Por Galicia Confidencial | Allariz | 30/05/2025 | Actualizada ás 11:09
Os días 30 e 31 de maio terá lugar en Allariz a VIII edición da Romaría Celeste "nunhas xornadas nas que non faltarán a comida, a música, e sobre todo, as altas doses de celtismo", din dende a peña "Allariz Celeste", organizadores do evento.
O venres ás 19:00 h., e para ir quentando motores, a festa dará comezo cun roteiro de viños polo casco vello de Allariz amenizado polo Gaiteiro de Penalta.
O sábado 31 será o día grande Ás 11 da mañá haberá un roteiro para coñecer a historia da vila alaricana que rematará nos Xardíns do Museo do Coiro, lugar da celebración do Xantar Popular.
As 12:30 h. dará comezo a sesión vermú, amenizada pola Charanga A Felga, seguida ás 14:30 h. da presentación da Romaría, a cargo dos membros da organización e as autoridades alí representadas.
Rematada a parte mais institucional, comezará o Xantar Popular, seguido das actividades propostas para a tarde, que van dende hinchables e pintacaras para nenos e nenas, campionato de futbolín, para os maiores, e música en directo a cargo dos grupos Engra (20:30 h.) e de Maskarpone (22:30 h.) e música con DJ ata o fin da festa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.