Máis de 600 aspirantes chamados o 23 de xuño en Silleda aos exames para 271 prazas de Médico de Familia

O 38 % dos aspirantes inscritos deberán realizar a proba de lingua galega, ao non resultar exentos deste exercicio, por non estar en posesión do Celga 4, certificado obrigatorio para estar exento.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 29/05/2024 | Actualizada ás 17:50

Comparte esta noticia

Un total de 606 aspirantes están chamados a participar ás 9.30 horas do domingo, día 23 de xuño, en Silleda nos exercicios da fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso na categoría de persoal estatutario de médico de familia de atención primaria. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este mércores a data e a hora da realización dos exercicios, que terán lugar ás 9.30 horas no Recinto da Feira Internacional de Galicia, en Silleda.

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) oferta, mediante o sistema de concurso-oposición, un total de 271 prazas para a categoría de persoal estatutario de médico/a de familia de atención primaria do Sistema Sanitario Público de Galicia. En concreto, 126 corresponden á quenda de acceso libre, 132 á quenda de promoción interna e 13 a de discapacidade xeral. Neste sentido, resultaron admitidos, con carácter definitivo, un total de 606 aspirantes.

O 38 % dos aspirantes inscritos deberán realizar a proba de lingua galega, ao non resultar exentos deste exercicio, por non estar en posesión do Celga 4, certificado obrigatorio para estar exento. Todas as probas selectivas realizaranse no Pavillón 2 do Recinto da Feira Internacional de Galicia, en Silleda. Na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) recóllese a información das distintas portas de acceso ao recinto e a relación de persoas aspirantes comprendidas en cada unha delas.

Os aspirantes deberán ter en conta que non se realiza o chamamento dos aspirantes no exterior do recinto de realización das probas. A acreditación para o acceso efectuarase a través de código QR, que o aspirante poderá obter a través de Fides/expedient-e e que deberá levar impreso o día do exame e conservar ata a finalización das probas.

O código QR conterá información da data, hora, lugar, pavillón, porta de acceso e posto do exame que corresponde a cada aspirante, ademais de incluír indicacións xerais a ter contar para o acceso dos aspirantes e no desenvolvemento das probas. Todos os aspirantes presentados ás probas selectivas terán dispoñible, a través de Fides/expedient-e, un certificado de asistencia, a partir do día seguinte ao de realización dos exercicios.

As aspirantes que desexen exercer o dereito de lactación terán á súa disposición unha sala habilitada para tal fin no exterior do recinto acondicionada con microondas, cambiador, etc. Tamén, se o necesitan, pode solicitar realizar a lactación durante a realización dos exercicios. As aspirantes que necesiten realizar a lactación materna durante os tempos dos exames deberán solicitar a súa realización ao oposiciones@sergas.es antes de 17 de xuño, salvo nos casos de aspirantes que sexan nais mais alá do prazo indicado.

Neste último caso, así como no caso das profesionais en situación de embarazo, que poidan estar ingresadas o mesmo día do exame e desexen acollerse ao previsto no punto 8.1.7 das bases da convocatoria, deberán porse en contacto coa dirección de oposiciones@sergas.es para que lle informen do procedemento a seguir.

Miles de aspirantes realizan as oposicións en Silleda
Miles de aspirantes realizan as oposicións en Silleda | Fonte: Álvaro Ballesteros - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta