Por Galicia Confidencial | Compostela | 09/04/2025 | Actualizada ás 10:43
As emisións de gases causantes de cambio climático das industrias afectadas en Galicia polo Réxime Europeo de Comercio de Dereitos de Emisión (RCDE) diminuíron o 23,7% en 2024 con respecto ao ano anterior, segundo os datos oficiais compilados polo Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI). En total foron 3,5 millóns de toneladas, a cifra máis baixa desde que entrou en vigor o comercio europeo de emisións en 2005.
As industrias obrigadas a participaren no RCDE representan un 30% das emisións territoriais totais de gases de invernadoiro de Galicia. Pertencen a sectores industriais intensivos en emisións entre os que destaca o sector enerxético fósil, responsábel en conxunto do 55% das emisións suxeitas en Galicia ao comercio de emisións durante o pasado ano. Dentro deste sector, 2024 foi o primeiro ano no que as emisións do refino de petróleo superaron as das centrais térmicas.
A caída das emisións industriais de gases causantes de cambio climático suxeitas ao RCDE en 2024 foi debida case en exclusiva ás centrais térmicas (-59,6%). Despois do peche da central de carbón das Pontes en outubro de 2023, o ano pasado foi o primeiro completo en Galicia sen produción eléctrica con carbón, a máis intensiva en emisións de CO2. A isto hai que unir a baixada no funcionamento das centrais de ciclo combinado alimentadas con gas fósil, favorecida pola elevada xeración hidroeléctrica e o escaso aumento da demanda eléctrica galega.
Polo tanto, as razóns do forte descenso relativo das emisións industriais en 2024, que se suma a outro similar en 2023, débense, por un lado, á mudanza estrutural na produción eléctrica que supuxo o peche definitivo da maior e última central galega de carbón e, por outro lado, a factores conxunturais que posibilitaron unha redución na actividade das centrais eléctricas de gas, a pesar do cativo crecemento da potencia eléctrica renovábel.
RESTO DE SECTORES
No resto dos sectores industriais as emisións subiron ou baixaron en moita menor medida que nas centrais térmicas. Salienta o forte ascenso das emisións da produción de aceiro e ferroaleacións (+74,2%), debido sobre todo á maior actividade da fábrica de silicio de Ferroglobe en Sabón (Arteixo). Tamén subiron de forma importante as emisións da fabricación de produtos químicos orgánicos (+37,2%) e do refino de petróleo (+9,9%).
A parálise na produción de aluminio, prolongada en 2024, é un dato fundamental para explicar a evolución das emisións industriais galegas nos últimos anos. A fábrica de alúmina-aluminio de Alcoa San Cibrao pasou de emitir un millón de toneladas de gases de invernadoiro en 2021 a arredor de 400.000 en 2023 e 2024. Cun nivel de actividade similar ao de 2021, Alcoa San Cibrao tería provocado desde 2022 un incremento das emisións galegas en varios centenares de miles de toneladas anuais, tanto directa como indirectamente, ao requirir polo seu elevado consumo eléctrico unha maior produción das centrais térmicas fósiles, aínda por riba no contexto do parón eólico.
Emisións RCDE por sectores (en toneladas de CO2 equivalente)
Sectores |
2023 |
2024 |
Variación (t) |
Variación (%) |
Centrais térmicas |
2.223.999 |
818.219 |
-1.325.780 |
-59,6% |
Combustión-coxeración |
405.180 |
400.910 |
-4.270 |
-1,1% |
Refino de petróleo |
918.798 |
1.009.602 |
90.804 |
9,9% |
Produción de hidróxeno fósil |
186.228 |
200.756 |
14.528 |
7,8% |
Aceiro e ferroaleacións |
167.527 |
291.839 |
124.312 |
74,2% |
Aluminio |
398.036 |
412.491 |
14.455 |
3,6% |
Cemento e magnesita |
128.590 |
112.334 |
-16.256 |
-12,6% |
Pasta de papel |
77.663 |
65.528 |
-12.135 |
-15,6% |
Produtos químicos orgánicos |
72.820 |
99.929 |
27.109 |
37,2% |
TOTAL |
4.578.841 |
3.491.608 |
-1.087.233 |
-23,7% |
EMPRESAS CONTAMINANTES
As cinco maiores industrias emisoras foron responsábeis conxuntamente de máis do 70% das emisións industriais afectadas polo RCDE. Agás a planta de alúmina de Alcoa San Cibrao, todas teñen que ver coa transformación de combustíbeis fósiles. A refinaría de petróleo da Coruña encabeza a lista de grandes emisoras.
Cinco maiores industrias emisoras en 2024 (emisións en toneladas de CO2 equivalente)
Industria |
Emisións |
Refinaría de petróleo da Coruña (Repsol) |
1.009.602 |
Central de ciclo combinado a gas fósil das Pontes (Endesa) |
578.671 |
Planta de alúmina de San Cibrao (Alcoa) |
399.403 |
Central de ciclo combinado a gas fósil de Sabón (Naturgy) |
319.548 |
Planta de produción de hidróxeno fósil de Meicende (Air liquide) |
200.756
|
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.