Os aranceis de Trump serán só unha pedra no zapato, como dixo Rueda, ou unha ameaza real para Galicia?

Galicia Confidencial fala do tema con Dolores Riveiro, profesora da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e investigadora do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA), que apunta a que "os aranceis anunciados por Trump poden ter efectos de segunda e terceira volta" que prexudiquen aos sectores galegos aínda que non exporten en grandes cantidades aos Estados Unidos de maneira directa.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 09/04/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Fai tan só uns días, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, abordou o impacto dos aranceis impostos pola administración de Donald Trump na economía galega. Segundo as súas declaracións, estímase unha perda de 800 millóns de euros, o que representa aproximadamente un 0,2 % do PIB de Galicia. Por iso, Lorenzana pediu tranquilidade e dixo confiar na capacidade de adaptación das empresas galegas sen necesidade, polo de agora, de axudas directas. Ademais, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sinalou que, no peor dos escenarios, as vendas de Galicia a Estados Unidos poderían reducirse en 200 millóns de euros, o que equivale ao 0,6 % do volume total das exportacións de 2024. Rueda destacou que o efecto dos posibles aranceis sería "moi limitado" na economía galega, xa que as vendas a Estados Unidos representan só o 2,6 % do comercio exterior de Galicia. Pero, é certo que a economía galega non sairá afectada polos aranceis que Trump quere impoñer ou hai algo máis aló das cifras crúas? Galicia Confidencial fala do tema con Dolores Riveiro, profesora da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e investigadora do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA).

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, nun acto en Madrid
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, nun acto en Madrid | Fonte: Fernando Sánchez - Arquivo

"AÍNDA QUE ESTADOS UNIDOS TEN UN PESO PEQUENO NO TOTAL DO COMERCIO EXTERIOR DE GALICIA, PODE HABER EFECTOS DE SEGUNDA E TERCEIRA VOLTA"

"Efectivamente, Estados Unidos ten un peso moi pequeno no total do comercio exterior de Galicia", resalta Riveiro, pero asegura que "hai que mirar máis aló". Así, indica que, "se o dos aranceis fose unha medida de moi curto prazo, que só se aplicase durante uns meses, non tería grandes consecuencias, pero a cousa cambia se vai para longo". E é que convida a "non desprezar o peso dos Estados Unidos na economía galega, ese 2,6 %, sobre todo nos grandes sectores que exportan ao país norteamericano, pero tamén naqueles que non o fan de maneira directa, pero si indirecta". Como sinalaba na nosa anterior reportaxe o economista e profesor na UVigo Alberto Vaquero, no ámbito galego as repercusións dos aranceis afectarán, sobre todo, "ao sector da automoción, á fabricación de certos produtos metálicos e ao viño". O experto detallaba que, "en Galicia, estamos expostos en certos produtos, aínda que non temos o problema doutras comunidades autónomas como Cataluña ou a Comunidade Valenciana que si que exportan moito máis aos Estados Unidos". Con todo, convidada tamén a "non relaxarse, porque os aranceis afectar vannos afectar, e bastante".

Así, Riveiro pon como exemplo o caso da automoción, xa que, de maneira directa, Galicia non exporta moitos vehículos aos Estados Unidos e non ten presenza nese mercado, máis aló dalgún compoñente, que non chega a supor unha importante exportación para Galicia. Pero, sen embargo, si exporta unha importante cantidade de compoñentes para a automoción a Europa, especialmente a Alemaña, onde se ensamblan en coches que logo poñen rumbo aos Estados Unidos. Isto supón que, "se Alemaña deixa de exportar coches aos EE.UU. polos aranceis que Trump lles aplica, non vai precisar mercar a Galicia pezas para fabricalos". "Xéranse así uns efectos de segunda volta, uns efectos indirectos, que hai que ter en conta", resalta. Ademais, a profesora da USC tamén explica que "Galicia exporta maioritariamente os seus coches a países como Francia ou Alemaña, dentro de UE, pero, se a UE se empobrece a causa dos aranceis e da caída da renda, eses países deixarán tamén de mercar os nosos coches". Estes serían xa "efectos de terceira volta". De tal maneira que incide en que, "se a imposición de aranceis se prolonga no tempo, verémonos todos afectados, pois todos os mercados se desequilibrarán".

"NESTE MOMENTO O PROMEDIO DE EXPORTACIÓNS DOS VIÑOS GALEGOS A ESTADOS UNIDOS ESTÁ ENTRE O 40 E O 80 % DO SEU TOTAL DE EXPORTACIÓNS"

Rueda asinando a imposición de aranceis
Rueda asinando a imposición de aranceis | Fonte: Commons - Arquivo

Por outra banda, e sobre os sectores que se van ver directamente afectados, Riveiro sinala o téxtil. Pero asegura que, por exemplo, "Inditex, un dos grandes referentes do sector en exportación aos EE.UU., vai saír bastante ben do problema, porque, ao contar con 50 centros loxísticos polo mundo, moverá as súas fichas para onde lle sexa máis favorable a cotización en bolsa". Agora ben, "si hai determinados sectores que sufrirán máis, como pode ser o do campo e, máis en específico, o do viño", exemplifica. Así, respondendo ás palabras da conselleira de Economía, a profesora da USC di que "igual ese 0,2 % non é nada dentro do total, pero nesa cifra hai, por exemplo, produtores de viño que exportan o 40 % do seu produto aos EE.UU., polo que para eles si é moi importante o país norteamericano como mercado", tendo en conta ademais que "houbo adegas que fixeron unha aposta moi forte pola promoción dos seus viños nos EE.UU.". Así mesmo, Riveiro sinala que "neste momento o promedio de exportacións dos viños galegos aos EE.UU. está entre o 40 % e o 80 % do seu total de exportacións". Así as cousas, ante a incerteza do que acontecerá finalmente cos aranceis de Trump, a investigadora amósase convencida de que "nos EE.UU. xa hai intermediarios maioristas, así como algún restaurante, que está cancelando os seus pedidos de viño galego porque non sabe como lle afectarán os aranceis".

Polo tanto, Riveiro asegura que "non hai que alarmar, pero tampouco banalizar, sobre a afectación que os aranceis anunciados por Trump terán sobre a economía galega". Para a profesora da USC, "haberá que agardar a ver en que queda a cousa". E considera que iso "dependerá bastante de como reaccione o resto do mundo a eses aranceis" e de "ver a capacidade de negociación que temos (como Unión Europea) cos Estados Unidos". Pois, na súa opinión, e como xa se está vendo, "non é o mesmo negociar entre países da Unión Europea, que parten dun cumprimento das normas, que cos Estados Unidos". Ante estas circunstancias, aposta por "que Trump vexa que as ameazas económicas que lle poden chegar dende a Unión Europea tamén son cribles, e que a UE está disposta a chegar ata onde faga falta con ese obxectivo último de seguir traballando pola paz e intentando negociar". "Se conseguimos que estes aranceis non se apliquen, facendo a Trump dar un paso atrás, imos gañar todos, pero, se perdemos todos, no novo pastel máis pequeno que saia como resultado da reorganización económica mundial, hai que intentar rebaixar o dano", resalta. "Nós xogamos con regras, pero se pasamos a outro escenario de xogo, tamén debemos demostrar que sabemos como tomar decisións", conclúe Riveiro.

Trump e os seus aranceis
Trump e os seus aranceis | Fonte: Europa Press - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta