Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/06/2025 | Actualizada ás 16:41
A senadora do Bloque Nacionalista Galego, Carme da Silva, defenderá a próxima semana no Pleno do Senado unha proposta de modificación do Regulamento da cámara alta co obxectivo de garantir o uso "pleno e normalizado" do galego e das demais linguas oficiais do Estado en toda a actividade parlamentaria.
A proposta, rexistrada conxuntamente por BNG, ERC, EH Bildu, Compromís, Geroa Bai, PNV, Junts e o representante de Eivissa e Formentera, busca dar continuidade ao avance que supuxo a "histórica reforma" do Congreso en setembro de 2023, e adaptar no Senado "a realidade lingüística e territorial do Estado".
En concreto, a iniciativa contempla que calquera senador ou senadora poida usar o galego, catalán, aranés ou eúscaro en todas as intervencións no Pleno, en comisións, órganos funcionais e de representación oficial, así como nas iniciativas parlamentarias escrituras, incluíndo preguntas ao Goberno, que deberán ser respondidas na mesma lingua.
"O galego é unha lingua oficial recoñecida e como tal debe poder empregarse con total normalidade en todas as institucións do Estado, tamén no Senado", sinalou da Silva, quen tamén insistiu en que esta reforma é un "paso fundamental" para pór fin á "discriminación sistemática".
Neste sentido, a senadora nacionalista denunciou o "boicot sistemático do Partido Popular tanto nas institucións do Estado como no ámbito europeo. "Non podemos esquecer que o PP votou en contra de que se puidese falar galego no Congreso e que, agora mesmo, está a manobrar en Bruxelas para bloquear o recoñecemento do galego como lingua oficial da Unión Europea", concluíu Carme da Silva. Con todo, engadiu que o PP "utiliza as institucións para invisibilizar e desprezar o galego, son responsables dunha política lingüicida que nega dereitos e empobrece a cultura".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.