Carmen Santos dá a sorpresa e gaña as eleccións de Podemos Galicia

A candidata independente viguesa vence por un pequeno marxe á candidatura oficialista da deputada Rodríguez. A candidatura do ex-secretario é a gran derrotada, ao non lograr entrar no Consello Cidadán Galego. Vídeo da rolda de prensa dos resultados no interior.

Por Galicia Confidencial | Zaragoza | 12/04/2016 | Actualizada ás 12:25

Comparte esta noticia

Segundo informou Pablo Echenique este mediodía, nas eleccións de Podemos Galicia votaron 3.223 persoas. Isto supón unicamente o 15% dos inscritos no partido morado no país.

Carmen Santos Queiruga, ex secretaria de Estratexia Política de Podemos-Galicia
Carmen Santos Queiruga, ex secretaria de Estratexia Política de Podemos-Galicia

O secretario de organización de Podemos tentou sacarlle ferro á baixa participación. O voceiro argumentou en rolda de prensa que a metade dos que entraron no último ano no portal de participación de Podemos votaron no proceso elecotral que concluíu hoxe.

A candidata máis votada para secretaria xeral é Carmen Santos Queiruga, que se presentaba baixo as siglas de “Un mar de xente”, cuns 1.200 votos; o que corresponde ao 41% dos sufraxios válidos. Santos xa fora a máis votada nas primeiras eleccións de Podemos o ano pasado, pero non se presentara á secretaría xeral daquela. Ocupou un posto na directiva de Podemos Galicia que encabezou Breogán Riobóo, pero dimitiu. Funcionaria do CSIC en Vigo, Santos Queiruga é crítica tanto coa xestión de Riobóo como coa do aparato estatal que lidera Pablo Iglesias.

A segunda candidatura máis votada é da deputada no Congreso Ángela Rodriguez Martínez, 'Pam', que se presentaba baixo as siglas de Agora Podemos. Sumou 1.162 votos, o 39% do total. Rodríguez presentaba a opción máis oficialista das tres que competían. A súa derrota, aínda que sexa por un marxe moi axustado, supón un contratempo para o equipo de Iglesias.

Breogán Riobóo, que se presentaba baixo a denominación Decide Galicia, obtivo 575 votos, o que supón un 19% dos emitidos. Riobóo era o primeiro e actual secretario xeral. Estaba moi enfrontado co aparato de Madrid, a quen acusou de montar un golpe interno en Podemos Galicia para arrebatarlle o cargo tras criticar en público a campaña de En Marea. 

Breogán Riobóo, Ángela Martínez e Carmen Santos competiron por liderar Podemos en Galicia
Breogán Riobóo, Ángela Martínez e Carmen Santos competiron por liderar Podemos en Galicia | Fonte: CRTVG

No Consello Cidadán, haberá equilibrio total entre o grupo de Santos e o de Rodríguez. Neste órgano sentaranse 17 conselleiros de Un Mar de Xente e 17 de Agora Podemos. Agora ben, Santos Queiruga ten total liberdade para escoller o equipo directivo que leva o día a día do partido morado en Galicia. Este equipo é o que se debe encargar de funcións como, entre outras, negociar unha hipotética confluencia de cara as xerais.

Dos novos membros do Consello Cidadán 21 son mulleres e 14 homes, contando á nova secretaria xeral. O 60% dos cargos serán polo tanto son féminas. Durante a rolda de prensa en Zaragoza emitida por Internet, Echenique congratulouse porque non foi necesario facer corrección de xénero na lista de elixidos, destacando a aposta de Podemos por feminizar a política.

Velaquí o vídeo da rolda de prensa do número 3 de Podemos:

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 12 comentarios

1 Fartodapolitiquilla

Bajo mi punto de vista, estaban mejor en casa limpiando, como dijo Félix de Azúa sobre Ada Colau, riau, riau

1 joseva

Fartos de HP!!