Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/06/2025 | Actualizada ás 16:22
A fiscal de sala xefa da sección penal do Tribunal Supremo, Teresa Peramato, pronunciouse sobre a investigación ao exconselleiro do Mar, Alfonso Villares, por unha presunta agresión sexual e aseverou que, neste contexto, o que hai que facer é "abrazar ás vítimas, darlles credibilidade e non cuestionalas desde o primeiro momento".
Tras unha semana que estivo marcada pola dimisión do conselleiro ao estar investigado por unha presunta agresión sexual, a fiscal foi preguntada pola actitude do Goberno galego ao redor deste caso e fixo fincapé en que habería que "abrazar ás vítimas e manter un comportamento de tolerancia cero fronte a calquera agresor".
"É verdade que estamos a falar de presunción de inocencia, de denuncias, dunha investigación, pero obviamente a min paréceme que o que si transmite unha mensaxe adecuada á sociedade é colocarse ao lado das vítimas e non dar unha imaxe que poida ser contraria a ese principio", esgrimiu nunha entrevista concedida á Cadena Ser e recollida por Europa Press.
Consultada sobre discursos políticos que negan a violencia de xénero, Peramato sinalou que "o discurso negacionista afecta directamente as vítimas, pero ademais está empoderando aos agresores na súa posición de dominio e de control".
"Unha sociedade democrática non se pode permitir a persistencia de actos de violencia desta natureza que afectan ao 51% da poboación. Se ese negacionismo chega ás institucións e prodúcense recortes naqueles recursos que van dar o apoio, o acompañamento, a asistencia psicolóxica e a asistencia económica ás vítimas, evidentemente estalles prexudicando moitísimo e non o podemos consentir", reivindicou.
VIOLENCIA ENTRE MOZAS
Sobre os casos de violencia machista entre a poboación máis nova, a fiscal mostrouse "preocupada" de que esta violencia "se estea incrementando", o que revela, segundo ela, "que se está fallando na prevención porque non están a asumir que eses comportamentos violentos son inxustificables".
Con todo, tamén quixo reivindicar os avances nesta materia, neste sentido, alegou que "se avanzou moitísimo, tanto en medios persoais como materiais para investigar os actos de violencia de xénero e para protexer de forma efectiva ás vítimas, mesmo para detectar a violencia que poidan sufrir as mulleres neste ámbito".
Así mesmo, destacou que a lexislación española "é cada vez máis protectora e máis eficaz no ámbito da protección das vítimas", de feito, situouna "á vangarda non só en Europa senón no mundo".
"Eu creo sinceramente que non é que haxa máis violencia de xénero, senón que, efectivamente, as vítimas confían máis na Administración de Xustiza e por iso nos últimos anos está a verse que confían e que denuncian máis. Eu creo que esa é a realidade", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.