Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/04/2025 | Actualizada ás 19:38
O Observatorio da Lusofonía Valentín Paz Andrade celebrou este venres a súa primeira sesión de traballo, centrada en reforzar os vínculos entre Galicia e os países de fala portuguesa, e promover o galego como ferramenta de proxección internacional. A reunión contou coa participación do secretario xeral da Lingua, Valentín García, quen subliñou a importancia de que a mocidade entenda "a gran vantaxe que supón utilizar o galego para abrirnos ao mundo a través dos países de fala portuguesa".
García incidiu en que o galego non só representa un valor identitario e cultural, senón que conecta con máis de 270 millóns de persoas a través da súa afinidade co portugués, converténdose así nun activo estratéxico para Galicia no plano global. Neste sentido, explicou que a renovación do Plan xeral de normalización da lingua galega incluirá liñas específicas para fomentar esta dimensión exterior.
O encontro serviu tamén para abordar as liñas de acción que desenvolverá o Observatorio, entre as que destacan os programas de intercambio educativo e cultural con Portugal, así como as estancias de alumnado galego no país veciño, enmarcadas na cooperación transfronteiriza da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal.
Pola súa banda, o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, destacou que Galicia pode xogar "un papel de ponte entre o mundo hispánico e a lusofonía" e sinalou que, nun contexto internacional marcado pola inestabilidade, "é máis importante ca nunca aproveitar as oportunidades culturais, económicas e comerciais derivadas desta relación".
A creación e activación deste Observatorio reforza a aposta do Goberno galego por consolidar a dimensión internacional da lingua galega, potenciando os lazos históricos, lingüísticos e culturais que unen Galicia co universo lusófono.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.