Como abordar o impacto das pantallas na infancia e adolescencia? "Estamos ante un problema de saúde pública"

Con esta preocupación de fondo, Galicia Confidencial fala con María Dolores Fernández Tilve, coordinadora do grupo de investigación ATALAIA da Universidade de Santiago de Compostela (USC), quen participa activamente no deseño do Plan Galego de Benestar Dixital. A súa análise é tan clara como rotunda: "Estamos ante un problema de saúde pública".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 10/06/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Vivimos nun tempo no que a tecnoloxía penetra todos os recunchos da nosa vida cotiá. Os dispositivos móbiles acompañan os nosos xantares, os nosos paseos e mesmo os nosos silencios. Para os adultos, isto pode resultar un signo dos tempos, unha evolución natural das formas de comunicarse, informarse ou entreterse. Pero, que pasa cando esta exposición comeza xa aos 3, 4 ou 5 anos? Que efectos pode ter sobre unha mente que aínda se está formando, sobre un corpo que precisa xogo, contacto humano e exploración real do mundo? A infancia e a adolescencia enfróntanse hoxe a retos para os que ninguén os preparou. As pantallas convertéronse nunha xanela ao mundo, pero tamén nunha porta aberta a riscos antes impensables: adiccións, trastornos do sono, illamento social, baixa autoestima, ansiedade... Hai quen fala dunha nova epidemia silenciosa, que avanza sen ruído, pero con fonda pegada.

Riscos asociados ao uso de móbiles en menores
Riscos asociados ao uso de móbiles en menores | Fonte: Commons

Neste contexto, a sociedade comeza a preguntarse: quen debe actuar? É responsabilidade das familias, que entregan un móbil aos seus fillos e fillas 'porque todos os seus amigos o teñen'? É da escola, que observa os cambios na aula sen sempre ter ferramentas para intervir? É da administración educativa, que debe liderar políticas públicas eficaces? Ou somos todos, como sociedade, quen temos que dar un paso adiante? Con esta preocupación de fondo, Galicia Confidencial fala con María Dolores Fernández Tilve, coordinadora do grupo de investigación ATALAIA, do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da Universidade de Santiago de Compostela (USC), quen participa activamente no deseño do Plan Galego de Benestar Dixital. A súa análise é tan clara como rotunda: "Estamos ante un problema de saúde pública".

O 95,7 % DOS ADOLESCENTES GALEGOS CONTAN CUN MÓBIL CON CONEXIÓN A INTERNET, AO QUE ACCEDEN ARREDOR DOS 11 ANOS

"A situación é preocupante. Hai evidencias científicas moi contundentes recollidas en recentes informes internacionais (Unicef, Unesco, OMS...), baixo a dirección científica do profesor Antonio Rial Boubeta, que demostran que os menores están facendo un uso cada vez máis temperán, frecuente e intensivo das pantallas, e iso está a xerar problemas reais de saúde física e mental", advirte Fernández Tilve. Segundo relata, trala pandemia o uso da tecnoloxía disparouse e moitos nenos e nenas e adolescentes empregan os dispositivos dixitais dun xeito pouco saudable, seguro e responsable. "Agora estamos ante unha preocupación social crecente e iso non pode pasar desapercibido pola administración educativa, porque está xerando verdadeiros problemas de saúde física e mental", sinala. Entre os problemas máis frecuentes asociados ao mal uso destas tecnoloxías, destaca os trastornos do estado de ánimo, a baixa autoestima, a ansiedade, a depresión ou o insomnio. Tamén menciona o sedentarismo, o illamento social e mesmo desordes alimentarios que xa están a ser detectados polos pediatras. "Falamos de cuestións que cada vez se están a agravar máis, e que esixen dunha resposta colectiva", insiste.

Nese camiño, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación profesional da Xunta de Galicia apostou de maneira decidida pola elaboración dun plan integral para fomentar un uso responsable das tecnoloxías. "Un plan estratéxico, transversal e innovador, que aposte pola saúde emocional e a convivencia, pero sen renunciar ao potencial da tecnoloxía", explica Fernández Tilve. Os datos empíricos dispoñibles son contundentes: o 95,7 % dos adolescentes galegos teñen un móbil con conexión a Internet, ao que acceden arredor dos 11 anos. O 69,7 % conta cunha videoconsola dende os 8 anos. Ademais, segundo o Plan Nacional sobre Drogas do ano 2024, o 20,5 % dos mozos e mozas de entre 14 e 18 anos fan un uso problemático das redes sociais. "Estes datos non nos poden deixar indiferentes", recalca.

Riscos asociados ao uso de móbiles en menores
Riscos asociados ao uso de móbiles en menores | Fonte: Commons - Arquivo

"A SOCIEDADE ACTUAL É CADA VEZ MÁIS LÍQUIDA E DIXITALIZADA; HAI QUE DOTAR AOS MENORES DE FERRAMENTAS PARA INTERACCIONAR DE XEITO RESPONSABLE"

A presión social tamén xoga un papel clave. Moitas familias recoñecen que non querían darlles un móbil aos seus fillos e fillas tan cedo, pero que se sentiron na obriga de facelo por iso de que 'todos os seus compañeiros e compañeiras o teñen'. Isto, di Fernández Tilve, non pode ser unha escusa. "Temos que asumir a nosa responsabilidade como proxenitores", asegura, e engade que "non se trata de prohibir, senón de educar, acompañar e supervisar". Fronte a unha realidade ben distinta, na que "cando os nenos e nenas cumpren apenas 14 anos son os propios proxenitores os que lle abren unha conta nas redes sociais", pero tamén os que, unha vez aberta, "non supervisamos nin realizamos tarefas de control". Así, aínda que existe unha normativa estatal clara que non permite o acceso de menores de 16 anos ás redes sociais, a realidade é que na práctica semella que non se está cumprindo.

O plan impulsado pola Administración educativa galega, que agardamos sexa un referente para outras comunidades autónomas do Estado, pretende traballar a prevención desde múltiples frontes, nunha estratexia integral para promover o uso saudable, seguro e responsable da tecnoloxía na infancia e na adolescencia: formación específica para o profesorado, acción titorial dende os centros educativos con accións e medidas concretas, programas parentais para as familias e impulso de figuras clave como os coordinadores de benestar e convivencia. "Temos que ofrecer ferramentas ao alumnado, ao profesorado e ás familias, ferramentas para afrontar os riscos a aproveitar os beneficios da tecnoloxía", sostén Fernández Tilve. "Este é un problema de todos e, por tanto, temos que facer unha actuación preventiva dende unha perspectiva intersectorial, buscando sinerxias e colaboración interinstitucional", considera. Tamén se promoverá unha educación dixital regulada a través dunha lei pioneira a nivel estatal, con especial atención á ciberseguridade, á ciberconvivencia e á saúde dixital. "A sociedade actual é cada vez máis líquida e dixitalizada, polo que temos que dotar aos menores de ferramentas para interaccionar de maneira responsable", conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta