Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 05/04/2025 | Actualizada ás 14:00
O consumo de alcol entre menores de idade continúa sendo unha preocupación de primeira orde en España. A pesar dos esforzos institucionais e educativos, as cifras de inicio temperá e normalización desta substancia seguen alarmando a expertos e familias. Segundo a última Enquisa sobre o Uso de Drogas en Ensinanzas Secundarias de España (ESTUDES), con datos de 2023, máis do 70 % dos adolescentes de entre 14 e 18 anos consumiran alcol algunha vez, e 1 de cada 3 recoñecía terse emborrachado no último mes. Coa recente aprobación por parte do Goberno central dun novo proxecto de lei que endurece as restricións e busca previr o acceso dos menores ao alcol, ábrese un novo escenario que invita a reflexionar máis aló do marco legal. Que factores psicolóxicos explican este interese precoz polo alcol por parte dos menores de idade? Que papel xogan a presión social, a necesidade de pertenza ou a xestión emocional nesta relación? Galicia Confidencial fala co psicólogo especializado en adiccións Antonio Tova de Llano para que nos axude a comprender por que o alcol segue sendo tan atractivo para moitos adolescentes e que medidas son as que poderían resultar verdadeiramente efectivas para previr o seu consumo.
"A RELACIÓN QUE OS ADOLESCENTES VEXAN QUE TEÑEN SEUS PAIS CO ALCOL INFLÚE UNHA BARBARIDADE SOBRE ELES"
"Os adolescentes non teñen unha percepción de risco real sobre o alcol", sinala en primeiro lugar Tova de Llano. Por iso, para que calquera das medidas contempladas no proxecto de lei chegue a funcionar, o principal é "que os menores teñen unha percepción de risco máis acuciante sobre o alcol, porque agora mesmo tenden a minimizar os riscos dunha substancia que ao entrar no seu organismo altera o seu metabolismo". Para cambiar esa percepción, o fundamental é "a educación", pero "non só a académica, a que reciben na escola, senón tamén a que lles dán na casa". "Dende pequenos é importante facerlles entender que o que non bebe alcol non o bebe porque toma esa decisión, e que é importante respectala, ao igual que o que prefire comer carne ou pescado", decíndolle, ademais, que "se está salvando das consecuencias negativas que ten o seu consumo", sinala o psicólogo. "Hai que facerlles entender que se non lle gusta beber alcol, non queren ou prefiren outras cousas, non teñen por que sentirse obrigados a facelo por encaixar no grupo", resalta.
Agora ben, para poder dar consellos hai que predicar co exemplo, e ben é certo que vivimos nunha sociedade na que os menores xa non só experimentan ante os seus ollos o consumo de alcol por parte dos seus iguais, senón que tamén o ven na súa propia casa por parte dos seus proxenitores. "A relación que os adolescentes vexan que teñen seus pais co alcol inflúe unha barbaridade sobre eles", asegura Tova de Llavo. "Se eu dende pequeno estou vendo que na casa se bebe ao mediodía, se bebe á noite, se toman copas cando veñen visitas, se pon na mesa a botella de augardente cando se serve o café, todo o mundo remata bebendo máis da conta cando hai unha celebración... Se eu vexo que na miña contorna se fai ese abuso do alcol, xa non se pode falar de predisposición xenética cara el --tema que tamén se ten estudado--, senón que é unha cuestión de que estou normalizando o que acontece no mundo que a min me rodea", reflexiona. O psicólogo sinala, por tanto, que "eu terei unha percepción do alcol como algo presente de maneira regular no meu mundo, polo que logo así o exteriorizarei, como é normal, e non me pararei a pensar nalgún momento se iso é algo prexudicial para min, porque a xente que me educou, que me quere e que me protexe, tamén bebe moito".
"NUN GRUPO DE AMIGOS, A ESAS IDADES, O QUE NON BEBE É O RARO, E CRÉASE SOBRE EL UNHA GRAN PRESIÓN POR CHEGAR A SENTIRSE INTEGRADO"
Así mesmo, outro dos grandes problemas a abordar antes que calquera outro sería o que está na base do interese que esperta nos menores por comezar a consumir alcol, máis alá da súa normalización nos fogares. E ese interese case sempre parte da necesidade de aceptación social. "Nun grupo de amigos, a esas idades, o que non bebe é o raro, porque todos os demais si o fan, e se quedan para saír e facer botellón, o que está alí sen beber é o raro do grupo", expón o psicólogo, que asegura que "hai un certo estigma sobre o uso do alcol, que para os máis novos segue véndose como o punto de inflexión entre o guai e o raro, entre o que se debe facer e o que non, entre o que é normativo e o que non o é". Como afecta isto aos menores cando chegan a unha determinada idade na que ven que os demais comezan a beber alcol? "Créase sobre eles unha gran presión por chegar a sentirse integrados no grupo", apunta Tova de Llano. Desta maneira, perciben que a única maneira de ser aceptados é "participando das rutinas do grupo", é dicir, "bebendo", pois do contrario "senten que se están autoexcluíndo".
Por outra banda, cómpre non esquecer que no mundo actual a realidade entronca co virtual e os menores fan moito caso de todo aquilo que ven nas redes sociales, o seu mundo paralelo. Neste senso, os referentes --influencers, youtubers, tiktokers, gamers...-- que teñen nas redes terán unha capacidade de influencia moi grande sobre eles, tamén no tocante ao alcol. Con todo, Tova de Llano indica que "tampouco hai que demonizar as redes, porque agora falamos de referentes nelas, pero isto xa é un clásico noutros ámbitos, como o cine ou a televisión: dende hai moito tempo prohibiuse nas películas que o protagonista bebera, cando na idade dourada de Hollywood e en moitos dos filmes de referencia o protagonista sempre saía agarrado a unha botella de whisky". "Agora iso controlouse e é raro, salvo que así o esixa o guión para tratar algún tema concreto, que se vexa a xente bebendo en películas, cando antes era o máis normal do mundo", apunta, de maneira que asegura que "os referentes son algo que sempre estivo aí, aínda que fose dunha maneira diferente á de hoxe, e o que hai que evitar é que esas persoas fagan unha apoloxía, aínda que sexa encuberta, do alcol, para evitar que os menores o normalicen".
"SE LLES ENSINAS FOTOS DUN FÍGADO CON CIRROSE, AÍNDA QUE AO PRIMEIRO SE VAN IMPRESIONAR, AO CABO DAS HORAS ESQUECERANO"
Ao preguntarlle sobre se sería unha boa idea amosarlles a dura realidade das persoas adictas ao alcol, as enfermidades que padecen e como rematan, Tova de Llano considera que "axudaría", pero "a propia condición de adolescente fai que a súa percepción de risco sexa moi baixa sobre a maioría das cousas, por non dicir practicamente nula". É por iso que "se lles ofrecen algo, adoitan probalo", e é por iso que o psicólogo incide en que "hai que insistirlles moito en que non proben todo o que lles ofrecen, porque, indubidablemente, ao longo da súa adolescencia, lles vai chegar ás mans o alcol". Desta maneira, sinala que "a percepción de risco vai mudando coa idade, e canto máis novos, menor é". Así, "aínda que saben que beber é malo, porque se abusas podes acabar mal, comezan a poñerlle matices ao asunto, pois consideran que esas cousas só pasan a quen bebe moito ou a quen o fai dunha determinada maneira, e así van minizando os riscos na súa mente". Pola contra, "se tivesen unha percepción real dos riscos, de seguro terían moitísimo máis autocontrol sobre a situación".
Así as cousas, o ensinarlles as fatais consecuencias dun consumo descontrolado de alcol de maneira directa, "é unha estratexia complementaria". E é que non pode ser a única, en ningún caso, pois como sinala, dende a súa experiencia indo a dar conferencias a institutos, "ti ensínaslle fotos do fígado con cirrose e, aínda que nun primeiro momento se impresionan, ao cabo das horas esquéceselles e volven ao seu pensamento inicial sobre o alcol e a súa inocuidade". Pola contra, "se nós esas imaxes que lles ensinamos as acompañamos da mensaxe de que hai que evitar chegar a esa situación, dándolles a entender que o corpo humano se deteriora se non se trata ben e non se coida, podemos conseguir maior eficacia á hora de trasladar a nosa mensaxe". "Asustalos con imaxes catastrofistas e impactantes pode asustarlles nun primeiro intre, pero ao cabo do tempo rematan esquecéndoas", conclúe. Viría a ser algo así como a persoa que bebe moito un sábado e remata botando toda fóra e encontrándose moi mal ao día seguinte e xura que non volverá beber, pero remata volvendo facelo ao seguinte sábado, porque xa non ten tan recente o mal que o pasou.
"SE QUEREMOS PROTEXER AOS MENORES, NON PODE HABER EXCEPCIÓNS Á NORMA, PORQUE, DO CONTRARIO, A INDUSTRIA SEMPRE VAI ATOPAR O CAMIÑO"
Un dos aspectos fundamentais nos que incide o novo proxecto de lei tamén pasa pola prohibición de facer publicidade de produtos alcohólicos a menos de 150 metros dun centro educativo. Isto inclúe a prohibición de empregar mobiliario en restaurantes e cafetarías que teña logos de marcas de bebidas alcohólicas. Sen embargo, se eses logos van asociados a un produto da mesma marca pero cero alcol, non hai problema. "O cerebro tende a buscar estímulos asociados", sinala ao respecto Tova de Llano. Así, con este exemplo acontece o mesmo que "cando escoitas unha determinada canción dun comercial que non estás vendo, pero que automaticamente che leva a identificar o produto que se está anunciando". De igual maneira, "se un actor estivo moito tempo promocionando unha determinada bebida, aínda que chegue un punto no que lle quiten o rótulo co nome da mesma, directamente ao ver ao actor vas pensar na bebida que estivo anunciando durante anos", apunta o psicólogo. Esta asociación permite que aínda con todas as prohibicións sobre a súa publicidade, a industria do tabaco continúe activa e facturando millóns. O mesmo aplicaría entón para a industria do alcol.
"Xa teñen moito terreo gañado no noso subconsciente, polo que, só con insinuar as cousas, xa lles chega para que a súa publicidade sexa efectiva", destaca, lembrando tamén que esta normativa non ten carácter retroactivo, polo que o mobiliario que está instalado a día de hoxe con marcas alcohólicas non ten por que ser retirado. Desta maneira, Tova de Llano lamenta que a lei teña tantos matices a aquilo que trata de prohibir, porque "se eu quero protexer aos menores, que é o fundamental, non pode haber excepcións á norma, a finalidade última sempre ten que ser priorizar esa protección, porque, do contrario, a industria sempre vai atopar eivas legais polas que coarse e seguir exercendo impunemente a súa actividade e lucrándose a conta do consumo de menores como o fixo ata agora". Con todo, non quere ser pesimista de cara ao futuro. "Eu quero crer que todo o que se está lexislando sobre a regulación do consumo de alcol en menores axudará, aínda que sexa minimamente", expón, e reivindica que se implementen "medidas a nivel multifactorial, que atinxan a múltiples aspectos, dentro dos cales, o fundamental debe ser a educación", conclúe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.