Xosé Manuel Beiras defende a actuación de Sánchez en relación ao 'caso Koldo': "Sabe bastante ben o que ten que facer"

"En fronte hai toda a cuadrilla de impresentables, desleais, corruptos, antidemócratas, cómplices do xenocidio que comete o Estado de Israel en Palestina, que se chama PP e os seus xerifaltes", esgrimiu o histórico dirixente nacionalista.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/06/2025 | Actualizada ás 14:47

Comparte esta noticia

O histórico dirixente nacionalista Xosé Manuel Beiras asegurou que o presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, "sabe bastante ben" o que debe facer xa que, ao seu xuízo, "demostrouno". Así o fixo este sábado, nun acto homenaxe da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), consultado polos medios de comunicación sobre a situación actual do PSOE polos diferentes informes de Unidade Central Operativa (UCO) no chamado 'caso Koldo' e se Sánchez tería que tomar algunha decisión máis contundente.

"Sánchez sabe bastante ben o que ten que facer en cada momento, lévao demostrado", asegurou Beiras, á vez que criticou que fronte a iso está "o PP e os seus xerifaltes". "En fronte hai toda a cuadrilla de impresentables, desleais, corruptos, antidemócratas, cómplices do xenocidio que comete o Estado de Israel en Palestina, que se chama PP e os seus xerifaltes", esgrimiu.

O que fora dirixente histórico do BNG, Xosé Manuel Beiras, durante un acto de campaña do BNG, no Hotel Compostela, a 9 de febreiro de 2024
O que fora dirixente histórico do BNG, Xosé Manuel Beiras, durante un acto de campaña do BNG, no Hotel Compostela, a 9 de febreiro de 2024 | Fonte: César Arxina - Arquivo

UN MONOLITO CONMEMORATIVO E A PLANTACIÓN DUN TEIXO

Santiago acolleu este sábado os actos da homenaxe que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) rendeu ao histórico dirixente nacionalista Xose Manuel Beiras. Así, a primeira localización escollida para comezar a celebración foi o parque de Galeras. Alí, xa se atopa un monólito conmemorativo no que reza gravado 'Meu amor de madrugada. Xosé Manuel Beiras'. Nesa mesma contorna, onde tamén se localizan o abeleiro de Euloxio Ruibal e o carballo de Víctor Vaqueiro, Beiras plantou unha árbore elixida por el, un teixo.

Neste acto, que comezou ás 11.30 horas e no que os gaiteiros foron os encargados da banda sonora deste día, acudiu, entre outros, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín. Tamén estiveron presentes o portavoz de Anova, Martiño Noriega; o portavoz dos Comuns e secretario primeiro da Mesa do Congreso, Gerardo Pisarello; así como os edís expulsados do PSOE compostelán. A rexedora compostelá, durante a súa intervención, na que cualificou esta xornada como "un día de festa e magnífico", fixo referencia ás facetas de Beiras como "creador de textos, teoría económica e política, autor de artigos xornalísticos de indubidable valor, tradutor ao galego de obras de relevancia mundial e autor de obras de narrativa e poética".

Pola súa banda, Beiras, que lembrou a súa infancia en Compostela, asegurou que "nunca se considerou escritor" fronte a outros escritores galegos da Xeración dos 50 e remarcou que sente "absolutamente feliz" de recibir esta "homenaxe inmerecida". Tras isto, a comitiva dirixiuse ao Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) onde lle entregaron a Beiras a 'Letra E' --unha peza escultórica elaborada por Silverio Rivas--. Esta iniciativa anual converteuse en xa unha tradición na traxectoria da asociación e o obxectivo é honrar aos escritores buscando o contacto directo co autor e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Semella que cando chegas a vello rendes as armas ante o inimigo (UPG) Enfronte toda a panda de impresentábeis, desleais, corruptos, antidemócratas, cómplices do xenocidio que comete o Estado de Israel Así que seguimos enfrontados, regresamos ao 1936 agora coa Fronte Popular (Corrupta) // Supoño que aos Socios do Goberno se lles pode aplicar a propiedade transitiva da Corrupción do Estado agás que sexan espíritus puros que prantan teixos... Sorpréndeme este Beiras entregado ás teses da UPG que tanto combateu no pasado... Pero calquera ten un mal día... (ou tamén o xornalista aproveitou a ocasión) Cousas Veredes !