Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/10/2024 | Actualizada ás 16:13
O PSdeG celebrará o vindeiro sábado, día 19 de outubro, celebrará un acto de homenaxe para recoñecer os 45 anos de goberno socialista no municipio pontevedrés de Caldas de Reis.
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, trasladou o seu "orgullo e recoñecemento" a estes 45 anos de goberno socialista nunha visita á localidade, na que estivo acompañado polo alcalde, Juan Manuel Rey, e os dous anteriores rexedores socialista, Adolfo Abalo, e José María Tobío, nun xesto simbólico de continuidade e de unidade.
Deste xeito, os socialistas celebrarán o sábado un acto especial para homenaxear a historia de goberno socialista na localidade, desde 1979 ata hoxe, recoñecendo "o traballo colectivo que levou ao desenvolvemento e á transformación de Caldas de Reis".
Besteiro destacou a relevancia deste evento non só como un recoñecemento ao pasado, senón tamén como unha proxección cara ao futuro. "Este é un motivo orgullo para todo o Partido Socialista, porque recolle un legado de progreso democrático que seguiremos impulsando para mellorar a vida dos cidadáns e cidadás de Caldas", sinalou.
O actual alcalde, Juan Manuel Rei, tamén falou da importancia deste evento. "Para nós é unha honra e un orgullo presentar este feito histórico de 45 anos ininterrompidos de exercicio do socialismo, de moi bo socialismo e de moi bo municipalismo, que foi o que nos perpetuou ata aquí", declarou.
Rei explicou que as celebracións permitirán facer unha revisión do pasado, pero, sobre todo, proxectar o futuro. "Queremos enforcarnos nestes dous sentidos e animar á xente a acudir este sábado aos actos deseñados para isto", engadiu.
O alcalde confirmou que está todo listo para o sábado: "Inauguraremos unha exposición que recollerá os feitos máis importantes desta historia. A continuación, haberá un acto político no que intervirá José Ramón Gómez Besteiro e Fernando González Laxe, e despois celebraremos unha comida que nos permitirá lembrar feitos e andainas destes 45 anos", apuntou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.