Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/12/2024 | Actualizada ás 18:05
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, entregou este venres o premio María Josefa Wonenburger Planells 2024 a María Loureiro, catedrática de Fundamentos de Análise Económica da Universidade de Santiago de Compostela, "referente" no ámbito das ciencias sociais.
A Unidade Muller e Ciencia da Xunta, encargada de outorgar o recoñecemento, destacou o seu labor na investigación sobre a enerxía ou a economía ambiental e agrícola, entre outras cuestións.
O acto arrincou cun minuto de silencio polo asasinato machista ocorrido en Viveiro este xoves. A conselleira tamén fixo referencia ao suceso, reiterando no inicio da súa intervención a condena do Goberno autonómico e animando a todas as vítimas a denunciar.
Xa no que respecta á premiada, Fabiola García incidiu na "ampla traxectoria" que atesoura María Loureiro, á que definiu como "un auténtico referente no ámbito das ciencias sociais".
Destacou que se trata dunha "prolífica" investigadora especialista en transición enerxética, clima e medio natural, incluída na denominada Lista Standford, entre o 2% de persoas científicas de maior impacto mundial.
A conselleira tamén subliñou o seu traballo de investigación sobre o impacto económico do cambio climático e a relación entre o consumo e o clima. Ademais, lembrou que Loureiro "fixo historia" coa súa avaliación económica dos danos ambientais do Prestige, "que deu lugar, por primeira vez, a unha peritaxe ambiental dunha catástrofe deste tipo".
A científica traballa agora no cálculo dos danos ocasionados por eventos climáticos extremos, que poden afectar á saúde e benestar da cidadanía, como é o caso da recente DANA en Valencia, como ela mesma citou.
"BLINDAR O PAPEL FUNDAMENTAL DAS MULLERES NA CIENCIA"
A responsable autonómica de Igualdade sinalou que o obxectivo deste premio é "blindar o papel fundamental das mulleres na ciencia" e que a Xunta "aposta pola eliminación de desequilibrios na ciencia e por situar a perspectiva de xénero nun primeiro plano nos estudos e actividades científicas".
Para iso, apuntou, o Goberno galego desenvolve políticas públicas en materia de igualdade que "buscan derrubar barreiras e elevar as vocacións das nenas, a modo de efecto espello no que poidan mirarse".
Entre esas iniciativas, destacou o III Programa Muller e Ciencia que, con 44,7 millóns de euros, quere impulsar un sistema galego de ciencia, tecnoloxía e innovación que incorpore a igualdade de oportunidades.
Neste sentido, indicou que os orzamentos de 2025 inclúen máis de 28 millóns de euros para a promoción da igualdade de xénero para impulsar, entre outras cuestións, unha maior educación e investigación en clave de igualdade.
O premio María Josefa Wonenburger, en honra da investigadora e matemática galega que foi pioneira e referente feminino internacional no ámbito das ciencias, foi creado polo Goberno galego para distinguir ás mulleres galegas con traxectorias notables nos ámbitos das ciencias e da tecnoloxía.
Con este recoñecemento, a Xunta busca "pór en valor a carreira destas referentes, que destacan pola súa contribución e convertelas en modelo a seguir para as próximas xeracións".
ANIMAR ÁS NENAS A TER "OS SEUS PROPIOS PAXAROS NA CABEZA"
Precisamente por isto, Loureiro mostrouse moi emocionada ao recoller o premio, destacando ademais que é a primeira do campo das ciencias sociais que o recibe.
Na súa intervención, precedida por unha presentación da vicerreitora de Política Científica da USC Pilar Bermejo, tivo palabras de agradecemento para a súa familia e amigos, e acordouse dos seus inicios no municipio lucense da Pontenova, ao que agradeceu o seu traballo de dinamización, "sen o que a brecha entre o rural e o urbano sería aínda máis grande".
Co impulso deste premio, concluíu, tócalle agora a ela "crear novas expectativas para outras persoas", especialmente para as nenas. "A que teñan os seus propios paxaros na cabeza", comentou, en referencia aos comentarios da súa familia cando era unha nena.
AMPLA TRAXECTORIA INVESTIGADORA
María Loureiro, nacida no concello lucense da Pontenova en 1972, é licenciada en Economía pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e doutora pola Washington State University.
Desde o ano 2010 é catedrática na USC e, ademais, foi profesora titular na Colorado State University e na Carlos III de Madrid. Forma parte da Real Academia Galega das Ciencias desde o ano 2022. A investigadora é a primeira muller académica numeraria da Sección de ciencias Económicas e Sociais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.