Por Galicia Confidencial | Compostela | 22/04/2025 | Actualizada ás 11:13
A poucos días de comezar a campaña da Renda 2024 xa se presentaron case tres millóns de declaracións por Internet, moitas a través do servizo electrónico de Renda Directa, que se ofrece a contribuíntes que o ano pasado non modificaron o borrador. A este respecto, os Xestores Administrativos de Galicia insisten na necesidade de que se revisen os borradores pois, a pesar de que a AEAT está a usar IA e Big Data, en máis do 80% das predeclaraciones seguen aparecendo datos incorrectos e omisións en deducións.
"A declaración da Renda non se reduce a facer clic nun formulario online. Un pequeno erro pode ter consecuencias moi serias, desde perder unha dedución até acabar pagando cando en realidade debíase cobrar", alerta Pilar Otero, presidenta do Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia.
Aínda que o uso de ferramentas predictivas permite á AEAT dispor de cada vez máis información sobre o contribuínte, o control final recae sempre na persoa que presenta a declaración, quen asume a responsabilidade legal do contido. Por iso, Otero insiste en que "é imprescindible revisar a información e, sempre que sexa posible, contar co asesoramento dun profesional".
CAMBIOS NORMATIVOS
Á habitual complexidade da lexislación fiscal súmase este ano unha crecente inseguridade xurídica. "Enfrontámonos a continuos cambios na normativa, interpretacións cambiantes e mesmo rectificacións a última hora, o que xera desconcerto, medo e incerteza", denuncian desde a corporación. Un exemplo diso é a recente modificación que elimina a obrigación de declarar a quen percibisen prestacións por desemprego de escasa contía, un requisito que até hai semanas estaba vixente. "Este tipo de rectificacións a contrarreloxo só contribúen a aumentar a confusión", afirma Otero.
NOVIDADES
Entre as principais novidades da campaña de Renda 2024 destaca a posibilidade de realizar pagos a través de Bizum. Tamén cambia o límite mínimo exento para quen tiveron máis dun pagador, que sobe até os 15.876 euros. Ademais, introdúcese un novo sistema de autoliquidación rectificativa, que substitúe ao procedemento dual anterior, permitindo corrixir erros de forma máis áxil. En materia de alugueres, modifícanse as reducións aplicables en función da data do contrato e certas condicións como a localización en zonas tensionadas ou a idade do inquilino.
ERROS
Desde o Colexio de Xestores advirten de que os erros máis comúns son facilmente evitables: esquecer declarar ingresos ocasionais como o rescate dun plan de pensións, cambios na situación familiar (nacementos, falecementos, divorcios), ou supor que non se está obrigado a declarar porque en anos anteriores non foi preciso. Tamén se dan moitos casos de omisión de datos relevantes, como rendas obtidas no estranxeiro ou transaccións con criptomonedas, elementos cada vez máis presentes pero, "que non sempre aparecen reflectidos nos datos fiscais que proporciona a AEAT", agregan desde o Colexio.
BENEFICIOS FISCAIS
Desde o Colexio lembran que na Renda 2024, os contribuíntes galegos poderán beneficiarse de até 20 deducións autonómicas, desde investimentos en enerxías renovables ou eficiencia enerxética até axudas específicas por incendios, adopcións ou coidado de persoas dependentes. Tamén destacan as deducións por obras de mellora enerxética introducidas no marco do Plan de Recuperación e o incremento na redución xeral por rendementos do traballo de 6.498 euros a 7.302 euros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.