En Marea suma o respaldo de trinta candidaturas municipais de base

Uns trinta procesos municipalistas de toda Galicia reuníronse o martes na Coruña nun Encontro de Mareas Cidadás para amosar o seu apoio á candidatura de En Marea. Lisa completa dos asinantes do manifesto "Maio só foi o principio" no interior.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 08/12/2015 | Actualizada ás 21:41

Comparte esta noticia

Neste acto de campaña, que se celebrou no local da Marea Atlántica, deuse lectura a un manifesto no que as plataformas cidadás presentes ratificaron o seu “compromiso cun proceso de cambio que vai moito máis alá das eleccións municipais, unha primavera longa que se enfronta o 20 de decembro a un novo desafío nas eleccións xerais e que debera culminar o ano próximo desaloxando por fin o PP da Xunta de Galicia”.

Asinantes do pacto das candidaturas municipais en favor de En Marea
Asinantes do pacto das candidaturas municipais en favor de En Marea

Por parte de En Marea, acudiron os candidatos e candidatas ao Congreso pola Coruña, Antón Gómez-Reino, Xaime Subiela, Rubén Pérez e Gladys Afonso, o cabeza de lista ao Senado pola nosa provincia, José García Buitrón, e as números un e dous da lista ao Congreso por Pontevedra, Alexandra Fernández e Ángela Rodríguez.

En primeiro lugar, falou Mariano Fernández Cabarcos, por parte da Marea Atlántica, que lembrou o camiño percorrido desde que no verán do 2014 os primeiros mareantes se xuntaron na Ribeira do Cómaro e desde que hai oito meses se celebrou unha xuntanza moi semellante á de hoxe. Este camiño levou ás candidaturas cidadás a ter concelleiros e concelleiras en moitos dos concellos de Galicia e aos gobernos municipais da Coruña, Santiago e Ferrol.

De seguido, representantes das diferentes plataformas municipalistas deron lectura ao manifesto Maio só foi o principio, que foi asinado por esta lista de mareas: Compostela Aberta, Ferrol en Común, SON de Abegondo – Foro Veciñal, Iniciativa Cidadá – Ames Novo, SON Ares, Boiro Novo-SON, Somos Cambados, Alternativa Canguesa de Esquerdas, SON Carballo, Movemento Veciñal Estradense, SON Malpica, Marea Cidadá de Noia, Ourense En Común, SON Pereiro de Aguiar, Nós Pobra, Marea Pontevedra, Rianxo en Común-SON, Ribeiro en Común, Marea de Vigo, Vilalba Aberta, Gañemos Vilanova, Gañemos Viveiro, SON Viveiro, SON de Toén, Alternativa Veciñal do Carballiño, Nigrán Decide, Xunt@s por As Pontes e Contigo Pódese Ames. A Marea Atlántica di que "nos vindeiros días agárdase que se sumen outros procesos de unidade, a medida que as súas asembleas vaian aprobando o manifesto".

No texto déixase claro que “Galicia quere cambio. Un cambio nas políticas e na política, no modelo de sociedade que queremos para o futuro e no xeito de organizar a nosa vida en común e a participación nas institucións”. Ficou demostrado nas eleccións municipais, coa forza que colleron as candidaturas de confluencia e unidade popular.

“A vitoria de maio trazou unha liña no ecosistema político galego que só se pode atravesar nunha dirección: cara adiante”, indica o texto. E por iso, as mareas asinantes declaran: “Todo o noso apoio e toda a nosa forza para as compañeiras e os compañeiros que encabezan a candidatura de En Marea nestas eleccións xerais. Para que leven a onda de ilusión das mareas e avanzada dos nosos gobernos rebeldes ao Congreso dos Deputados. Maio foi só o principio. Galicia quere cambio. E isto non hai quen o pare”.

Pecharon o acto Alexandra Fernández e Antón Gómez-Reino, Tone, que agradeceron o apoio recibido. Alexandra salientou que “o obxectivo de En Marea é seguir sumando, e as mareas municipalistas son o espello no que vernos para seguir camiñando. O cambio é un proceso que necesita retroalimentarse e En Marea debe ser un motor para que máis xente siga participando nos espazos municipais para tecer a rede e abrir espazos de cooperación. Isto non o imos facer entre dúas ou tres persoas. Temos que facelo entre todas”.

Pola súa banda, Tone afirmou: “Síntome coma na casa. Estamos traballando colectivamente para construír unha candidatura que se pareza a este país. Abordamos este camiño con responsabilidade e ilusión. Responsabilidade colectiva polo reto e ilusión porque entre todas fomos capaces de facer o que a cidadanía nos demandaba. O 20D ou somos nós ou é Feijóo. O cambio non hai quen o pare”. E concluíu cunha expresión xa ben coñecida, e tan certa hoxe coma hai un ano: “En Galicia, para a xente, hai marea!”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 7 comentarios

4 De base juas

De Base de que de base da OTAN

3 Gamela

A Marea de Vigo onde aproba ou deixa de aprobar as súas decisións (?) Está sendo demasiado oscuro todo o que atinxe á Marea de Vigo e moi especialmente ás declaracións e non-actuacións do seu voceiro no Concello de Vigo (Rubén IU) ? Será por asinar manifestos...!

1 anonimo

Pois en Ferrol ocorre outro tanto

2 Balbordo

Vivan as Mareas e a unidade nacional-popular!

1 ex militante

Podemos apoiando a Podemos. E. a noticia cal é? Cando ides falar das baixas en EU?

1 Un mareado feliz

Logo a quen queres que apoie? a Alberto/tito? Se non che gusta a situación creada debeches facer algo máis para que os nacionalistas galegos non se presenten o 20 D cunha fenda innecesaria e inútil. Agora só queda sumar e non restar. O cainismo só favorece aos de sempre, ou ainda non te entereaches?

2 Zé da Terra

Claro que favorece aos de sempre! Que Podemos e @s ex de IU na Galiza, sen ter base nin militancia, vanse colocar de lo lindo,,, Os galegos, miñaxoia mareada e feliz, non tanto. Máis centralismo madrileño, máis cúpula e cópula da complutense, iso si, agora da neo casta que cada día baixa as calzas para arrimarse ao sistema (Unión Europea, Otan, monarquía, constitución...), e iso que aínda non tocaron poder! Lembrame aos aburguesados do BNG que ían cambiar o mundo e acabaron sacrificados para maior gloria do PsoEspañol! Noxo de vendidos!