Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/04/2025 | Actualizada ás 21:43
O Informe da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude sobre hábitos lectores e compra de libros en Galicia durante 2024 presentado este luns na reunión semanal do Executivo galego evidencia un aumento no número de lectores e tamén nos compradores de libros, unha subida que sitúa a Galicia por encima da media estatal.
Segundo trasladou a Xunta, este estudo, resultado de 1.200 entrevistas realizadas en 2024, das cales 1.100 foron a persoas maiores de 14 anos e os 100 restantes fixéronse a menores de entre 10 a 13 anos, tiña como obxectivo coñecer a situación actual destes indicadores culturais para poder axudar a formular e avaliar futuras políticas do Goberno autonómico.
Nesta liña, o documento recolle que o 96,7 % dos galegos e galegas maiores de 14 anos le en calquera formato ou soporte, xa sexa impreso ou dixital, polo menos unha vez no trimestre. Destas lecturas, a prensa (77,9%) e os libros (69,9%) son os materiais que aglutinan un maior número de lectores. Nos dous sectores, sitúase por encima da media un 7,6 % no primeiro caso e dous puntos no segundo.
AS MULLERES, MÁIS LECTORAS
Con respecto ao perfil dos lectores, a Xunta concretou que hai unha proporción maior de mulleres e cun cociente de idade de 45 a 64 anos. Nesta franxa son máis do 70% os que len no seu tempo libre. Ademais, salientaron que o 63% dos galegos asegura ler habitual ou ocasionalmente na nosa lingua.
En canto á compra de libros, o estudo constatou que un 67,4 % da poboación galega comprou algún libro, de texto ou non, no último ano, o que supón case 10 publicacións por persoa. Isto reflicte un aumento dun 3,8% con respecto ao ano 2023 e sitúa á Comunidade dous puntos por encima da media nacional.
Así mesmo, no caso dos libros sen texto, esta cifra sobe case catro puntos en 2024 ao comparala coas que se compraron o ano anterior, cunha media de case nove libros por persoa, e máis dun 3,3% superior á media do conxunto estatal. A poboación entre 25 a 44 anos é a que máis comprou.
RESIDENCIAS ARTÍSTICAS
Por outra banda, a Xunta anunciou que destinará un total de 166.640 euros en 2025 a apoiar o desenvolvemento de proxectos artísticos e culturais nas Residencias Artísticas do Gaiás.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.