Por Galicia Confidencial | Compostela | 02/06/2025 | Actualizada ás 15:46
A extracción e procesamento das terras raras presentan beneficios económicos, pero tamén, importantes desafíos. A explotación mineira é altamente contaminante e a súa reciclaxe é moi complicada, xa que os lantanoides comparten propiedades químicas moi semellantes que dificultan a súa separación e reutilización. Esa, cando menos é a opinión do investigador posdoutoral da Facultade de Química da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Julio Corredoira Vázquez, que aposta por investigar métodos máis sustentables para o seu aproveitamento e a buscar alternativas que reduzan o impacto ambiental asociado.
Precisamente, os minerais raros volven estar na axenda política tras a decisión da UE de potenciar estes recursos nunha guerra comercial aberta con outros países, principalmente, China, Rusia e Estados Unidos, de facerse con estes valiosos recursos. Un asunto do que, obviamente, non é alleo Galicia, que ten varios lugares susceptibles de ser explotados. De feito, un deles, a mina de Doade, acaba de recibir o visto e prace da UE para a obtención de litio.
Por iso, para o presidente da Xunta, a obtención destes recursos é esencial para a economía galega, sempre e cando, haxa un respecto polo medio ambiente. "Nós estamos a favor da explotación racional e respectuosa dos nosos recursos para que a riqueza se cree e se manteña", dixo ao ser preguntado a este respecto por Galicia Confidencial. "Non estou a favor do non e que non se faga nada en Galicia. Se é posible e se respecta o medio ambiente pois o lóxico é crear riqueza que se produza en Galicia e xere recursos en Galicia", dixo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta.
ALTRI E ENCE
Neste sentido, aproveitou para volver criticar aos de "non", aos que vincula con plataformas ecoloxistas e o BNG pola súa negativa a proxectos como os da megacelulosa de Altri en Palas de Rei. Así, relacionou a autorización ambiental dada a un novo proxecto de Ence nas Pontes, coa de Altri en Palas de Rei. "Se o problema é unha celulosa, os que fan protestas selectivas deberían explicalo", dixo ao lembra que os mesmos técnicos que aprobaron o informe de impacto Ambiental (DIA) de Altri, foron os mesmos que aprobaron a DIA de Ence nas Pontes.
"E porque se vilipendia nun sitio e non noutro?", preguntouse "porque se deron esas autorizacións é porque cumprían". "Hai plataformas e colectivos que non lles vale se non se di o que eles din", apuntou sobre a decisión de Ulloa Viva de recorrer ao Ministerio de Cultura sobre o informe de impacto da megacelulosa no Camiño de Santiago. "Euu reafirmome na profesionalidade dos técnicos", aclarou.
Rueda tamén se referiu á decisión do Tribunal Constitucional de admitir a trámite o recurso do Concello de Pontevedra contra a prórroga de Ence na ría de Pontevedra. "Que tipo de industria lle vale ao BNG?, que alternativas teñen e como queren que a riqueza industrial quede en Galicia?", preguntouse.
Ence. Se o problema é unha celulosa. Os que fan protestas selectivas deberían explicalo. Os mesmos técnicos que emitiron unha DIA, emitiron a outra. E porque se vilipendia nun sitio e non outro. E se deron esas autorizacións é porque cumprián. Sobre manifestaicóns hai que preguntarlle.
PONTÓN
Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, propuxo declarar estratéxicos os recursos mineiros e o conxunto dos recursos naturais galegos e acusou ao Goberno da Xunta de "abrir a porta ao espolio tamén na minaría". Nunha rolda de prensa ofrecida este luns, a líder do Bloque destacou as principais liñas da proposta do seu "goberno alternativo" ao sinalar que inclúe medidas reguladoras, de planificación e de xestión cun "horizonte claro": "Galicia ten que beneficiarse da riqueza mineira de Galicia".
Pontón recalcou a aposta da formación nacionalista por pór esa riqueza "ao servizo do país", "garantir o peche de ciclos e a preservación dos sectores produtivos, de recursos hídricos, do territorio e da biodiversidade", fronte a un Goberno do PP que aplica na minaría "o mesmo modus operandi" que vén aplica con todos os recursos naturais de Galicia, "a filosofía do espolio".
Neste sentido, acusou ao Executivo de Rueda de utilizar eses recursos "para polos en mans de grandes multinacionais ou empresas amigas do PP a prezo de saldo", facilitando que "se forren á conta da riqueza dos galegos e das galegas", mentres a maioría paga o prezo ambiental e social deste modelo.
Nesta liña, dixo que a Xunta aprobou en 2023 unha Axenda Mineira Sustentable "con absoluto escurantismo e sen coñecemento nin participación da sociedade galega" e que, posteriormente, en xuño de 2024, iniciou a tramitación do Plan de desenvolvemento dos dereitos mineiros que, segundo dixo, dá "barra libre para pór no mercado ao mellor ofertante ao redor de 200 mineiros que estaban caducados".
REDE NATURA
Na rolda de prensa, ademais, Pontón denunciou como, mentres aproba normativas que "aceleran o espolio" dos recursos mineiros, o PP "paraliza instrumentos de planificación das actividades extractivas e de protección do territorio".
"Aí temos a paralización da ampliación da Rede Natura ou a paralización da tramitación o plan sectorial de actividades extractivas", dixo, tras mostrarse moi crítica tamén coa modificación da composición do Consello de Minaría de Galicia a través da lei de acompañamento dos orzamentos, coa que o PP eliminou a representación de todas as asociacións ecoloxistas, organizacións sindicais e das comunidades de montes en man común.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.