigación realizada fai uns anos na que se analizaban os usos que se lle podían dar á auga reciclada: dende limpar as rúas ata bebela. Pero o coste persoal non é o mesmo para unha cousa que para a outra, de tal xeito que "a maior esforzo maior sesgo percibido e maior desplome na aceptación desa auga: para regar as rúas si, pero para bebela non".

"PARA QUE UNHA PERSOA SEXA PROAMBIENTAL PRECISAMOS QUE PERCIBA TRES VECES O BENEFICIO POR ENRIBA DO CUSTE QUE LLE SUPÓN O ESFORZO"

E, aínda que pareza que isto non ten relación co cambio climático si a ten, e moito, pois "para que unha persoa sexa proambiental precisamos que perciba tres veces o beneficio por enriba do custe que lle supón o esforzo realizado", e a día de hoxe, "iso é moi difícil cando as condutas mediambientais teñen unha percepción social como a que teñen". Para concluír, Tojo Vila saca a colación a frase do Premio Nobel en Economía no ano 2002, Daniel Kahneman: 'Podemos estar cegos para o evidente e, ademais, cegos para a nosa propia cegueira'. É dicir, podemos estar cegos para o cambio climático, algo que afortunadamente cada vez ocorre menos, a xente xa non está cega nese sentido, pero cremos que somos donos das nosas decisións cando en realidade hai moitos sesgos cognitivos dos que non somos conscientes e que fan que actuemos dunha maneira ou doutra, crendo que somos libres na elección.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Ferroviario

Algo moi, moi sinxelo é usar todo o posible o transporte público