Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/05/2025 | Actualizada ás 16:55
A Xunta de Galicia avanza no procedemento técnico para levar a cabo as probas Celga, que acreditan o dominio do galego, a distancia, coa intención de poder levar a cabo este proxecto piloto para o nivel 4 despois do verán. Así o avanzou o secretario xeral de Lingua, Valentín García, que compareceu este mércores en sede parlamentaria a petición propia para dar conta das liñas de actuación do Goberno autonómico para fomentar o uso social, o coñecemento e o prestixio da lingua.
O responsable autonómico arrincou a súa intervención lembrando as múltiples enquisas publicadas este ano sobre a situación do galego, pondo o foco na caída do uso do idioma entre as novas xeracións. "Temos moitos coñecementos, moitas competencias, pero pouco uso", sinalou.
A esta dirección é onde, sinalou Valentín García, débense dirixir as políticas, especialmente no fomento do uso da lingua fóra do ámbito educativo e docente. Tamén subliñou o impacto do factor inmigrante, para quen é necesario deseñar políticas públicas para convertelos en 'neofalantes'. Sobre isto, avanzou que proximamente se porá en marcha a proba piloto de acreditación en liña do Celga. En neste mesmo ámbito, reivindicou o portal neofalantes.gal, con máis de 8.000 seguidores; así como o Proxecto Nós, que este ano iniciou as doazóns de voz, con máis de 1.600.
CURSOS PARA ÁMBITOS XURÍDICO E SANITARIO
Así mesmo, lembrou que asinaron convenios coa fiscalía galega para impartir os primeiros cursos específicos de linguaxe xurídica en galego, así como con colexios de notarios e rexistradores.
Nesta mesma liña, a Xunta puxo en marcha os primeiros cursos para persoal sanitario, xa que os datos que revelan os estudos é que se está producindo a chegada dunha gran cantiadad de persoal de fóra de Galicia. Valentín García anunciou que, "de forma inminente", convocaranse probas para habilitar tradutores xurados que actúen en distintos trámites e procedementos administrativos relacionados co galego.
No que respecta á dinamización lingüística, o secretario xeral destacou que levan a cabo máis de 350 actividades que chegaron a máis de 220 destinos, con 65.000 persoas de poboación diana, con diferentes programas como 'Falaredes' e 'Nadal en Rede'.
Doutra banda, tamén reivindicou a renovación do Nomenclátor de Galicia, no que só en 2024 levan rexistrados 3.976 usuarios e 89.151 topónimos introducidos. En total, contan cun total de 530.330 topónimos dispoñibles para visualización e descarga. "A toponimia é unha riqueza inmensa dentro do noso acervo cultural e xeográfico", defendeu.
OPOSICIÓN
Pola súa banda, a oposición criticou as políticas "contrarias" ao galego que, aseguran, levou a cabo o Partido Popular. A deputada socialista Silvia Longueira centrouse no papel da CRTVG, "un órgano tan importante" para a "difusión" do galego, "a ferramenta máis popular para a difusión e fomento do galego", que caeu "no descrédito absoluto e a precariedade". "Xa nin sequera ten o galego como lingua exclusiva", lamentou.
Pola súa banda, a deputada nacionalista Mercedes Queixas lamentou que a comparecencia de Valentín García sexa "tan semellante" a outras anteriores, "coma se o momento actual fose exactamente o mesmo que o ano anterior", con iniciativas "repetidas", "desenvolvidas aínda que nunca avaliadas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.