Por Elena G.Fdz | Santiago de Compostela | 08/09/2024 | Actualizada ás 14:00
A Ruta da Lamprea ofrece aos senderistas unha experiencia única que combina natureza, historia e gastronomía. Este sendeiro, situado no municipio de Teo, é un percorrido que pon en valor os recursos etnográficos e naturais vinculados á lamprea, un peixe que habitou os ríos galegos durante máis de 500 millóns de anos.
Ver esta publicación en Instagram
Una publicación compartida por Galicia Confidencial (@galicia_confidencial)
UN CAMIÑO CON HISTORIA: DENDE A ROMA IMPERIAL Ó SÉCULO XXI
Esta ruta non é só un camiño por paisaxes fermosas, senón tamén unha viaxe a través da historia. A lamprea, considerada un dos primeiros vertebrados do planeta, era xa un manxar na Roma Imperial, transportada desde Galicia ata Italia, onde se conservaba en viveiros para ser servida na mesa dos emperadores.
Hoxe en día, a lamprea segue sendo un símbolo gastronómico de Galicia, especialmente nas augas do río Ulla, onde comparte espazo co salmón, o reo e a troita. A ruta de sendeirismo segue o curso deste río, ofrecendo aos camiñantes a oportunidade de descubrir non só a contorna natural, senón tamén as pesqueiras, estruturas históricas utilizadas para a pesca da lamprea.
AS PARADAS CLAVE
A Ruta da Lamprea non é circular, polo que os camiñantes deben ter en conta que o percorrido implica facer a ida e a volta, duplicando así a distancia total. A continuación, destacamos algunhas das paradas máis emblemáticas que te atoparás nesta senda:
O punto de inicio é a área recreativa do Xirimbao, coñecida por albergar no seu día a pesqueira máis grande do río Ulla. Desde aquí, podes cruzar a Pasarela Mariola, unha ponte colgante construída en 1960 que une as provincias da Coruña e Pontevedra. Esta ponte non só é un símbolo da conexión entre dúas terras, senón tamén un miradoiro perfecto para admirar as augas do Ulla e a contorna natural que as rodea.
Nesta parada atopamos varias persoas que se detían a facer fotos, unha delas contounos que era a súa primeira vez facendo esta senda e que repetiría sen dúbida. “A miña parte favorita é esta ponte colgante, aínda que me da un pouco de vértigo” dicía entre risas.
Continuando pola ruta, chegamos á Zona da Croeira, un dos lugares máis cobizados para a pesca do salmón e un punto clave para a desova da lamprea. Aquí, a natureza maniféstase en todo o seu esplendor, co río ofrecendo un espectáculo de vida e movemento. A lamprea desova ata 250.000 ovos nesta área, un evento natural impresionante que mostra a importancia deste lugar no ciclo de vida da especie.
Unha parella de maiores que adoitan facer este camiño contaban que, a pesar de ser un pouco longo, é perfecto para manterte activo. “Nos vimos sempre a camiñar por aquí, ó carón do río fai fresco e estase moi ben” explicaba a muller.
A medida que avanzas, atoparaste coa Pedra Fernández, unha curiosa formación rochosa chea de buracos erosionados polo tempo. Esta pedra é moi popular entre os pescadores de salmón, quen creou lendas sobre os buracos, atribuíndoos ás longas horas de espera durante a pesca. A vista desde este punto é espectacular, e o lugar convida a unha pausa para apreciar a tranquilidade da contorna.
Finalmente, o camiño lévache ás Pesqueiras de Bumio e Lampreeiro, situadas estratexicamente para aproveitar a corrente do río. Aínda que moitas destas estruturas están en desuso, as de Bumio e Lampreeiro aínda seguen operativas. Estas pesqueiras son un testemuño vivo da antiga enxeñería que perdurou ata os nosos días, adaptándose á contorna e resistindo o paso do tempo.
UNHA RUTA PENDENTE
A Ruta da Lamprea en Teo é máis que un simple camiño, é unha experiencia que combina a beleza natural de Galicia coa súa rica historia e cultura. Xa sexa cruzando a Pasarela Mariola, observando a vida na Zona da Croeira ou descubrindo as pesqueiras, cada paso neste camiño é unha homenaxe á lamprea e ao legado que deixou nesta terra. Se buscas unha ruta de sendeirismo que che conecte co pasado e que che permita gozar da natureza, este é o teu destino.
¿Gústache esta noticia?Problemas cos comentarios?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.
¿Gústache esta noticia?
- Dous produtos galegos entre os galardoados nos Premios Alimentos de España
- Sanidade espera aprobar en novembro a Lei de Garantías e Uso Racional dos Medicamentos
- Excarceran a unha das ocupantes dun coche que saíu da estrada en Calvos de Randín
- Rescatan a dous obreiros atrapados ao derrubarse parte da casa na que traballaban en Sada
- Aparece un corpo sen vida flotando na auga en Cambados
- Detido por darlle unha labazada ao seu sobriño de 10 anos