Por Galicia Confidencial | A Coruña | 23/08/2024 | Actualizada ás 14:40
A entidade pública Adif Alta Velocidade decidiu construír unha estación provisional para manter o servizo ferroviario mentres se realizan as obras de remodelación da terminal da Coruña. O novo edificio, cuns 1.000 m2 de superficie útil e posibilidade de ampliación en altura, destinarase posteriormente aos operadores e suporá un investimento de 4,5 millóns de euros. Esta actuación enmárcase no proxecto de modernización e reforma da estación da Coruña que, da man da metodoloxía BIM, está previsto que finalice a mediados de 2027.
A construción desta estación provisional non estaba incluída no proxecto inicial, que establecía diferentes fases de execución con baixas sucesivas das plataformas actuais, deixando a estación con 4 vías. Con todo, o incremento de demanda promoveu a súa creación e, a fin de garantir a capacidade da estación, realizouse unha modificación no proxecto. Desta forma poderase manter operativa a terminal, coa disposición de 6 vías asociadas a tres plataformas próximas á terminal provisional, cubrindo as necesidades de tráfico ferroviario e evitando o tránsito de viaxeiros pola zona de obras.
Os traballos de remodelación e modernización da terminal da Coruña comezaron a súa andaina en novembro de 2023 coa adxudicación do proxecto a Ferrovial Construción S.A. Contan cun prazo de execución de 42 meses e requiren un investimento de 72,5 millóns de euros. Esta actuación vai contar con financiamento europeo dos fondos Next Generation. Ademais, contribúe á consecución do Obxectivo de Desenvolvemento Sustentable (ODS) 9, que fomenta infraestruturas fiables, sustentables e de calidade, e ao 11, que contempla o acceso a sistemas de transporte seguros, accesibles e sustentables
O proxecto comprende a retirada das vías do interior da marquesiña histórica da estación e a rehabilitación do espazo resultante para que albergue un novo gran vestíbulo de viaxeiros e unha zona comercial, que se situará nun pavillón acristalado. Así mesmo, entre a marquesiña e a zona de plataformas construirase unha nova sala de embarque, que contará con control de acceso, con espazos comerciais e disporá de iluminación natural cenital. Tamén se remodelará a planta baixa do edificio de viaxeiros e recolocarase o punto de atención e venda de billetes nun novo inmoble que se habilitará nun dos corredores laterais.
En canto á zona de vías e plataformas, modificarase a configuración de vías e reordenaranse as plataformas, sobre os que se construirá unha nova cuberta. A plataforma 1 dará servizo ao tráfico de trens de longa distancia, e as plataformas 2 e 3, aos de media distancia.
No exterior, contémplase acondicionar a praza de acceso para mellorar a súa conexión peonil e pór en valor a fachada da estación. Tamén se modificará a área de estacionamento de taxis e autobuses urbanos, e habilitarase unha zona de parada puntual de vehículos que acudan a levar ou recoller viaxeiros á estación. Para optimizar a súa integración urbana, o proxecto contempla unha pasarela peonil transversal que, cruzando sobre a nova sala de embarque, conectará a avenida de Sardiñeira coa avenida do Ferrocarril, ademais dun viario de acceso subterráneo ao aparcadoiro da estación.
Trátase dun proxecto moi innovador no que a metodoloxía BIM (Building Information Modeling) ten un gran protagonismo. BIM permitirá a Adif centralizar toda a información da terminal da Coruña (xeométrica, documental, etcétera) nun modelo dixital desenvolvido por todos os axentes que interveñen?, explica Borja Sánchez Ortega, Director de Proxectos e Director do Máster BIM Manager Internacional (+VR) da empresa Espacio BIM (www.espaciobim.com). E é que a alianza entre Adif e BIM veu para quedar. "Até agora aplicamos BIM a proxectos e obras no ámbito da edificación, fundamentalmente a estacións, aínda que tamén temos un número considerable de proxectos de infraestruturas, tanto de plataforma ferroviaria como de montaxe de vía?", explica Javier Lozano, subdirector BIM e de Continuidade Dixital en Adif na entrevista realizada na sección AbiertoXObras da mencionada empresa, que lembra que o Plan de Transformación Dixital de Adif "é tamén moi ambicioso" e os equipos das áreas de proxecto, obra, mantemento (entre eles, os responsables de facility management), así como as áreas de ámbito estratéxico e de soporte, "están a facer un esforzo incrible para que Adif siga sendo unha empresa de referencia no ámbito da xestión ferroviaria a nivel mundial.".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.