Por Ángela Precedo | LUGO | 17/04/2025 | Actualizada ás 22:00
Chegaron a España tras unha viaxe tan longa como impropia. Algúns pechados en xaulas minúsculas, outros agochados entre mercadorías ou criados en pisos particulares, moi lonxe do seu hábitat natural. Monos, tartarugas, tarántulas, búhos... Todos eles animais tropicais que no seu día foron sacados da súa contorna natural --ou criados en catividade-- para converterse en mercadoría ou satisfacer o gusto do seu propietario. Moitos deles remataron vivindo, ou máis ben, sobrevivindo, en condicións deplorables, vítimas do comercio ilegal de especies exóticos ou da tenencia irresponsable. Pero, afortunadamente, algúns lograron outra oportunidade: foron rescatados e hoxe atópanse en proceso de recuperación en centros especializados, como é Marcelle Natureza, en Lugo, lonxe do lugar onde os convertiron en obxectos de desexo. As súas historias son o reflexo dun negocio multimillonario que, moitas veces, pasa desapercibido a ollos da sociedade. Galicia Confidencial fala con Esther Valderrábano, conservadora en Marcelle Natureza, que nos dá conta dalgunhas das historias de superación dos animais que teñen no centro.
Como te quedarías se ves que dunha maleta que trataba de cruzar o aeroporto de Madrid-Barajas saen 11 tarántulas? De seguro que pensarías que non pode ser real, pero o certo é que iso foi o que se atoparon os gardas cando decidiron revisar a fondo unha maleta que levantou sospeitas ao pasar polo escáner. "Estes animais, sen ningunha dúbida, ían destinados ao comercio ilegal", sinala Esther, que lembra que "están en perigo de extinción", polo que non hai outra maneira posible de comerciar con eles. Así, "o persoal do CITES do aeroporto de Barajas foi quen de detectar o delito pola actitude das persoas que portaban as maletas". Como conta Esther, "ademais de ter un comportamento sospeitoso, tamén se negaban a abrir as caixas nas que levaban as tarántulas, unha especie de contedores de plástico pequenos semellantes aos recipientes de usar e tirar nos que se mete a comida". Segundo relata, para evadir o rexistro dos mesmos, "dixéronlle aos axentes que non os abriran, porque se trataba de copas de cristal moi fráxiles".
"NON VAN PODER SER LIBERADAS NA VIDA SALVAXE, AO NON ESTAR HABITUADAS A CONSEGUIR O SEU PROPIO ALIMENTO, ATA OS GUSANOS SE LLES ESCAPAN"
As pobres tarántulas viñan envasadas individualmente en pequenos recipientes que non lles deixaban espazo nin para moverse, "nunhas condicións bastante deficientes", lamenta a conservadora do centro. De ter chegado ao mercado --se sobrevivían a un voo nesas pésimas condicións--, terían un importante valor económico, pois "desgraciadamente a súa demanda segue en auxe", de maneira que "a súa venda resulta aínda a día de hoxe un dos negocios ilegais máis lucrativos que existen". E é que hai que ter en conta que "se trata de animais que non se poden comercializar pola vía habitual, pois está prohibido telos como mascotas", apunta Esther. Unha vez incautadas estas tarántulas, cada una dun país do mundo diferente --Venezuela, Brasil, India...-- e de moi diversas especies, foron enviadas a Marcelle, a onde chegaron para ser reubicados de maneira definitiva en terrarios "o máis grandes que puidemos", pois "non van poder ser liberados na vida salvaxe, porque non sobrevivirían, ao non estar habituadas nin sequera a conseguir o seu propio alimento".
A conservadora do centro lamenta que, no caso destes animais máis sinxelos, o principal trastorno que adoitan presentar sempre pasa polo alimento. "As tarántulas son cazadoras, aliméntanse cazando vermes e insectos, polo que, no momento en que as metemos nun terrario e lles facilitamos a alimentación, ven o seu sentido da caza atrofiado e logo non son quen de obter o alimento por si mesmas", explica Esther, que detalla que "unha tarántula debería poder escavar no chan para capturar un gusado, pero estas nun saben facelo, escápanselles aínda que os teñan ao carón, porque non puideron desenvolver as técnicas axeitadas para cazalos ou, simplemente, porque sempre se lles deu de comer cunha pinza e non tiveron a necesidade de procurar a comida por elas mesmas". Deste xeito, a conservadora convida a reflexionar sobre isto, pois, "aínda que pensemos que unhas tarántulas poden ser uns animais moi básicos, o certo é que teñen que desenvolver a conduta alimenticia exactamente igual que calquera outro animal, para poder sobrevivir na vida salvaxe".
MARCELLE NATUREZA CUMPRE UN ANO COMO CENTRO DE RESCATE CITES
Centos de especies vense ameazadas polo comercio ilegal, o que significa que hai miles de animais desprotexidos á espera dun lugar no que poder ser rehabilitados e no que ter unha boa vida. Os centros de rescate CITES son os lugares nos que atopan unha segunda oportunidade. En Marcelle Natureza a protección da fauna sempre foi o obxectivo principal, polo que dende fai uns anos decidiron pasar á acción, logrando no ano 2024 ser nomeados como Centro de Rescate a nivel estatal pola institución CITES, converténdose así nun dos únicos centros que hai en España para dárlle unha vida digna a animais que veñen de vivir en condicións deplorables. No noso país, tan só o 28 % dos centros zoolóxicos están autorizados para acoller a ester animais e ser o seu fogar de por vida. Ao longo deste ano como CITES, Marcelle xa acolleu a máis de 20 animais.
Ver esta publicación en Instagram
¿Gústache esta noticia?Problemas cos comentarios?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.
¿Gústache esta noticia?
- Ecoloxistas e veciños de Conxo concéntrase para evitar que unhas obras "danen irreparablemente o Banquete de Conxo"
- Rueda suxire que foi unha decisión política deixar a Altri sen fondos europeos
- (Vídeo) Historias de animais rescatados: Tina e Turner, dous bufos bengalís que nunca tocaran o chan
- Así foi a primeira repotenciación eólica de Galicia: Cabo Vilano demostra que o vento pode soprar a favor de todos
- Sabes quen son os principais donos dos montes de eucaliptos e de frondosas en Galicia?
- Así ameaza Altri as augas de Galicia: "Non é só un problema do Ulla, está en xogo o ciclo hídrico"