Expulsan de forma preventiva a un alumno de primaria en Ourense tras unha suposta agresión sexual a unha nena de Infantil

O incidente tivo lugar fóra do horario lectivo e está en mans da Xunta tras o arquivo das dilixencias por parte da Fiscalía de Menores

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 16/05/2025 | Actualizada ás 18:47

Comparte esta noticia

Un alumno de 5º de Primaria do CEIP As Mercedes, en Ourense, foi expulsado preventivamente pola dirección do centro tras a denuncia dunha presunta agresión sexual a unha alumna de Educación Infantil de cinco anos. Os feitos ocorreron a semana pasada no recinto escolar, fóra do horario lectivo, durante o tempo intermedio entre o comedor e as actividades extraescolares, segundo confirmou a Consellería de Educación.

CEIP As Mercedes
CEIP As Mercedes | Fonte: Xunta de Galicia

A situación foi coñecida despois de que a menor relatase que fora levada polo neno aos baños do centro, onde se produciu o episodio denunciado. A dirección do colexio activou de inmediato os protocolos de actuación, comunicando o ocorrido á Administración educativa e á Fiscalía de Menores.

Desde o Ministerio Público, abríronse inicialmente dilixencias informativas, pero estas foron arquivadas ao constatar que o alumno implicado non alcanza os 14 anos, idade mínima establecida pola lei para que exista responsabilidade penal.

Segundo fontes xudiciais, tramitouse un expediente de protección que foi trasladado á Xunta de Galicia, co obxectivo de avaliar se é preciso establecer algunha medida educativa, terapéutica ou social en relación co menor. Este procedemento pretende garantir o seu desenvolvemento persoal e benestar, malia a inexistencia de consecuencias penais.

O colexio público As Mercedes dispón de xornada continua ata as 14:00 horas. No tramo posterior, ata as 16:00, os escolares permanecen no centro baixo supervisión da ANPA, que xestiona o servizo de comedor. Foi nese intervalo cando, segundo fontes oficiais, sucederon os feitos.

Desde a Consellería de Educación subliñaron que "se activaron todos os procedementos previstos" e que o centro actuou con "diligencia" ante unha "situación que pode revestir gravidade". A administración segue pendente do desenvolvemento das medidas de protección que agora debe determinar o departamento autonómico competente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta