O TSXG avala que as obras da Plisan poden ser legalizables

O tribunal estima parcialmente o recurso da Autoridade Portuaria, Zona Franca e IGVS contra unha sentenza anterior de Pontevedra

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 11/04/2025 | Actualizada ás 18:47

Comparte esta noticia

A Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) determinou que as obras da Plataforma Loxística e Industrial de Salvaterra-As Neves (Plisan) obxecto de litixio poden ser legalizables, segundo recolle a sentenza publicada esta semana.

Sede Do Tribunal Superior De Xustiza
Sede Do Tribunal Superior De Xustiza

O alto tribunal galego estima parcialmente o recurso interposto pola Autoridade Portuaria de Vigo e o Consorcio da Zona Franca, ao que se sumou o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), contra unha resolución anterior do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 3 de Pontevedra, con data de 23 de febreiro de 2024.

A nova sentenza considera que os movementos de terra realizados nos terreos excluídos do proxecto sectorial da Plisan, ao non atoparse en solo rústico de especial protección, poden acollerse á legalización prevista pola Lei do Solo de Galicia. En concreto, a resolución alude ao artigo 152.3.b da norma autonómica como vía legal para regularizar a situación.

O fallo recolle que "resulta coherente o argumento dos apelantes cando afirman que carece de sentido que a normativa admita a legalización de obras sen licenza e, pola contra, non contemple esa posibilidade nun caso como o presente".

Deste modo, o TSXG revoga parcialmente a sentenza recorrida, dando un xiro ao procedemento xudicial sobre a legalidade urbanística da actuación na Plisan, un proxecto clave para o desenvolvemento económico da provincia de Pontevedra.

A resolución, con todo, non é firme, xa que contra ela pode presentarse recurso de casación ante o Tribunal Supremo. O caso continúa, así, aberto en termos xurídicos mentres as partes valoran os próximos pasos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta