Chamar co móbil noutro país só terá un recargo de 0,05€ por minuto

A partir do 30 de abril diminuen significativamente as tarifas de roaming que desaparecerán definitivamente en xuño de 2017.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 06/04/2016 | Actualizada ás 12:21

Comparte esta noticia

O 30 de abril comeza o último tramo para a desaparición definitiva do roaming en Europa. A partir dese día as chamadas que se fagan cun teléfono propio noutro país da UE terán só un recargo de 0,05€ por minuto

Uso dun teléfono móbil
Uso dun teléfono móbil

Deste xeito, confírmase o calendario que o actual vicepresidente da Comisión Europea, Andrus Ansip, comunicou ao Eixo Atlántico ao finalizar a campaña Zero Roaming, que recolleu o pasado ano, e nun mes, máis de 117.000 firmas.

E é que a final deste mes a redución de tarifas chega a case toda Europa. Deste xeito, as chamadas entrantes só terán un recargo de 0,01€ por minuto, os textos saíntes de 0,02€ e a descarga de datos 0,05€ por MB. Haberá que agardar a xuño de 2017 para que o roaming desapareza definitivamente.

A Asociación de Consumidores de Europa (BEUC) e os colectivos que agrupan aos consumidores de Francia, Bélxica, Holanda e Grecia sumáronse á campaña ZERO ROAMING posta en marcha, o pasado ano, polo Eixo Atlántico, a RIET (Rede Ibérica de Entidades Transfronteirizas), OCU (Asociación de Consumidores e Usuarios de España) e DECO (Asociación Portuguesa para a Defensa do Consumidor) que recolleu 117.482 firmas nun mes.

"O Eixo Atlántico mantivo a esixencia de pór fin ao sobrecusto inxustificado que supón o uso do teléfono móbil no estranxeiro e sempre mantivo que se trata dunha mera cuestión de vontade política", apunta nun comunicado. De feito, Bélxica, Luxemburgo e os Balcáns conseguiron suprimir o roaming que o Eixo Atlántico considera a "última fronteira de Europa" porque "atenta contra os principios do Mercado Interior Europeo ao afectar ao dereito do cidadán a moverse libremente polo territorio da Unión Europea".

O Presidente do Eixo Atlántico, Ricardo Rio, ten insistido no impacto negativo que teñen as tarifas de roaming sobre as empresas de fronteira, que ven obrigadas a pagar como conferencias internacionais chamadas a clientes nun radio inferior a 50 km, mentres que outros empresarios dentro do mesmo país, teñen tarifa plana para comunicarse a máis de 500 km.

"O roaming supón unha traba importantísima ao desenvolvemento económico, a competitividade das empresas e á mobilidade, sobre todo nos territorios de fronteira", destaca o Secretario Xeral de Eixo Atlántico, Xoan Vázquez Mao.

De feito, o roaming é o principal obstáculo para o uso do móbil na UE. Segundo un Eurobarómetro de 2015, o 70% dos europeos limita o uso do móbil cando sae do seu país e até o 94% pecha o seu servizo de datos e non se conecta a Internet polo móbil polos custos extras da itinerancia.

De acordo coa enquisa, coas actuais recargas por itinerancia, o 47% dos usuarios non utilizaría nunca Internet no móbil noutro país da UE, mentres que un 10% usaría as mensaxes de correo electrónico do mesmo xeito que cando están no seu país. Ademais, un 25% dos cidadáns europeos apaga o teléfono móbil cando viaxan a países da Unión Europea e un 20% prefire enviar SMS que chamar por teléfono, aínda que un 25% non enviaría nunca mensaxes de texto desde outro país da Unión.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta