Hai tempo tiven ocasión de, no contexto das miñas obrigas profesionais, tomar parte nalgunhas das reunións periódicas da Comisión Provincial de Vivenda da Xunta de Galicia en A Coruña. Foi para min unha experiencia moi satisfactoria, porque o tema da dispoñibilidade universal de solucións de habitación é un dos que máis me ten preocupado desde hai moitos anos. Pero, ao mesmo tempo, tal cousa foi frustrante. O certo é que penso que ninguén é alleo ao feito das moi poucas vivendas públicas que hai no noso sistema o cal fai, consecuentemente, que moitas das solicitudes queden sen poder ser satisfeitas. Desde hai tempo penso que para superar tal feito cómpren novos paradigmas e, a partir de aí, diferentes políticas públicas e, en tal sentido, pronuncieime no seo da devandita Comisión unha e outra vez. Non sei que lles parece a vostedes, pero para min este é un dos ámbitos verdadeiramente fortes e importantes no eido do colectivo...
Unha mirada ao que se fai fóra das nosas fronteiras pode ser moi enriquecedora no senso de proporcionarnos ideas sobre as que sustentar tal esforzo. É que hai moitos anos que, en países moi diferentes, tanto a dispoñibilidade de vivenda como o parque dela que é pública son tratados dunha maneira moi distinta. Non vou facer aquí un compendio diso, porque teñen vostedes moita información cunha sinxela procura ao respecto, pero hai países moi referentes para nós que levan moito tempo consolidando modelos de vivenda en alugueiro a prezo taxado en función da evolución da renda da familia que nela vive. Unha morea de experiencias que ás veces acadan á total sostibilidade económica, podendo chegar así cada vez a máis persoas.
Imaxínese que vostede é un rapaz ou rapaza relativamente xove, ou unha parella que comeza a súa vida, ou pertence a algún outro tipo de familia ou grupo humano en busca de vivenda. Se os seus ingresos están nun segmento baixo, que non lle permite enfrontar unha renda a prezo de mercado, vostede podería ser beneficiario dun piso de alugueiro de propiedade pública -do Concello, da Comunidade Autónoma ou do Estado-, de maneira que só pagase algo parecido aos 100 euros ao mes. Mellora a súa situación económica? Pois pasaría a outro tramo, ao mellor ata de 200 euros ao mes de renda. Segue mellorando? Pois a renda percibida polo Estado -por todos e todas- daría outro pulo para pasar ao tramo inmediatamente superior... Que de repente perde o emprego? Pois entón situaríase nun pago de 0 euros ao mes, mentres tal situación non cambie... Encontra o posto de traballo da súa vida, e está entón en condicións de pagar un piso a prezo de mercado? Pois... imos alá. E segue mellorando economicamente, e a súa renda está máis aló da media, podendo pagar máis? Pois entón incentivaríase a súa non permanencia na vivenda, pasando a pagar pola mesma unha renda de, poñamos por caso, un 120% do alugueiro a prezos de mercado... Por que? Pois para tratar de que lle compense saír do sistema, liberando así o recurso en cuestión, que podería ser derivado a outras familias... Todo iso dun xeito sinxelo e moi áxil, de maneira que os cambios sucesivos na renda dispoñible da familia redunden rápido no impacto na cota de alugueiro, non facendo deixamento na natural función de inspección da Administración e non tolerando o fraude...
O que conto no parágrafo anterior, e que tiven ocasión de expresar máis veces en distintos foros, penso que é a base dun sistema que pode chegar a ser sostible no acceso a solucións de vivenda para as familias, nunca en propiedade e si en tal réxime de alugueiro de maneira vitalicia para a persoa solicitante. Se isto se complementa coas necesarias accións de fomento de tal vivenda pública, dunha maior reserva de solo para tal fin e de accións de financiamento público-privado do conxunto, penso que nun prazo prudente de tempo pódese ir reforzando tal parque de alugueiro oficial, hoxe practicamente inexistente. E que, cando o hai, moitas veces está “guetificado” -horror-, falla a inspección para evitar o fraude e non responde a unha lóxica de entender a vivenda como un servizo social básico absolutamente necesario para todas as persoas. Entregar vivenda pública en réxime de propiedade é para min un erro, xa que conculca a idea básica de chegar a cantas máis persoas mellor e non afonda na lóxica de que, dependendo da evolución socioeconómica da familia, a mesma teña a maior participación posible no sostemento do sistema.
É verdade que nos países en que cousas parecidas xa se fan desde hai moitas décadas, lévannos moita vantaxe. Pero o certo é que se nunca nos poñemos a traballar arreo, tal diferencia será cada vez maior. Eu estou contento porque o da vivenda e o acceso á mesma é un tema do que agora se empeza a falar con moita forza, en tempos de “xentrificación” e de maior especulación que nunca, con novos axentes “consumidores” de vivenda, tales como os usos turísticos e a forte pegada dos nómades dixitais, refuxiados climáticos con recursos e, en xeral, persoas con forte poder económico que chegan a expulsar aos habitantes dos lugares nos que se asentan. Penso que a cousa pode dar un xiro verdadeiro e potente se somos quen de establecer un certo consenso entre as diferentes sensibilidades políticas, poñéndonos á acción con claridade, orientación a resultados e coa forza da convicción. É un tema que sempre me levantou paixóns, seguramente porque entendo que incluso antes de ter auga potable ou outros servizos básicos é fundamental o lugar onde todo iso poida verificarse, que non é outro que a casa, o fogar... E confésolles que moitas veces, mirando ao mar, soño con poder desenvolver tal tipo de cousas, ben desde o eido público ou dando os pasos necesarios para facelo desde unha iniciativa privada de tipo non lucrativo. É unha desas teimas que penso que todos temos, nas que cremos e nas que queremos aportar. Algunha cousa xa tiven a honra de traballar ao respecto, pero é verdade que para levar a bo termo proxectos así un ten que contar con algúns recursos que lle sirvan de panca para levantar moitos máis e, sobre todo, os compañeiros e compañeiras de viaxe axeitados, así como un certo contexto propicio....
Do que non cabe dúbida algunha é de que a vivenda para todos e todas é un requisito imprescindible para que unha sociedade poida ser chamada así, e non se quede nunha xungla. Unha vivenda á que uns poderán chegar sen problema a prezo de mercado, pero que noutros moitos casos terá que ser posta no foco do importante e imprescindible do esforzo común para que o resultado sexa ese mesmo. Dunha maneira dinámica e cambiante, como digo, porque a vida de todos e todas está suxeita a fortes vaivéns e variacións, e a nosa capacidade para coidarnos a nós mesmos e aos demais, no máis amplo senso, tamén.
Sexan felices! E coidado coas calores do verán...!
jl_quintela_j@telefonica.net
Da sección: “Mirando ao mar”