O caso dos exames de Bieito Lobeira na UNED será levado á Audiencia Nacional por "vulnerar os seus dereitos lingüísticos"

A Mesa reclama o dereito a utilizar o galego nos exames da UNED, idioma elexido polo dirixente do BNG. "A imposición do castelán nas probas presenciais implica que se teña que expresar nunha lingua que non é a súa propia", critica.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/02/2025 | Actualizada ás 11:15

Comparte esta noticia

A Mesa pola Normalización Lingüística informou de que acudirá á litigación estratéxica ante a Audiencia Nacional para defende o dereito a empregar o galego nos exames da UNED. Segundo sinalan nun comunicado, piden a revogación íntegra da sentenza do xulgado central do contencioso administrativo, que "valida a vulneración dos dereitos lingüísticos dun estudante ao que non se lle corrixiu un exame por escribilo en galego".

Solicitan o amparo da Audiencia "recoñecendo o dereito do alumno, Bieito Lobeira, a utilizar a lingua cooficial do territorio no que se examina na realización e redacción das probas presenciais". Apuntan que, a este respecto, a universidade defende que "o equipo docente non ten competencia nin instrumentos para avaliar unha proba redactada nun idioma diferente do castelán" e que, "en consecuencia, non ten obrigación de corrixilo".

"A imposición polo Estado da obrigación de realizar no ensino universitario os exames en castelán, baixo a pena de non ser admitidos, constitúe unha perturbación grave e non xustificada", alega o presidente da Mesa, Marcos Maceira. Insiste en que o alumno non puido escoller en que universidade matricularse ao non existir esa titulación en ningunha universidade galega, "polo que a imposición do castelán nas probas presenciais implica que se teña que expresar nunha lingua que non é a súa propia".

Sobre isto, afirma Maceira que se trata dunha "medida desproporcionada e caprichosa, que ademais non persegue ningunha finalidade lexítima". Engade ademais que unha profesora da UNED ofreceuse a traducir o exame ao castelán e a pesar disto, mativose a imposición.

Así mesmo, indica que o caso de Lobeira non é único e que existen "moitos outros estudantes galegos que optarían por realizar os exames en galego se non estivese penalizado coa inadmisión".

Bieito Lobeira, secretario de Organización do BNG
Bieito Lobeira, secretario de Organización do BNG | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta