Temas: FRASEOLOXíA

“Quitarlle a conduta a alguén”... e se ó lla quitar estivemos errados e somos persoas de lei, “devolverlle a conduta”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 13/04/2025 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Hai veces en que, nomeadamente se o facemos dun xeito errado ou que non se axusta á realidade, comentamos ou dicimos algo negativo de alguén ou lle apoñemos un feito ou conduta negativos a alguén, de forma tal que o que estamos a facer é a minorar, sen razón ningunha, a sona ou reputación de que esa persoa poida gozar: achámonos, daquela, ante esas situacións en que en na nosa lingua podemos dicir que lle estamos a quitar a conduta a alguén.

León do Congreso
León do Congreso

{En ocasións, e en función dos contextos, trátase dun fraseoloxismo que pode compartir espazos de uso co verbo difamar ou coas secuencias castelás manchar la reputación # el buen nombre # la buena fama # el honor de alguien.}

De todos os xeitos, se despois chegamos a saber que o que no seu momento comentamos ou dixemos non era certo, e de sermos xente de lei, o que deberiamos facer é devolverlle a conduta (ou, cun uso probablemente menos habitual, restituírlle a conduta) a esa persoa.

Quitarlle a conduta a alguén

{= Dicir ou insinuar de alguén –nomeadamente cando non é certo ou non se corresponde coa realidade– algunha cousa negativa, ou ben apoñerlle algunha conduta negativa, que pode facer minorar a súa sona ou reputación.}

Ex.: —¿No seríais tú y tus colegas los que entrasteis anoche a robar en el museo, no? —¡Cuidado con lo que dices, eh... y no se te ocurra difamarnos, que nosotros no hemos tenido nada que ver con el tema!

—¿Non seriades ti e mais os teus colegas os que entrastes esta noite a roubar no museo, non? —¡Amodo, ho, coidado coa lingüiña... e non se che ocorra quitarnos a conduta, que nós non tivemos nada a ver co tema!

Devolverlle a conduta a alguén

Restituírlle a conduta a alguén

{= Resarcir a alguén dunha previa infamia ou difamación recoñecendo que o que se dixo acerca del non era certo.}

Ex.: Temos que lle devolver que lle restituír a conduta ó profesor, que fomos mirar a corrección dos exames e o certo é que non nos suspendeu por capricho, senón porque eran practicamente todos bastante deficientes.

NOTA:

As expresións e solucións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Goce Denis, Amparo: “Parucadas: un ‘dialecto’ vivo nacido en Baiona”. Blog no enderezo de Internet http://parucadas.blogspot.com/.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta