Un investigador do IBI, primeiro contrato Ramón y Cajal da biomedicina galega en dez anos

O experto en epixenética Roberto C. Agís-Balboa poderá seguir avanzando nos seus estudos sobre o Alzheimer e a depresión.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 30/11/2015 | Actualizada ás 12:03

Comparte esta noticia

O experto en epixenética Roberto C. Agís-Balboa, integrado no Instituto de Investigación Biomédica de Vigo (IBI) desde 2013 grazas ao proxecto Biocaps, conseguiu o primeiro contrato Ramón y Cajal da comunidade biomédica galega desde hai dez anos. Isto garantirá a súa continuidade no instituto polo menos durante o próximos cinco anos, onde seguirá avanzando nos seus estudos sobre a enfermidade de Alzheimer e a depresión

O investigador Roberto C. Agís-Balboa.
O investigador Roberto C. Agís-Balboa.

Agis-Balboa asegura que afronta esta nova etapa “con motivación e con gran ilusión”, informa a Universidade de Vigo. O programa Ramón y Cajal é moi competitivo, xa que soamente se conceden 175 axudas anualmente para todos os campos de investigación en España. “Dá seguridade e certa tranquilidade saber que podes centrarte só en investigar e non estar sempre preocupado por que pasará mañá, se me teño que ir e volver empezar noutro sitio”, reflexiona, desde a perspectiva de quen desenvolveu a maior parte da súa carreira entre Alemaña e Estados Unidos antes de poder regresar a España.

Nestes dous últimos anos, o seu traballo no IBI centrouse na procura de biomarcadores e dianas terapéuticas para a enfermidade de Alzheimer e a depresión, neste último caso continuando a liña da súa tese de doutoramento, realizada na Universidade de Illinois, en Estados Unidos.

De cara ao futuro, a súa prioridade é lograr establecer a epixenética (estudo da interacción entre os nosos xenes e os factores ambientais ou o noso estilo de vida) como unha área científica de peso no Hospital Álvaro Cunqueiro e non soamente limitada ao campo das neurociencias, no que el traballa.

O Alzheimer continuará centrando gran parte dos seus esforzos de investigación. “Agora mesmo hai 35 millóns de pacientes no mundo e prevese que en 2050 esta cifra alcanzará os 150 millóns. Só o 1% do Alzheimer é de orixe xenética, o 99% restante coñécese como Alzheimer esporádico e sabemos que o noso estilo de vida xoga un papel fundamental como desencadeante”, explica. Un dos principais problemas, ademais de que non se coñece cura, é que cando se detecta xa está avanzado e é demasiado tarde. “Este é un dos retos que me marco, a procura de biomarcadores de diagnóstico temperán e de prognóstico da enfermidade”, afirma.

Polo que respecta á depresión, o seu traballo centrarase no uso de linfocitos obtidos de mostras de sangue para buscar un biomarcador que permita identificar que tratamento concreto dar a cada paciente. “Esta proba aforraría tempo e diñeiro e por suposto melloraría a calidade de vida dos afectados, sen efectos secundarios nin ineficacia, porque os tratamentos non funcionan igual en todas as persoas”, asegura Agís-Balboa.

Máis a longo prazo, o investigador proponse unir os dous campos de investigación para tratar de coñecer a interacción entre ambas enfermidades. “Hai estudos que mostran que a depresión é un factor de risco para padecer Alzheimer, pero os mecanismos epixenéticos implicados na interacción entre ambas non son coñecidos”, expón. “Estes estudos combinados con modernas técnicas de secuenciación xenómica e bioinformática permitirannos coñecer as enfermidades caso a caso, paciente a paciente, e así poder deseñar no futuro terapias epixenéticas personalizadas”.

Traxectoria científica

Roberto Agis-Balboa é licenciado en bioloxía e máster en neurociencias pola Universidade de Santiago de Compostela. Cursou o seu doutoramento no Instituto de Psiquiatría da Universidade de Illinois en Chicago (EE.UU.), onde investigou sobre a biosíntese de neuroesteroides e a teoría epixenética da esquizofrenia. Posteriormente, trasladouse a Alemaña para traballar como investigador de posdoutoramento no Instituto Europeo de Neurociencias (Gottingen) entre 2008 e 2013. Alí especializouse nas interaccións xenoma-ambiente que ocorren durante a deterioración cognitiva asociada ao envellecemento, aos trastornos psiquiátricos e ás enfermidades neurodexenerativas. 

O seu contrato Ramón y Cajal permitiralle continuar vinculado ao IBI e, se pasa con éxito a avaliación do cuarto ano, a dotación inicial de 40.000 euros para os seus proxectos de investigación sumará outros 100.000 euros para estabilizar a súa contratación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta