A parcialidade da mensaxe real

O Xefe do Estado escolleu este Nadal o Salón do Trono do Pazo Real de Madrid para lle transmitir á cidadanía española unha mensaxe na que tomou partido a prol dunha idea de España uninacional e esencialista, vencellada a unha suposta historia común de grandes éxitos. E vencellou a Monarquía, a Coroa, a esta idea esencialista, máis ancorada no pasado que proxectada no futuro.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 27/12/2015

Comparte esta noticia

A propia escolla do lugar afastou a El-Rei de transmitir proximidade e complicidade, para  salientar a solemnidade e a vinculación da dinastía Borbón con ese pasado de supostas glorias comúns, no canto de conectala coa elección cidadá e co pacto social. Mágoa que Felipe de Borbón non lembrase que os seus devanceiros protagonizaron episodios tan pouco edificantes como a represión en Catalunya, Illes Balears ou  País Valenciano (Felipe V, 1707-1715), a represión aos liberais e demócratas de Fernando VII ( 1814-20 e 1823-33) ou o apoio do seu bisabó Alfonso XIII á ditadura de Primo de Rivera (1923) e ao golpe do xeneral Franco (1936).

Porque, alén dos parabéns de Nadal en galego, catalán e euskera, El Rei non fixo aceno ningún a prol da España plurinacional e amosou ben ás claras as súas prioridades. O problema principal sería a unidade do Estado, non os déficits de xustiza social, equidade e falla de cohesión xeradas pola Gran Depresión. Velaí que todas as forzas políticas alleas ao trivote PP-PSOE-C´s sinalaran as súas graves diferenzas co eixo do relato de  El-Rei.

Semella, pois, que a Coroa tende a se identificar cos valores do nacionalismo español e renuncia ao exercicio da súa función moderadora. Afastandose non só das periferias, senón dos sectores cívicos máis  partidarios do cambio. Asumindo o relato da dereita española, reconciliándose cos sectores sociais máis específicamente monárquicos e renunciando á sedución dos sectores máis progresistas.

Felipe de Borbón manifestou un concepto de “Constitución” esencialista e pouco aberto a remudas ou reformas.  Un concepto estático  de legalidade constitucional que fai prognosticar unha actitude continuadamente refractaria da Coroa fronte ao encaixe plurinacional do Estado. Polas razóns que sexan, o Xefe do Estado semella que xa non acredita naquel lugar común da “Monarquía para todos”  

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.