Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 08/06/2025 | Actualizada ás 20:00
Nos últimos anos, as costas galegas foron escenario dunha silenciosa pero persistente ameaza viral que afecta ás súas poboacións de aves mariñas. A gaivota patiamarela ('Larus michahellis'), habitual e omnipresente nos cantís, portos e vertedoiros do litoral atlántico, pasou a converterse nun dos indicadores máis visibles da circulación da influenza aviaria de alta patoxenicidade (IAAP), concretamente do subtipo H5N1. Este virus, con orixe en Asia e expandido polas rutas migratorias das aves, protagonizou brotes masivos en Europa e obrigou a reforzar a vixilancia tanto en fauna silvestre como en explotacións avícolas. Galicia, pola súa ubicación estratéxica no paso migratorio atlántico, foi especialmente vulnerable ao impacto deste virus sobre as aves silvestres, especialmente sobre as gaivotas patiamarelas, o que levou ás autoridades competentes a manter un plan de vixilancia activa para a detección temperá de focos e á adopción de medidas de control.
Segundo datos oficiais do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a comunidade galega concentrou unha parte significativa dos casos de gripe aviaria detectados en aves silvestres en España. Só no 2024, segundo cifras comunicadas pola Xunta, confirmáronse máis de 20 positivos (ata o 80 % dos casos rexistrados en España), todos eles en gaivotas achadas mortas en praias ou zonas urbanas costeiras. Se ben é certo que no que vai de 2025 non houbo novos casos en Galicia, rexistrándose só 2 en España --nun falcón pelegrín en Cádiz e en gansos silvestres en Badaxoz--. E, aínda que na maioría dos casos non hai risco para a saúde humana, a persistencia do virus no ecosistema mariño preocupa investigadores e autoridades sanitarias. Antonio Figueiras, investigador do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC), confirma que gripe aviaria afectou de maneira reiterada a aves silvestres mariñas, especialmente ás gaivotas patiamarelas, en diversos puntos do litoral galego.
Pero hai máis. Pois cómpre lembrar que un dos episodios máis inquedantes produciuse en outubro de 2022, cando se detectou un brote de H5N1 nunha granxa de visóns de Carral, o que supoñía a aparición deste patóxeno máis aló do medio silvestre e máis aló das aves. As investigacións científicas apuntaron a que o virus fora introducido dende aves silvestres infectadas, entre as que se incluían gaivotas achadas mortas semanas antes en zonas próximas da Coruña e Lugo. "O caso de Carral foi un punto de inflexión, porque supuxo un salto de especie a mamíferos, o que preocupa dende a perspectiva de saúde pública a nivel internacional", sinala Figueiras. Ese brote puxo enriba da mesa a necesidade urxente de entender mellor como circula o virus no medio natural e ata que punto pode supoñer un risco zoonótico. O caso está documentado nun estudo da revista 'Eurosurveillance' firmado por M. Agüero e outros investigadores no ano 2023, onde se subraia a posible adaptación do virus a novas especies hospedadoras.
A IMPORTANCIA DE DIFERENCIAR A IAAP DO BOTULISMO AVIAR
A pesar da preocupación que esperta a gripe aviaria, Figueiras subraia que non todas as mortes de gaivotas patiamarelas responden a esta causa. De feito, estudos científicos recentes atribúen o groso do declive poboacional desta especie a outro inimigo silencioso: o botulismo aviario, igual de letal que a influenza. Esta enfermidade, causada por toxinas bacterianas, xera un síndrome paralítico que incapacita ás aves e remata provocándolles a morte. "A maioría dos episodios de mortandade masiva en gaivotas rexistrados nos últimos anos débense ao botulismo, non ao H5N1. É importante non confundir ambos fenómenos, aínda que poden coincidir temporal ou xeograficamente", explica o investigador do IIM.
Esta distinción é fundamental. Mentres a IAAP pode ter implicacións zoonóticas --como quedou demostrado no brote de visóns--, o botulismo aviario resposta a condicións ecolóxicas específicas que favorecen a proliferación de 'Clostridium botulinum', a bacteria responsable. Estudos publicados recentemente na revista 'Toxins' por equipos do IEO de Vigo (CSIC) e outras institucións científicas vincularon o síndrome paralítico observado en gaivotas galegas a este tipo de toxina bacteriana, descartando que se tratase dun efecto directo do virus da gripe aviaria.
PRINCIPAIS DIFERENZAS ENTRE A GRIPE AVIARIA E O BOTULISMO AVIARIO
UN ECOSISTEMA VULNERABLE, UNHA VIXILANCIA CONSTANTE
Galicia, pola súa posición xeográfica e riqueza en biodiversidade, converteuse nun laboratorio natural para observar a evolución destas ameazas. As costas galegas, especialmente sensibles aos cambios ecolóxicos e á presión humana, requiren dun seguimento continuo. "O control de enfermidades emerxentes en fauna silvestre non é só unha cuestión de sanidade animal, senón de saúde pública e de conservación do medio natural. A vixilancia debe ser constante e multidisciplinar", conclúe Figueiras. Os datos máis recentes poden consultarse nas páxinas do Ministerio de Agricultura (MAPA) e da Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EPSA), onde se recompilan os focos activos e as recomendacións sanitarias. Mentres tanto, os investigadores galegos seguen alerta: cada ave enferma ou morta pode ser unha peza clave para entender os riscos das zoonoses no litoral atlántico.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.